21 nov 2011

"magnifico" resultado...., mais tras dos tempos veñen tempos... e outros tempos han de vir

Hai quen di que os partidos de fútbol substitúen ás guerras ( afortunadamente ) . As equipas son os "exércitos” que pelexan por nos. Asi se entenden moitas cousas. Coas  eleccións pasa algo parecido. Para a xente que fomos criados/as na ideoloxía da esquerda, cada elección vémola como unha “toma do poder” , como unha revolución que se gaña ou se perde para sempre. Eu vivín así moitas eleccións , mais xa pasei unha chea delas, 25 ou 30, e agora xa me parece que teñen mais similitude co fútbol. E dicir cada parido é decisivo, é o partido do século, mais ao pouco hai outro partido mesmo outro campionato. Iso non que dicir que non haxa eleccións que son decisivas para moito tempo. E estas son desas.
Pero hai outras similitudes. Nos últimos tempo cada vez me preocupa mais esta concepción de que as eleccións son confrontacións que gañan ou perden os partidos políticos. As eleccións non as gañan ou perden os partidos políticos. Nas eleccións decidimos cómo nos vai ir no futuro a nós. E dicir votamos por nós e para nós. Polo tanto as alegrías ou tristuras dos partidos non teñen sentido e menos olladas individualmente para cada un deles. As que teñen sentido son as nosas alegrías ou tristuras. Nos votamos onte por nós mesmos/as e decidimos que nos interesa ir a peor ( desde o meu punto de vista) , se cadra coa esperanza de que hai que pasalo mal de momento para despois mellorar.
En todo caso a min ocorrésenme varias reflexións sobre os resultados:

1.- Parece evidente que unha maioría dos/as votantes do PSOE decidiu absterse. A vitoria de PP ven mais dos catro millóns de votos que perdeu o PSOE que dos cincocentos mil que gañou. Si o PSOE mantivera o mesmo numero de votos que no 2008, gañaría as eleccións ( a suba do PP seria insuficiente para gañar)

2.- Así pois, o”revulsivo” do 15-M aireado desde os medios de comunicación que podemos situar no centro-esquerda, parece que non serviu para evitar o poder absoluto do PP ( non me atreverei a dicir si axudou a elo). O que sí me atrevo a dicir, porque hai tempo que o penso, é que Zapatero foi tombado, non só pola crise económica, senón polos seus supostos apoios, dentro e fora do partido, sobre todo por certos grupos de comunicación “afíns” ( grupo PRISA por exemplo) que dese hai anos viñan cuestionando ( aberta ou solapadamente ) a Zapatero  por razóns ( se cadra económicas ) que ,desde logo, que non teñen nada que ver coas miñas.

3.- As forzas que se sitúan á esquerda do PSOE e fixeron da defensa  “dramática” do estado do benestar fronte aos recortes “sen precedentes” do PSOE, a penas conseguiron captar a cuarta parte dos votos desencantados do PSOE. Nun barrene anterior deste blog  (25/08/2011)  tratei de explicar que, desde o meu punto de vista, a esquerda estaba enfocando moi mal este debate e deixando que a dereita impuxese a súa vision ideolóxica. Pode ser que tivera razón. EU apenas recuperou o seu nivel de 1979 ( PCE) ou do 1989 , pero lonxe aínda dos resultado de 1996. Da a impresión de que mais que captar votantes do PSOE “recupera” algúns dos seus. O BNG, mesmo perde trinta mil  (o 14% )dos seus votos e salva os deputados pola debacle do PSOE.

4.- Hai tempo que creo que para que se produza un cambio no voto, non só fai falla que o partido a quen se votou estea desacreditado, é necesario que a xente perciba noutro partido unha alternativa viábel. E iso non se deu. En plena crise económica sistémica cando tiñamos que estar formulando proposta nova de cara ao futuro, que de verdade foran ao fondo do problema ( decrecemento, esgotamento recursos naturais, distribución  xusta da riqueza, universalidade do estado do benestar a traveso de rendas básicas ou similares, solucións que dependan de nós mesmos/as, . ..) os programas dos partidos a esquerda do PSOE , en xeral e agás excepcións, eran coma as cancións que as orquestras repetían nas festas ( “dálle á mesma pero máis cargada de bombo” ). E dicir máis ou menos as mesmas receitas ... máis cargadas de bombo
Estes partidos ( EU, BNG, ERC, .) xogaron a aproveitarse do “moribundo” e desacreditado ( PSOE ), tratando de captar o voto do cabreo. Mais o voto do cabreo non da moito de si. Erich Fromm distingue entre as persoas rebeldes e as persoas revolucionarias. Para el , ser rebelde é opoñerse ao establecido e non necesariamente é unha virtude positiva. En todo caso  cando é positiva non vai máis aló do enfrontamento a algo malo. Pola contra as persoas revolucionarias son persoas transformadas que crean novas  e mellores alternativas. El chama a non confundirse e a ser revolucionario/a e non só rebelde. Mais, neste últimos tempos,.os partidos á esquerda do PSOE ( EU mesmo o levaba de consigna) fixeron un chamamento á rebeldía mais non á revolución ( e dicir á transformación do que hai)

En fin, segundo lle escoitei onte aos “lideres”,  “magnifico” resultado para o PP , “magnifico” resultado para EU e “magnifico” resultado para o BNG . Neste ultimo caso non vou ser eu quen cuestione esta estratexia de comunicación  mais propia dos militares en tempos de guerra , porque xa sei o que lle pasa a quen a cuestiona ( traidor!!!). Só agardo que non se cumpra o vaticinio de Groucho Marx : “vamos de vitoria en vitoria ... ate a derrota final”.

O partido foi transcendente, e non nos foi ben, pero dentro de pouco haberá outro partido do século e , agardemos, mesmo outro campionato. Hai que empezar a prepararase.
 

11 oct 2011

nacionalismo e autoestima


Sentímonos nacionalistas cando nos sentimos humillados/as. O noso nacionalismo disparase cando creemos que nos fan de menos. Mesmo si nos din que non falamos ben o castellano, que ben pensado podía ser un motivo de orgullo. Ou cando se nos di que non nos definimos…. característica do noso carácter que ten aspectos, ao meu entender, moi positivos.
Pero o noso non é un nacionalismo baseado na autoestima. Onde realmente estamos a gusto é cando un Banco deixa de ser galego ou cando os investimentos públicos non son os que queremos ou cando non estamos ben comunicados con Madrid.
Si o pensades ben, o noso nacionalismo non consiste na aspiración a construír unha nación, por nós mesmos/as e cos nosos propios medios. Orgullosos/as do que somos, de cómo somos e do que queremos ser. Reivindicando o estilo de vida e a nosa forma de entender o mundo.
O noso nacionalismo converteuse en localismo. O noso obxectivo é reclamar a Madrid. Vivimos en función de Madrid. Ate o obxectivo declarado do nacionalismo para estas eleccións é sinxelamente : “denunciar en  Madrid …….”
Cando en mais dunha ocasión dixen que o AVE a Madrid non debía ser unha das nosas prioridades senón a comunicación con Asturias e Portugal, sempre se me mirou , digamos que atravesadamente. O AVE a Madrid, para que nos relacionemos mellor coa capital de España é hoxe unha das loitas onde mais fincapé fan os nacionalistas.
Para min un nacionalista debe aspirar sempre a ter un estado propio. Aínda que  non queira separase. Aínda que o seu sexa un proxecto unitario ( tamén o nacionalismo pode ter un proxecto unitario). Por iso , ao meu entender, o que distingue mais claramente o nacionalismo do localismo é a política exterior. Un/ha nacionalista que aspira a ter estado propio ten que ter en mente un proxecto de inserción no mundo, unha determinada política exterior ( con quen relacionarse e como relacionarse).
¿Alguén albisca, aínda que só sexa como unha punta do iceberg, a política exterior do nacionalismo galego? ¿Alguén albisca se o seu proxecto vai máis aló de “reivindicar fronte a Madrid” ? ¿ Por que un Banco ten que ser só galego e non pode ter alianzas exteriores?
Foi esa política localista  e seguidista ( querer ser como os ricos de Catalunya ou Madrid) a que guiou a posición do nacionalismo político maioritario sobre as caixas de aforros, co resultado  tan  nefasto como o que temos. Se cadra non había moito mais que facer, pero ¿por que unha estratexia de alianzas exteriores ia ser peor que esta?
Como outras veces, gustaríame estar equivocado . Que alguén me convenza do contrario …. por favor !

A medias


Teño a impresión de que ultimamente quédannos as ideas, e as frases que as expresan, a medias. E deixar as ideas a medias non é bo. Poñamos por caso, os partidos ( de esquerda que son os que me interesan) din : hai que sacar moitos votos para poder facer as transformación sociais requiridas. Pero ao cabo do tempo a idea e frase queda:”hai que sacar moitos votos”. Ao cabo tempo si seguimos así xa non saberemos para qué.
Outra idea: “os bancos e as empresas deben ter o centro de decisión en Galiza para que os Galegos e as galegas `poidamos incidir e influír nas súas actuacións”. Mais, co tempo, a idea a medias queda:”os bancos teñen que ter o centro de decisión en Galiza” aínda que os/as que decidan nada teñan que ver coas aspiracións e os intereses da maioría dos galegos/as. Outra mais:” e necesario o investimento publico para reducir as desigualdades sociais e  xeralizar os servizos públicos que afectan á maioría”, pero no debate quedou “ e necesario mais investimento público” ( doado de retrucar dicindo : estase despilfarrando)
Ao quedar as ideas a medias o medio convertese en fin. E iso polo xeral non é bo. En matemáticas hai condicións que deben cumprirse para chegar a determinadas conclusións. Pero, en matemáticas, é fundamental distinguir entre as condicións que son necesaria e suficientes, das que son necesarias pero non suficientes. No primeiro caso ao cumprirse a condición a conclusión conséguese. Diriamos que o medio é necesario mais tamén suficiente para acadar o obxectivo.
Sen embargo cando unha condición é necesaria pero non suficiente, cumprila non conduce necesariamente ao obxectivo perseguido. Na nosa vida , na actividade social case todos os medios non cumpren a condición de suficiencia para acadar o obxectivo proposto.
Sen embargo os programas electorais centrase nos medios:”crear unha oficina para …”, “facer un plano para …” Así o debate volvese opaco porque parece que todos/as perseguimos os mesmos obxectivos e só nos diferenciamos nos medios. Maiúsculo erro. O que nos diferenza ideoloxicamente son os obxectivos.
Neso a dereita é máis practica. Sabe cal é o seu obxectivo e emprega o medio mais acaído en cada momento. Como na vida real. Para labrar unha leira, non se pode nin se debe utilizar a mesma maquinaria. Depende do tipo de solo, da pendente. Mais tamén do tempo climatolóxico e mesmo das colleitas anteriores. Grande parte do éxito da colleita consiste en saber empregar a maquinaria axeitada a cada caso. Non hai un único medio para conseguir os obxectivos, hai múltiples e son cambiantes co tempo e o espazo.
Por iso, vexo que un dos grandes problemas de que a dereita estea impoñendo a súa ideoloxía e porque non debatemos sobre os seus obxectivos, senón sobre os seus medios. E aí ábrese paso na xente a idea : “a dereita sabe administrar mellor a economía”. Pero a idea de novo queda a medias. Si nos centraramos nos obxectivos debería ser :”a dereita administra mellor a economía para que se beneficien uns poucos”
E así estamos, debatendo sobre uns retiros millonarios nas caixas de aforros que , non sexamos hipócritas, xa coñeciamos. O que pasa que todos/as estabamos pelexando polas migallas dunha subvención para unha actividade social ou cultural nun concello. E o outro …. Mellor pechar os ollos. Non critico a quen buscaba estas subvencións, só digo que non sexamos hipócritas.
E cal é a razón, pois volvo ao comezo deste barrene, porque “hai que sacar votos” ….para qué ?  Boa pregunta..

20 sept 2011

sen saida ( ai vai un longo barrene)

Escoitei o outro dia a Iñaki Gabilondo dicir que aqueles que queremos algo diferente do que hai estamos nunha ruela sen saída e que máis vale que o recoñezamos. Concordo totalmente con el. A esquerda, sufriu un colapso cando se constatou o fracaso do “socialismo real”. Desde aquela algunhas persoas e organizacións se pasaron á teoría chamémoslle socialdemócrata, e dicir, tratar de modificar mais ou menos radicalmente o sistema capitalista, pero admitindo as regras de xogo existentes. Outras non o fixeron, pero practicárono. Todas practicaron unha política mais ou menos socialdemócrata e nunca se formularon ir máis aló neste tempo histórico. Iso xerou unha esquizofrenia mental nalgunhas delas. Radicais nas formas e nas palabras, moderadas no fondo. Facendo na realidade unha política da que renegaban na teoría. Mais iso é outro cantar.
O caso é que agora, todos e todas descubrimos que este camiño seguido con ou sen convicción teórica, tamén fracasou. Daquela quedamos efectivamente nunha ruela sen saída. Eu diría máis, topeneando coa cabeza contra a parede.
Ao mais que chegan algúns/as é a dicir aquelo de :”xa o diciamos, este sistema é inxusto”. E a continuación insisten nas propostas “clásicas” : Que paguen os ricos (¿como?), hai que manter o estado do benestar (¿con que diñeiro?), etc., etc. E dicir topeneando contra a parede. E mentres a dereita segue cautivando a xente coas súas propostas.
Hai dias dicía que o debate sobre o déficit estábase dando dunha maneira moi equivocada. O outro dia escoitei unha enquisa da cadea ser que parece darme a razón. Hai unha maioría de xente que prefire recortar en servizos sociais que pagar máis impostos. E desta volta non podemos botarlle a culpa ao inimigo ao man para estes casos ( sempre temos un culpábel a man....... que non sexamos nos claro). O manual di que o inimigo causante de que a xente opina de distinta maneira a nos é ............... a prensa. Mais neste caso non a podemos culpar, se aplicamos un mínimo de rigor. As radios, xornais e TV maioritarias non defenden un recorte de servizos sociais, senón o contrario. Sendo xenerosos podiamos dicir que os medios estan divididos.
Cal pode ser a razón desta situación. Pois ao meu entender varias:

1.- A desresponsabilización masiva ( da que fala Mia Couto) e a concepción ( alentada continuamente dende esquerda e dereita ) dun estado paternalista que nos debe todo e co que nada nos temos que comprometer
2.- O descrédito da “clase política” de maneira xeneralizada incentivada por unha xente nova rebelde ( 15 M e similares ) que a critica indiscriminadamente.
3.- Centrar as nosas reivindicación só e exclusivamente nos cartos. Parece que o noso obxectivo é só ter mais cartos. Xa sei que fan falla, mais nuns casos que noutros. Pero hai mais cousas nesta vida que ter mais cartos. Por exemplo seguridade de ser ben atendidos na sanidade e no ensino, por exemplo o coidado da natureza, as liberdades sociais...Ademais por riba de 40.000 ou 50.000 euros anuais a felicidade das persoas non aumenta ( segundo din os estudos, mais en Galiza seguro que o listón é mais baixo).
4.- Asimilar déficit publico a gasto publico. Non pode haber mais déficit, pero si máis gasto publico. Só hai que conseguir mais ingresos, e dicir, aumentar os impostos e xestionar mellor. Asimilar limite de déficit a limite de gasto publico significa admitir que se vai renunciar a recadar máis impostos. Polo tanto é deixar só unha alternativa: ou débeda ou recorte. E fronte a isto, o sentido común elixe claramente.
5.- Non admitir que parte da critica da dereita ten razón. O despilfarro de cartos públicos é bastante notable e a ineficacia da administración tamén. E certo que hai outras mais ineficaces, pero iso é o mesmo que queixarse porque á esquerda se lle esixe unha honestidade que non se lle esixe á dereita. Para ser iguais que os outros .... pensamos a maioria.
6.- Non lembrar que o estado é un aparello ao servizo dunha clase social. Bueno, si isto é moi antigo, decideo doutra maneira. Isto siñifica que o publico non é intrinsecamente bon...nen malo. Que o debate non está entre publico e privado, senon entre ricos e pobres, poderosos e trabaladores, explotadores e explotados ( como queirades expresalo). O publico está ao servizo duns ou doutros, mais raramente ao servizo de todos/as. A dereita segue con ese discurso explicita ou implicitamente. Mais a esquerda xa o abandonou

Eu creo que deberiamos centrar o debate nos impostos e na maneira de conseguir mais recadación. Pero sen esquecer dúas cousas: primeiro que os impostos non o solucionan todo e segundo que as criticas da dereita a certos impostos teñen unha parte de razón. Estamos nun camiño sen saída mais é posible atopar novos carreiros. Posiblemente haxa que transitar algo polos vellos, desbrozar nalgunhas partes e mesmo abrir de novo noutras. Mais é posíbel. Pero é posíbel si recoñecemos onde estamos ( sen saída) e analizamos o terreo de novo como si fora a primeira vez. E dicir se non seguimos a Marx (Groucho) de vitoria en vitoria ate a derrota final e facemos nosa a máxima preferida de Marx ( Carlos): dubida sempre de todo. E si aplicamos o escepticismo, base do desenvolvemento científico e das novas ideas. Permitídeme practicar un pouco deste escepticismo e poñer en cuestión algunhas das bases do noso pensamento “tradicional”.

Iguais en porcentaxe non siñifica iguais

Fagámoslle caso a Obama.... e falemos de Matemáticas. ¿Por que admitimos que igualdade se mide pola igualdade en porcentaxe? . Estamos adoptando unha base teórica totalmente enganosa. A estadística, as porcentaxes, disimuladas agora coa neopalabra :”punto” ou “punto básico”, poden servir para distorsionar a realidade se non andamos con coidado.
Xa sabemos os perigos de usar as medias. Así podemos crer que unha persoa come un bisté ao dia, aínda que non cate a carne en todo o ano, só porque outra come dous. As porcentaxes, compre lembralo, son froito dunha división entre dous números. Non serven polo tanto para comparar nada e por si mesmos nada nos din. Así a pregunta ¿que é maior o 25% ou o 45 %? a contestación é moi galega ......... depende. Porque a porcentaxe nada nos di si non é sabendo os números que serven para calculala. A referencia é a clave e normalmente a súa elección responde a unha intencionalidade ideolóxica ou política.
Parece unha estupidez lembrar todo isto porque supoño que xa o sabedes. Mais , xa que logo, ¿por que todos/as decindo que os ricos pagan o mesmo que os traballadores? Ou que o IVA grava por igual ao todo o mundo?
Empecemos por describir os feitos obxectivos: aínda que ricos e pobres paguen a mesma porcentaxe do seu patrimonio ou ingresos, os ricos pagan máis porque esta porcentaxe se aplica sobre maior cantidade. Isto é sinxelamente incuestionable. Outra cousa é que aínda deberan pagar moito máis, pero este é outro tema.
Mais implicacións ten o tema do imposto ao consumo. Gravar coa mesma porcentaxe os artigos de consumo non significa que ricos e pobres paguen o mesmo. Tampouco é verdade. Quen mais consume mais paga. Aquí non só hai que ter en conta a cantidade que se consume, senón o tipo de artigos que se consumen, Os ricos normalmente consumen artigos gravados cun IVA maior.
O dicir estas cousas non estou defendendo nin atacando nada. Estou describindo a realidade, porque ser conscientes dela é o primeiro que se debe facer para buscar alternativas.
Curiosamente a mesma esquerda e os sindicatos que consideran inxusto que todos paguemos a mesma porcentaxe nos impostos directos ou no consumo, negocian a inmensa maioría dos convenios con subas iguais en porcentaxe para todo o mundo o que leva ao cabo do anos a incrementar as diferencias entre quen cobra mais e quen cobra menos, é dicir, os sindicatos negocian convenios que aumentan as desigualdades. ¿Por que o que consideramos inxusto nun caso non o é no outro?
Finalmente outro erro monumental e contar o diñeiro en bruto. Comparamos a nosa capacidade económica en función do que cobramos en valor absoluto. Mais todos sabemos que o que importa en calquera operación económica non é o que ingresas, senón a diferencia entre o que ingresas e precisas gastar inevitablemente. Isto son as dispoñibilidades económicas que tes para vivir. Non é o mesmo cobrar 1200 euros en Xenebra que 1000 en Lugo. Probablemente as dispoñibilidades económicas e, polo tanto, o nivel de vida sexa maior en Lugo. Sen embargo ninguén fala dos salarios en relación ao custe da vida. Neste caso a porcentaxe podía ter unha interese comparativa. Pero aquí, precisamente, nunca a usamos.

Impostos para qué

Que quede claro que eu creo que os impostos son moi importantes. Xa o dixen. Nalgúns países do norte de Europa mesmo conseguen corrixir a inxustiza do sistema de xeito moi importante. Pero teñen uns limites para acadar esta corrección. Lenin tiña razón cando buscaba outros xeitos de crear un sistema social máis xusto . Inda que se equivocara nas solucións, non se equivocaba ,en grande medida, no diagnostico. Pero, no outro extremo, o mesmo podemos dicir da dereita. Gran parte das súas criticas non están faltas de razón. Cando din que os impostos aos ricos poden produción desercións nos investimentos, teñen razón. Non é unha simple análise. É unha amenza e seguramente están dispostos a cumprila.
Tratase de aplicar o sentido común. Se dicimos que quen mandan son os bancos. ¿creemos que quen manda se vai deixar poñer un imposto moi prexudicial par os seus intereses, así polas boas? Poden ceder ate un certo nivel, pero nada mais. Ou se lles quita o mando ou non se lles vai poder poñer algo efectivo. E si se lles quita o mando, ao mellor xa non se necesita poñerlles impostos.
Con isto non estou cuestionando a necesidade de poñer un imposto aos ricos. O que digo é que non nos enganemos. Esa non é “a solución”. Haberá que ir pensando en outras medidas que corrixan ou eliminen a inxustiza do sistema.
E non pretendo falar de revolución. Só de sentido común. Porque parodiando ao poeta, a nosa esperanza e o noso remedio non pode estar posta nos ricos ( fora) , senón en nós mesmos/as.
Sendo conscientes disto, deixando os prexuízos e sendo algo imaxinativo/a, seguro que se atopan alternativas. A min ocorrésenme algunhas cousas. Un falar por falar (tormenta de ideas dirían nunha reunión de executivos/as):
  • ¿Por que non pensamos doutro xeito o imposto ao consumo? ¿xogando cun IVA diferenciado, mesmo recuperando impostos especiais e o imposto de artigos de luxo, non conseguimos unha redistribución máis equitativa da carga fiscal? E mais doada de controlar porque todo diñeiro que se gasta acaba pagando, se nun é nun artigo é no outro. Un pode aforrar cen euros por non pedir unha factura ao fontaneiro,mais se con eses cen euros merca dou pantalóns, acaba pagando o IVA. So o diñeiro que non se gasta non o paga.
  • ¿Por que non é posible actuar directamente sobre os salarios para corrixir desigualdades? O primeiro empezando por negociar subas lineais nos convenios. Ou con porcentaxes decrecentes a medida que aumenta o salario. E despois poñendo un salario máximo, en valor absoluto ou en porcentaxe do mínimo.
  • Por que, en lugar, de permitir a acumulación de riqueza e despois tratar de que se pague por ela non se actúa antes. Por exemplo poñendo condicións ao reparto de beneficios das empresas. Que non se poda facer sen antes corrixir os baixos salarios dos empregados/as ( polo menos ate un certo nivel). Por exemplo obrigando a que unha parte do patrimonio que supere o razoable, se poña ao servizo da sociedade ( aínda que non se perda a propiedade da mesma) a traveso de investimentos de carácter social.
  • Por que non se crean nos impostos porcentaxes concretos con destinos concretos. Igual que as cotas da seguridade social que só poden adicarse a iso. Así podería haber porcentaxes fixos para sanidade, educación, medio ambiente, dependencia,... E con capacidade de decisión por parte da cidadanía na súa cuantia e no seu destino. Un paso adiante nos orzamentos participativos, para min algo obsoletos xa ( aínda que neste pais non se chegaran a poñer en practica).
  • Fundamentalmente o que fai mais igualitaria unha sociedade non é a progresividade dos impostos ( que axuda, iso si) senón a extensión e universalización dos servizos públicos:
    : a sanidade, ensino, dependencia, protección social, .... Polo tanto, ¿por que non destinamos máis cartos a estes aínda que sexa a costa dunha redución do consumo? Os postos de traballo que se perden nun lado seguro que se crearían noutro
  • da a impresión de que o noso modelo social é o modelo de vida dos ricos e as nosas reivindicacións son conseguir cartos para imitalos. Mais ¿Por que non ensaiamos o decrecemento, a redución do consumo e a creación de postos de traballo vencellados aos servizos xerais universalizados
    E ¿por que non recuperamos o servizo publico como servizo á cidadanía e non como un posto de traballo fixo sen mais?

Seguro que estas ideas son moi criticábeis. Seguro que as hai moito mellores . Podemos contribuír a atopalas. Porque o que si está claro é que estamos nunha ruela sen saída e que de nada nos vale reaccionar como nenos/as:”non quero, non quero, non quero, ...buahhhhhhhhh

31 ago 2011

o debate do deficit. ¿podiamos esquecernos das receitas, por favor?


Despois de escribir o texto anterior e de non recibir ningunha axuda, volvo insistir cos meus barrenes. Tentei mirar si hai algún análise interesante na rede, pero só encontrei tres. Tería que buscar mellor. Antonio Mora está na mesma liña ( creo) que o que eu formulaba antonte. Borrell vai en sentido diferente. Mais estou de acordo co final do seu artigo: los gobiernos se han acostumbrado a pedir prestado el capital a los que lo tienen en vez de exigirles un mayor esfuerzo tributario. Algunos desde la izquierda ven en esa restricción la oportunidad de un rearme fiscal, pero ese dudoso rearme fiscal seguiría sin darle al Presupuesto su capacidad de actuar de forma compensatoria en las fases bajas del ciclo. Un instrumento que debe usarse con inteligencia y mesura, pero al que no se debería renunciar constitucionalmente.
Non estou de acordo, sen embargo, na idea de que os impostos de hoxe non poden financiar os investimentos que se van disfroitar mañá. Paréceme unha postura demasiado “egoísta” e nada ecolóxica. Temos que actuar e construír hoxe cousas que poidan ser usadas no futuro. Porque si, porque hai que pensar na terra e no futuro. Porque non podemos entender a nosa vida só como o tempo que estamos aquí. Estou demasiado farto desas persoas que esquilman e contaminan e que, cando llo recriminas, contestan:”o que veña detrás que arree”.  Prefiro aos labregos/as que plantaban castiñeiros para que se beneficiaran os seus netos.  Pero ademais paréceme unha mala estratexia económica. Si nos vivimos mellor hoxe é, en grande medida, porque os noso pais e as nosas nais nos deixaron as súas propiedades e aforros. Pero fixeron o posible para que as vivendas chegaran a nos sen hipotecas. Si tiveramos que pagar nos toda ou unha parte da hipoteca, xa non servirían o mesmo  para mellorar a nosa posición económica.
A min pareceme que estamos dando un debate como nenos pequenos. Como di Jose Luis de Zarraga , que é contrario á reforma constitucional proposta, : es una obviedad que, dentro de sus límites, ninguna sociedad, cualquiera que sea su sistema económico, puede indefinidamente consumir más de lo que produce. Tal cosa sólo es posible drenando los recursos de otras sociedades, lo que sólo logrará mientras ejerza un dominio imperial sobre ellas, como es el caso de Estados Unidos durante las últimas décadas , ¿Por que, xa que logo, nos estamos centrando no tema do déficit de maneira tan simplista, e dándolle as  bazas a dereita que usa un argumento de incuestionable sentido común: non se pode gastar mais do que se ingresa?
Pola contra si se fixera fincapé en que isto é certo, pero debe haber a posibilidade de recorrer a débeda de xeito puntual en situacións concretas, que deben se valoradas en cada momento, o debate centraríase e definir cal deben ser estas situacións concretas e con qué condicións. E isto xa seria diferente.
Pero, tal e como esta o debate, as dúas posicións que coñezo nos partidos parlamentarios ( e no 15 M e similares) coinciden en apuntalar o sistema economico actual. Non supoñen ningún cambio do mesmo. A dereita porque sacraliza o déficit a fin de reducir o gasto social e poñer os servizos públicos en maos privadas. A esquerda que defende a débeda porque a súa postura lévanos a darlle negocio aos “mercados” e poñernos nas súas  maos, e dicir, a que eles decidan a política económica. Pero ademais porque sacralizan o PIB e o crecemento económico. Porque a súa loita centrase en conseguir máis “cartos” aquí e agora. E iso non era…non era o que defendiamos cando chamabamos á “transformación da sociedade”
Todo isto ven, ao meu entender, do feito de utilizar receitas inventadas para outro tempo e lugar. E decir por non cambiar o chip. Ou por esquecerse da recomendación marxista: análise concreto da realidade concreta ( aquí e agora, engado eu, por si acaso ). Isto lévanos a fracasos evidentes. Vou contar unha experiencia persoal.
Hai anos, cando era Director da Escola Universitaria de Forestais, formulouse a necesidade de establecer un limite de prazas. Defendían esta postura as autoridades académicas de aquel tempo,pero, curiosamente, tamén os representantes dos estudantes. Eu, que viña dunha tradición de loita estudantil contra os “numerus clausus”, defendín a non limitación de prazas. porque consideraba, de acordo con esa tradición  ( “o fillo do obreiro á universidade”),  que así se facilitaba que todo o mundo puidera estudar. Xa me debera dar conta de que era raro que os papeis estiveran cambiados: director defendendo libre acceso e estudantes limitación de prazas. Pero non. Finalmente non se puxo a limitación de prazas. Pero as demais titulacións si a tiñan. Nas mesmas épocas outra decana, declarada mais de esquerdas ca min, impoñía limites de prazas moi estritos en xornalismo. Forestais acabou recibindo todas as persoas rebotadas e masificouse de tal xeito que fixo imposible  impartir a docencia cun mínimo de atención e calidade. A dia de hoxe creo que a decisión foi un erro, aínda que tamén tivo as súas cousas boas, e ademais o tempo vai axustando as cousas. Mais aprendín que non se pode tomar unha medida illada do contexto concreto.
E isto precisamente é o que están facendo as posicións de esquerdas contrarias ao déficit cero. Escoito moi poucas voces que centren o debate de fondo: o cambio de modelo. Pero algunha haina, coma as meigas. A min , con moitos matices, gústame o que di Florent Marcellesi;  “para evitar un aumento de temperatura de más de dos grados (lo acordado en la cumbre de Copenhague en 2009), y teniendo en cuenta una continua mejora de la eficiencia energética, el PIB mundial tendría que bajar más de un 3% cada año, es decir hasta un 77% entre hoy y 2050  Polo tanto é necesario  otro modelo de producción y consumo donde reconciliemos nuestra aspiración individual y colectiva a la buena vida con los límites ecológicos de un planeta finito. Lo que Jackson ha denominado, de forma llamativa, la “prosperidad sin crecimiento”.

25 ago 2011

agradezo axuda para detectar fallos argumentais


Xa hai semanas que non escribo no blog porque non tiñas moitas ganas aínda que hai varias cousas que se me viñeron a cabeza. A ver si lles dou forma. Pero hoxe necesito a axuda de alguén. A min paréceme que , de novo, a esquerda esta dando un debate de maneira absurda sobre a limitación do déficit público. E  acaba de deixar que, de novo, a dereita gañe o debate ideolóxico. Sen embargo non digo isto polas razóns que moitos/as pensaredes. A min sáeme un pensamento moi lóxico que non lle vexo facer a quen se opón á medida. E en algo debo fallar porque o meu propio razoamento paréceme tan elemental que non entendo como non se fai por parte das persoas que escoito e leo.. Así que vou facelo para ver si alguén me di onde fallo ( si fallo).
En primeiro lugar falase indistintamente de limitación de gasto publico e limitación de déficit publico. Pero evidentemente non é o mesmo. E son partidario do aumento de gasto publico. Pero non de maneira indiscriminada. O gasto publico non é intrinsecamente bo en si mesmo. Por exemplo, non creo que debamos aumentar o gasto publico en sanear os banco, ou en facer aeroportos sen avións, ou en darlle subvencións a NUPEL. Pero con carácter xeral non son partidario da limitación do gasto publico ( só faltaría ).

Sen embargo o déficit publico é outra cousa. E a diferenza entre gastos e ingresos. Desde o meu punto de vista si queremos aumentar o gasto publico necesario, ademais de reducir o innecesario, só temos dúas opcións: aumentar os ingresos ou pedir prestamos(endebedarse).

A min paréceme elemental limitar o déficit estrutural. Neso coincido con quen di que non é de dereitas nen de esquerdas. Simplemente non é sustentable a longo prazo gastar mais do que se ingresa. Iso só leva a aumentar a débeda ate que chega a bancarrota e/ou a quedar nas maos dos Bancos ( mercados) que con simples movementos especulativos deciden as contas publicas e impoñen as medidas de política económica.  Polo tanto non se trata só agora de buscar solucións non especulativas para o pago da débeda  actual ( incluído non pagala en parte) senón poñer os medios para non caer no mesmo no futuro.

Así pois eu creo que a única opción é o aumento dos ingresos, e dicir dos impostos (  engadiría que sexan xustos e equitativos ). Este é o fondo do debate ideolóxico. Tratase de combinar impostos con gasto publico. Non é o posicionamento sobre o déficit publico ou os impostos por separado o que define a posición ideolóxica, senón o posicionamento sobre a combinación entre eles. E dicir, para min,  déficit cero con baixos impostos é de dereitas, mais déficit cero con altos impostos é de esquerdas.

O problema non é que a dereita defenda o déficit cero,  senón que defende a rebaixa de impostos  (ingresos) co que consegue dúas cousas simultaneamente: deixar máis diñeiro en maos privadas e baixar o gasto publico favorecendo tamén a entrada de negocios privados nos servizos públicos. Pero si a esquerda conseguira un maior ( e mais xusto) esforzo cidadán nos impostos, podería facer mais gasto publico, co que se incentivaría a economía e aumentaría a recadación e polo tanto as posibilidades de máis gasto publico.

Non fai falla dicir que sobre a norma de limitacións de déficit publico ten que haber excepcións. Cando a situación económica non permita ir pola vía de aumento de ingresos, haberá que endebedarse, mais de maneira conxuntural, puntual e controlada, non estrutural. Mai aquí volvo estar despistado. Escoito aos sindicatos criticando a medida de limitación do endebedamento. Sen embargo, por exemplo na universidade, onde mais coñezo, mais tamén na xunta e nos concellos, un dos mantras sindicais consiste en repetir que a institución se está endebedando e hipotecando o futuro. Con esta posición téñense oposto a varios orzamentos na universidade ( tamén a esquerda a varios orzamentos en distintas institucións) . Sen embargo, eu, que xa expliquei a miña posición, defendín sempre a necesidade de recorrer a débeda para resolver problemas concretos. Mais dunha vez dixen que si resolver un problema importante sae máis caro por ter que recorrer a prestamos, vale a pena, si o problema se resolve en tempo e forma. Mais aí encontrei sempre a oposición sindical.
En fin , conclúo. A dereita consegue impoñer as súas ideas porque centra o debate onde lle interesa para ocultar as súas verdadeiras intención. Centra o debate nun punto onde a maioría da xente, por moito que a esquerda trate de retrucar ,comparte a posición da dereita por puro sentido común:  ninguén pode gastar de maneira continuada mais do que ingresa. Mentres a esquerda non centra o debate no punto onde está o quid da cuestión: a política fiscal e o destino do gasto publico.
Xa vedes este é o meu razoamento. Paréceme moi lóxico. Mais cal é o fallo argumental para que non llo escoite a case ninguén? Xa sei que existen outras posibilidades como a existencia dun Banco central que bote diñeiro a mancheas desde helicópteros ( é o que propoñía o presidente da reserva federal de USA). Mais a simple vista da a impresión que fabricar mais diñeiro e poñelo en circulación tampouco é sustentábel de maneira estrutural. ¿ ou si? En fin insisto ¿onde están os fallos do meu argumento? agradezo axuda

24 may 2011

Aclarando .... ou confundindo máis.


Abel Hasvir fai en facebock o seguinte comentario sobre o que escribin onte:   ¿Cómo poder haber centralismo democrático en grupos diferentes e que non teñen a mesma ideoloxía, a mesma estratexia ou a mesma táctica? ¿Por qué nos da medo a dispersión e pensamos que hai que concentrar en vez de expandir? E sexa, e non outra e a ventaxa da esquerda sobre a dereita. O pensamiento único sempre empobrece e non permite o diálogo. A mim me gusta debatir nos blogs, supoño que tamén poderei facelo dende aquí.
Se cadra expliqueime mal. Asi que vou ver si aclaro ou confundo máis. Efectivamente a dispersión non e mala. Xa o din os altermundistas:”Pensar globalmente, actuar localmente”. Pero compre distinguir.
Unha cousa é perseguir obxectivos diferentes. Neste caso, a dispersión non é mala nen boa. Ë unha necesidade …e por suposto respectable.
Outra cousa é a dispersión daqueles/as que perseguen os mesmos obxectivos. Neste caso á súa vez hai que distinguir dúas variantes. Unha é que tratemos de acadalos con ideas e iniciativas diferentes. A min isto paréceme moi positivo e necesario. A outra é que esta dispersión remate en enfrontamento estéril entre nós. Esta ultima, demasiado frecuente, é a que considero que non é boa porque lastra o avance social.
E para evitala creo que fai falla debater sobre a forma de estruturarnos entre aqueles/as que queremos ir na mesma dirección. Tratase de compaxinar debate aberto con accións non necesariamente similares pero si que vaian na mesma dirección porque esa precisamente é a hipótese de partida ¿non si?.  E un vello problema sen resolver na inmensa maioría das organizacións e movementos sociais.
Nese sentido lembraba o centralismo democrático, non para reclamar a súa aplicación, senón para chamar a atención sobre un feito que ao mellor é só unha sensación miña. A min paréceme que desde que se formulou, non se fixeron reflexións interesantes ao respecto ( bon .. eu non as coñezo) agás as dos altermundistas que ao meu entender aínda está un pouco verde, pero que me parece positiva. Se cadra porque a versión coñecida do centralismo democrático rematou en ditadura.
Non reclamo a aplicación do centralismo democrático, entre outras cousas,  porque sufrín a súa perversa aplicación en varias organizacións e enfronteino da maneira que puiden. Mais cheguei á conclusión que todas as organizacións sen distincións de ideoloxías  (agás as ditatoriais ou as asemblearias de verdade)  aplican o centralismo democrático en maior ou menor medida. Aínda que non o queiran recoñecer, fano e, por riba, de maneira perversa e sen ningún tipo de reflexión nova.
Por iso creo que as reflexións que levaron a formulación do centralismo democrático seguen vivas. Creo que hai que volver a formulalas. A solución hoxe, posiblemente non é a que atoparon as primeiras organizacións de esquerda hai cen anos pero para achegarnos a algunha que nos poida valer hoxe compre volver falar desto.

23 may 2011

Eleccions


Vexamos datos. No conxunto do estado o PP sube arredor de medio millón de votos, mais o PSOE baixa arredor de un millón e medio . Esquerda Unida sube só  douscentos mil. Parece a primeira vista que o PP non ten unha suba espectacular. O que sí é espectacular é a caída do PSOE. Mais os votos non parecen traspasarse á súa esquerda, porque IU tamén sube de xeito moderado.
En Galiza o PSOE e o BNG perden case o mesmo,  entre 66.000 e 53.000 votos. En total uns 120.000 votos. O PP sube só 54.000 votos. Aquí o problema tamén parece estar na baixada de votos do PSOE e BNG mais que na suba do PP (moderada e lóxica dada a situación)
A miña reflexión vai no sentido seguinte. ¿ Por qué a esquerda da PSOE non foi alternativa si o PSOE parece estar perdendo por facer políticas de dereitas? Aquí hai algo que falla.
Ao mellor o problema está na credibilidade das alternativas. E a credibilidade non se consegue só con palabras. Dise que na comunicación entre as persoas a comunicación verbal é se cadra a menos importante. A maior parte do que somos ou queremos, transmitímolo de xeito non verbal. E aí pode que estea o problema.
Un exemplo. No BNG insístese sempre que están preto da xente, que traballan coa xente, que están atentos/as ao que di a xente. Ben. Onte a xente na cidade de Lugo transmitiulles que non esta contenta con eles. O batacazo electoral  foi ( neste caso si ) espectacular. Mais a valoración do candidato foi contundente:”seguiremos traballando igual”. Pois vale. Unha cousa son os ditos ( hai que escoitar a xente ) e outra, parece, os feitos ( non fago caso do que me dixeron).
Hai centos de anos que a sabedoría popular inventou unha forma de seguir vivindo a pesar  desto. Por iso é un dito común : “Hai que facer o que din os curas pero non o que fan”. Trasladade esta reflexión popular ( adaptada claro está) aos nosos partidos que se reclaman alternativa de esquerdas e veremos que ao mellor aí está a resposta á pregunta.
En todo caso hai unha cousa clara. O voto critico de esquerdas, dispersouse. Pasou pola centrifugadora e algún rematou en partidos pequenos, outros no voto branco e/o na abstención e , se cadra algún, mesmo en certas alternativas da dereita democrática.
Mais sempre se pode reaxir. E para iso, sigo cismando no de sempre. O problema non está tanto no que se di que se vai facer, senón en cómo articular unha forma de actuación que nos permita facer cousas e debater ao mesmo tempo dun xeito democrático e aberto. Cando se pensaba mais sobre estas cousas, en certa esquerda propúxose como alternativa un modelo organizativo chamado centralismo democrático. Foi tremendamente pervertido e rematou en ditadura . Mais os fundamentos teóricos  e as razóns sobre as que se asenta esta solución son interesantes.
Agora estamos noutros tempos, pero sempre hai alternativas para valorar e combinar a critica e a discrepancia coa unidade de acción. Alternativas non receitas. E , ao mellor, témolas diante dos fociños.
As alternativas son sempre o resultado de combinar as ideas abstractas coa actuación concreta das persoas. As receitas son  as ideas dos que creen que os resultados non dependen das persoas ......e por iso sempre se manteñen as mesmas persoas ao fronte das organizacións.
Cando estaba recibindo “seminarios” , na clandestinidade, para entrar en ERGA ou na AN-PG, ou na UPG, ( en todas había “seminarios”  e xa non lembro), o meu  titor ( é unha forma moderna de definir aquela figura)  tratábame de convencer para entrar na organización lembrándome unha canción de algún cantautor suramericano que viña a dicir : "a teoría é necesaria mais a practica moito máis". Nunca compartín demasiado o que quería dicir a canción ( no contexto ao que se refería), mais, reinterpretando a frase no contexto actual, se cadra agora voulle dar a razón. Para facer camiño hai que botar a andar.

20 may 2011

dubidas

Vou facer algunhas aclaracións sobre o que escribin onte. Dicia que o que me parecia interesante destas mobilizacions do 15-M  era precisamente que marcaban obxectivos mais que un programa politico. Despois escoitei que o que debian facer era articular un programa politico. E parece que fixeron caso. Mais iso, ao meu modo de ver, é tropezar de novo na mesma pedra.
Leo as suas propostas e escoito falar a algunha das persoas acampadas. E saco dous exemplos. Parece que  un dos obxectivos é romper co dominio burocratizado dos grandes partidos na vida politica. Ahí coincidiremos moitos e moitas. Mais cando pasamos ao concreto…. Escoito a unha persoa decir que debe haber listas abertas. Mais a experiencia das listas abertas é que conducen a un resultado normalmente contrario do que se pretende. Reforzan aos partidos grandes e laminan ás minorias. Partidos con un 15% ou 25% de votos quedan fora das institucións ou reducidos á marxinalidade. Xa que logo, debatamos si se debe romper co dominio dos grandes partidos e non sobre si debe haber listas abertas ou non. En todo caso propoñamos que as leises eleitorais se modifiquen tantas veces como sexa necesario para acadar o obxectivo proposto.
Lendo as propostas que me chegaron  de “democracia real xa” non vexo esta proposta de listas abertas, mais vexo cousas parecidas. Por exemplo, non se quere que se lle den cartos aos bancos, para rescatalos, mais proponse nacionalizar a aqueles que estean en dificultades. Mais iso siñifica que se utilizan os cartos dos nosos impostos en sanealos. Xa sei que despois seran “nosos”, mais é moi discutible esta nacionalización. ¿Non seria mellor nacionalizar os que teñen moitos beneficios?
E as medidas sobre os “privilexios” da clase politica cheiran algo mal.
Insisto de novo en que para min o importante e fixar os obxectivos a conseguir. Ahí é onde me parecia e me sigue parecendo que este movemento pode ser moi importante e interesante. Mais si a sua evolucion consiste en elaborar una programa electoral ( as propostas de “democracia real xa”,  parecense moito a iso), creo que o camiño  levará , como sempre, … a ningures…. ou a esa “practica politica” que queren denunciar.
Marcar obxectivos e controlar o seu cumplimento. Si un movemento social é capaz de articularse arredor desto xogará un papel importante. Se pretende establecer cal son os metodos que hai que empregar para conseguir estes obxectivos, acabará dividido e fracasará… ou non ( o tempo dirá )

19 may 2011

Democracia real xa.... ¿cómo?

Estou sorprendido polo interese mediático das mobilizacións de “democracia real, xa”. Vaian algunhas cousas por diante:
Primeiro: as mobilizacións non son tan importantes como para suscitar ese interese mediático. Outras houbo de maior envergadura que non o suscitaron.
Segundo: As ideas que lanzan refrexan mais que nada o cabreo e a necesidade de cambio. Niso coinciden con unha grande maioría.
Terceiro: O descrédito da “política” é moi perigoso. Compre fiar moi fino para non caer pola pendente do fascismo.
Cuarto: Todos, medios de comunicación e poderes fácticos, están tratando de levar a auga ao seu muíño.

Dito isto, a min paréceme importante o movemento. E a punta dun iceberg de descontento social e demanda de cambios que ten varios motivos. O principal sen dubida é o seguinte: Case todos/as chegamos á conclusión de que os que mandan son os “mercados”, que os partidos políticos quedaron sen proxecto e só tratan de amplificar ( no caso da dereita) ou paliar ( no caso da esquerda ) os efectos sociais dos ditados dos mercados. Mais a causa pode ser tamén que os partidos políticos, na súa versión actual, parecen estar chegando a un esgotamento do seu papel social. Aínda que nos parece que sempre os houbo, a verdade que os partidos políticos son moi recentes. Hai uns dias escoitaba en “documentos de RNE” a historia de Joaquin Costa, aquel polígrafo progresista, defensor da reforma agraria. A finais do século XIX e comezos do XX, J. Costa albiscaba que os partidos debían ser de masas e non, como ate daquela, uns lobbys constituídos por un numero reducido de persoas. Demasiado adiantado ao seu tempo, foi incapaz de crear ese partido e fracasou, en certa medida, na súa actividade política. De feito, a mais importante fíxoa a traveso dunha entidade que precisamente non era un partido político , a chamada Cámara Agraria de Aragón. E dicir os partidos na súa versión actual a penas teñen cen anos. Nin veñen de sempre, nin teñen por que ser eternos na súa concepción actual. Algo terán que evolucionar ou algo novo xurdirá, tarde ou cedo.
Mais sen dubida o que me fai pensar este movemento de democracia real ( xa falei da importancia das palabras ) son dúas cousas:
Primeiro: Como se debe estruturar a toma de decisións nunha sociedade e que papel lle corresponde a cadaquén.
Segundo : Onde esta o punto débil das xentes e as organizacións da esquerda.

Polo que respecta ao primeiro eu son partidario de que a poboación de forma xeneralizada interveña en tres fases do proceso de toma de decisión. Primeiramente marcando os obxectivos a acadar. Posteriormente avaliando o grado de cumprimento destes obxectivos. Finalmente decidindo se se cumpriron ou non, é dicir si hai que intentalo doutra maneira ou non.
Pola contra ás organizacións políticas e as institucións correspóndelle establecer os métodos e as medidas que compre aplicar para acadar estes obxectivos. As veces son cuestións moi técnicas e mesmo controvertidas, por iso deben recaer en organizacións preparadas para elo. O que digo non é colleita propia, lino hai anos nun libro sobre a toma de decisións na Unión Soviética que merquei na festa do Avante en Lisboa. Sempre me pareceu que teoricamente era moi correcto. Outra cousa é a practica. En todo caso habería que recuperar algunhas destas teorizacións que nunca se aplicaron, porque como todo, as persoas e os colectivos podemos perverter calquera boa idea.
O movemento democracia real, está en certa maneira facendo un papel que encaixa neste proceso. Esta marcando os obxectivos, sen entrar nos métodos. Interesante papel.
Para min o punto débil das xentes e organizacións de esquerda non está na falta de análises, ideas ou propostas. Desde logo non faltan análise lucidos e correctos da realidade social. O diagnostico parece bastante coincidente nun amplo sector da esquerda. Nel podiámonos poñer de acordo unha inmensa maioría da poboación. Tampouco faltan ideas de como afrontar a situación. O decrecemento por exemplo, renda básica e outras máis ortodoxas ( nacionalizacións, impostos mais progresivos, ..). Aquí pode que xa non esteamos tan de acordo, pero propostas haber hainas, mesmo eu diria que moitas e boas, porque xa non hai vangardas, porque a creación intelectual e a practica social está moitísimo máis xeneralizada que hai só 50 anos. Por exemplo, antes a inmensa maioría tiñamos medo a ter un cargo de relevancia ( ministros, conselleiros, ..) porque non nos considerabamos preparados/as. Hoxe atrévome a afirmar que moita xente se sente capaz de asumilo ( sobre todo coñecendo a quen o fai).
E aquí é onde está o noso punto débil. En lugar de tratar de centrarse nos obxectivos e aplicar o método de proba -erro para cada proposta, non facemos mais que dispersarnos. O problema da esquerda é un problema interno das súas xentes e das súas organizacións. Quen non ten intereses que defender e as veces só ten ideas, fai das ideas un patrimonio e convirte a defensa das mesmas nunha cuestión vital, irrenunciable. E así nunca é posible a unidade de acción. A solución aos problemas sociais, como nos problemas matemáticos complexos, só pode vir por aproximacións sucesivas e só admitindo que as nosas ideas son unicamente ( e no mellor dos casos) unha desas aproximacións poderemos avanzar cara o cumprimento dos obxectivos que a sociedade nos marca.
Ademais , se aplicamos un proceso de toma de decisións como o que falamos mais enriba, non hai mais que someterse ao análise do cumprimento de obxectivos por parte da poboación. E aceptar o seu veredicto. E entender algún dia que o fracaso é normal, mesmo necesario para achegarse á solución correcta.
Non, o problema das xentes e organizacións de esquerda non é de análise, nin de propostas, senón de reconsideración interna , individual e colectiva, da nosa forma de actuar socialmente e en política.

11 may 2011

mudar as palabras non muda a realidade

Xa teño dito que a lección de sapiencia de Mia Couto que se titula “os sete sapatos sujos” é como o meu libriño de cabeceira. Teño moito que agradecerlle ao amigo que mo deu a ler. Pois ben un dese sapatos sujos é a idea de que mudar as palabras muda a realidade. Efectivamente esa é unha idea moi equivocada pero moi xeneralizada.
Desde o meu punto de vista hai catro variantes. A primeira correspondese con aqueles/as que pensan que utilizando palabras máis “potentes” as accións tamén o son. E propio de xente nova, todos/as pasamos por iso. Así algúns/as cren que en lugar de facer algo para acabar co paro, o que compre é “loitar” contra o paro, aínda que iso se traduza ao remate en ir a unha manifestación ritual. Ao meu entender, é a menos perniciosa das variantes
A segunda variante é a de aqueles/as que se apropian das palabras e lle dan un sentido completamente diferente. A moitos e a moitas de nós “férvenos o sangue” escoitando falar de liberdade, por exemplo a Esperanza Aguirre ou de democracia a Rajoy. Nese sentido a esquerda en xeral deixouse arrebatar estas palabras e non impediu que se lles dera outro significado. Mais mudar as palabras non significa mudar a realidade, e as actuacións de determinados gobernos xa as coñecemos por moito que agora falen de liberdade, democracia e/ou xustiza social.
A terceira variante ten que ver con esta mais é un pouquiño diferente. Consiste en apropiarse das palabras para baleiralas de contido. Tratase de usalas como un “reclamo” . As palabras forman parte do marketing para “vender” algo. No meu ámbito a penas hai proxectos de investigación que non inclúan as palabras “sustentábel”, “medio-ambiente”, “innovación”. ¿Que hai detrás delas ? No mellor dos casos nada. No peor , o contrario do que significan. Hoxe mesmo, vin a dúas persoas levando caixas de verdura e froita para un establecemento. Era evidente , porque ademais así o dicían as caixas, que eran de invernadoiro, producidas intensivamente coa metodoloxía da agricultura industrial. Si....pero no camión aparecía rotulado “ecoverduras” ( ou algo así).
A cuarta variante é aquela a que posiblemente se refire Mia Couto. Cando un se reclama algo, por exemplo : “somos a alternativa” para autoconvencerse de que é verdade. Mais non chega con mudar a definición , hai que mudar a realidade.
Eu levo anos matinando en como superar este problema do significado das palabras e , a verdade, non dou atopado solucións validas. Unha pode ser tratar de explicar o que significan cada unha delas para un. Ou engadir a coletilla “de verdade”. E dicir “democracia de verdade”, liberdade real”, etc. Mais iso lévanos aos interminábeis e bizantinos debates sobre: “ser mais ou menos de esquerda”; “ ser ou non ser nacionalista”; “ser ou non ser demócrata”.
Outra opción sería inventar novas palabras. Mais parece unha tarefa inxente e probablemente con poucas posibilidades de éxito a curto prazo. Sempre se pode intentar nalgún caso concreto.
Finalmente a min o que me parece é que debiamos ser máis descritivos. Explicar o que se quere dicir sen preocuparse de atopar unha palabra que o defina. Mais iso supoñería rematar cos slogans, coas frases feitas, coas ideas preconcibidas. E todo iso é moi útil para a nosa supervivencia, porque todos/as estamos a gusto con esas palabras que o mesmo valen para un roto que para un descosido. E dicir que cada un/ha fai a súa interpretación e non ten que contrastala cos demais agás en casos moi concretos. Por iso teñen tanto éxito os refráns. De todas maneiras se cadra o peor de intentar ser descritivo é que axiña serás alcumado de “aburrido” ou “plomo”
Pero, en todo caso, haberá que intentalo por distintos métodos porque, efectivamente, mudar as palabras non muda a realidade. Pero eu engadiría : isto é unha estratexia consciente. Cando a xente quer mudar a realidade e hai alguén que non quer facelo, unha das mellores estratexias é sen dubida mudar as palabras para aparentar que se fai o que quere a xente. Por iso hai que mirar a maneira de rachar con esta estratexia.

6 may 2011

forofos/as

Comezou onte a campaña eleitoral.  O mesmo de sempre. ¿Non se animará alguen a cambiar o modelo ? Escoitei hoxe pola mañá un primeiro debate dos candidatos á alcaldia de Lugo. Todos fan fincape na crise economica e no problema do paro. Vale... bon reclamo eleitoral, pero algo vergoñento. Non parece que os concellos poidan facer grande cousa neste tema. Algo sempre se pode facer, pero a politica municipal non pode centrarse na loita contra o paro, mais que nada porque non ten os instrumentos necesarios para enfrontar o problema. Xa que logo, ¿Por qué facer fincape neste problema?.  Non me parece decente usar un drama como este para conseguir votos.
Polo demais parece que BILDU vai poder presentarse as elecions. Menos mal que non se consumou un atentado democratico . Escoito a periodistas que parecen sensatos/as e non acabo de entender de que maneira vai evoluindo a ideoloxia. Parece que todos estamos facendo o que nos mandan  e por riba ainda non sabemos quen é o que manda. Falase do sistema, dos mercados, ... como antes falabamos de Deus. Algo que non podemos tocar nen ver nen oir , pero que decide as nosas vidas.
E tremendo ver como se acepta, a veces mesmo sen preocuparse de xustficar, a morte de Ben Laden, sen xuizo. Eu creia que en democracia todo o mundo, por moi terrorista sanguinario que sexa, ten dereito a un xuizo xusto. Si é aceptable o de Ben Laden, teremos que rehabilitar aos condenados polo casodos GAL. Meu deus....
En fin como diciamos onte nunha conversa , temos substutuido a ideoloxia pola "adhesion inquebrantable". A penas quedan persoas partidarias, afiliadas ou simpatizantes dun determinado partido politico ou dunha determinada ideoloxia. Agora hai forofos/as ( siareiros ) . E xa se sabe o forofismo o uneco que lle interesa é que o seu equipo gañe , ainda que sexa de penalti inxusto no ultimo minuto. Non importa xogar ben, só a derrota do adversario.Son incapaces de aceptar nengun razonamento contrario aos "seus" por moi cargado de razon que estea.
Isto que antes se circunscribia ao futbol, agora pasa á política. Por iso non importa o que fagan "os nosos", sempre estará xustificado. Pior : sempre estará ben , ainda que sexa inxustificable. Se cadra por iso, a penas se escoitan voces criticas cos intentos de ilegalizacion de BILDU ou coa forma de matar a Ben Laden.
Mais tamen algo debe fallar entre as voces criticas para que as suas ideas non cheguen á xente. Segundo as enquisas o PSOE vai levar un batacazo eleitoral ( posiblemente menos do que se di), mais a "esquerda" aqueles que supostamente nos defenden aos traballadores/as fronte as medidas economicas que esta tomando o goberno, medran moi pouquiño ou mesmo tamen descenden. ¿ Por qué? ( ista si é unha boa pregunta e non as de Morinho)

19 abr 2011

Auga

Hai unhas semanas, na manifestación en contra da lei de augas de Galiza botei en falla ás organizacións ecoloxistas. Ao dia seguinte , sen embargo, publicaron un manifesto sobre a auga . onde atopei a explicación . Inda que no manifesto se pronuncian en contra desta lei, as organizacións ecoloxistas galegas parece que son partidarias da existencia do canon da auga. Isto, claro está, choca coas reivindicacións dos/as convocadores/as da manifestación.
O debate é importante.Partamos do que teñen en común, ao meu entender, ámbalas dúas posicións: A auga é un ben público e o seu uso debe ser racionalizado. Hai moita xente que está convencida e defende de boa fe que esta racionalización se vai conseguir facendo que a auga teña un prezo.Para as organizacións convocadoras da manifestación , o mais negativo desta lei é precisamente isto. Poñer prezo a auga, significa convertela nunha mercadoría, ou sexa, obxecto de negocio.
Desde o meu punto de vista, incrementar o prezo de mercadorías e servizos, pode servir para racionalizar o seu uso. Son partidario dilo, nalgúns casos. Mais cando se trata de bens fundamentais para a vida ou cando afecta a servizos básicos, hai que ser moi prudentes porque isto sempre é perigoso.
Na actualidade xa hai servizos básicos que teñen un prezo ou nos que xa funciona o co-pago. Seria interesante analizar si supoñen unha racionalización do uso dos mesmos. Por exemplo, o subministro eléctrico, o ensino universitario, etc. Axiña estaremos diante doutra proposta no mesmo sentido: a implantación de un co-pago na sanidade co obxectivo de racionalizar o seu uso.
Desde o meu punto de vista, a política tarifaria podía ser útil na racionalización do uso dun ben ou servizo básico si se fixeran incrementos moi importantes. Mais iso, non o soportaría a sociedade e mesmo podería rematar co negocio en si mesmo que se basea na existencia dun consumo moi xeneralizado. Mais a racionalización tamén se pode conseguir con medidas non estritamente impositivas ou tarifarias. Por exemplo, a separación selectiva do lixo, vai avanzando en todas as cidades sen necesidade de medidas económicas que graven a quen incumpra coa reciclaxe.
Na miña opinión, é dubidoso que se poida conseguir unha racionalización do uso da auga a base dunha política impositiva e tarifaria, inda que estou disposto a admitir que ao mellor é posible. Sen embargo para conseguir este obxectivo, o perigo que se corre é moi grande. Si para racionalizar o consumo de auga hai que convertela nunha mercadoría abrindo a porta a que “os mercados” poidan especular con un ben básico para a vida, mellor é buscar outras alternativas. Sen que ninguén me entenda mal, isto é como o caso da enerxía nuclear. Si para evitar o cambio climático temos que utilizar unha enerxía potencialmente tan perigosa, mellor será buscar antes outras alternativas ( ou intentalo).
En todo caso, o que mais me chama a atención, é esa , chamémoslle manía, que teñen as organizacións ecoloxistas en considerar que a solución pasa sempre por poñer en practicas servizos medioambientais ao marxe da propia actividade económica ou para paliar os efectos negativos desta. Sen embargo, ao meu entender, unha boa política en defensa do medio ambiente pasa moitas veces por promover determinadas actividades económicas, por exemplo determinados modelos de agricultura.
Como di Eduardo Ramos algunhas achegas da agricultura , poden ter un prezo porque poden ser valoradas polo mercado. Este é o caso da produción de alimentos e fibras, turismo rural, transformación de produtos, etc. Con todo, outras achegas da agricultura dificilmente poden ser valoradas polo mercado e polo tanto non teñen un prezo. Este é o caso da conservación da paisaxe, dos chans e a biodiversidade, da conservación da modo de vida rural e das tradicións, a seguridade alimentaria e a saúde, etc. Dito, ao meu xeito, determinadas formas de produción agraria xeran beneficios ao medio ambiente con-substancialmente co seu proceso produtivo e inseparablemente del. Por exemplo. un uso racional da auga.
Calquera pode decatarse de que é , precisamente, a destrución do mundo rural, a que provoca que se estean desfacendo todas as infraestruturas hidráulicas que inzaban o medio rural, como as “pozas” que recollían a auga das escorrentias e a utilizaban para o rego.
Non creo que o canon da auga contribúa a reverter esta situación, senón mais ben ao contrario.Neste pais, as comunidades rurais fixeron unha xestión moi eficaz da auga durante centos de anos sen necesidade de que este ben deixara de ser gratuito e foi porque na cultura galega, a lo menos do rural galego, está inscrita a importancia fundamental da auga e a necesidade de usala racionalmente.
En resumidas contas o mellor sería evitar que a auga se converta nunha mercadoría obxecto de negocio e buscar ( ou a lo menos intentalo ) outras formas para conseguir a necesaria racionalización do seu uso.

7 abr 2011

contra corrente ( outra "verdade" na que non creo)

Esta semana  unha estudante de xornalismo envioume unha serie de preguntas sobre a situación económica da universidade en función da miña condición de membro do Consello de Goberno. Moitas delas, levaban, explicitas afirmacións tópicas. E normal nunha estudante,mais preocúpame que se lle este transmitindo estes tópicos. Sigo dicindo que non estamos reflexionando nada sobre esta crise económica. Onte mesmo a Ministra de Economía veu dicirnos que isto vai para largo, para bastante largo. E días antes o de Traballo dixo que a moderación salarial duraría “lustros”. En Portugal levan dez anos en crise económica e agora agárdenlle cando menos outros tantos. Toda unha vida. De Xapón nin falamos. E dos países pobres …..Mais da a impresión que seguimos agardando a que pase a tormenta ( que sempre son curtas aínda que duren) para saír á rúa e seguir facendo o mesmo que faciamos antes de que estoupara. Pero as tormentas , din  as vellas, veñen por quendas de nove días ( o novenario) e iso é moito.
Todo isto ben a conto de que un deses tópicos explícitos nunha pregunta era: “as universidades deben ser o  motor do novo modelo económico”. Mais ¿quen dixo que iso era verdade?
Isto esta relacionado con outro tópico: "o novo modelo económico debe basearse no investimento en educación e … sobre todo en I+D+i”. O do gasto en educación en educación como investimento produtivo xa foi cuestionado por Paul Krugman nun artigo de EL PAIS ( titulaciones e dolares) . Alégrome de coincidir con el. Hai anos que me “cabreaba” con quen dicía que a universidade era “a primeira industria de Lugo”. Sempre cuestionei esta afirmación e tratei de rebatela.
Mais o peor de todo é esa manía que lles entrou a todos/as co I+D+i. Pois ben a min me parece que isto é un molotof ( a sobremesa portuguesa só chea de aire). Non creo que isto sexa o modelo económico a seguir. En primeiro lugar, ¿por qué hai que innovar? ¿Para substituír os electrodomésticos cada dous anos? ¿Para cambiar de auto cada tres? ¿Para cambiar de vestiario cada seis meses?. Para min detrás da idea de que é preciso innovar, agochase a segunda etapa da “obsolescencia programada", e dicir dunha estratexia capitalista para que consumamos sen necesitalo porque o capitalismo necesita vender moito ( sexa o que sexa). E aí eu non estou de acordo. Claro que hai innovacións que son boas: novas fontes de enerxía renovábeis, novos medicamentos que podan utilizar a xente pobre, … Mais a innovación pola innovación é simplemente unha estratexia capitalista para o consumo irresponsable.
E qué dicir do desenvolvemento polo desenvolvemento, que esgota os recursos do planeta. Eu mais ben póñome á beira  dos/as que defenden o decrecemento.
E por fin… a investigación. Claro que defendo a investigación, mais para min moito do que hoxe chamamos investigación é unha actividade rotinaria de “experimentación” moi pouco creativa e intelectualmente pobre polo xeral. Investigación consiste en crear novas formas de pensar e ver o mundo, non en repetir milleiros de accións nunha maquina. Non lle quito valor a esta “experimentación”, só creo que é outra actividade diferente. E si por riba se converte nun fin en si mesmo, realizado para o medre persoal, burocratizado e sometido ás normas “científicas” ditadas por xente que se autoproclama garante e xuíz da calidade científica da investigación. Pois xa estamos.
Ou sexa que , xa vedes, isto si que é ir contracorrente mais creo que nin as universidades, nin a educación, nin o I+D+i son as bases de un novo modelo económico. O decrecemento , o uso racional dos recursos e o consumo responsable , si.

22 mar 2011

Cada un anda ao seu … menos eu que ando ao meu ( ou as aparencias enganan)

Hai anos recorrín algunhas parroquias do rural facendo asembleas sindicais. Aprendín moito, sobre todo xeografía. Mais tamén aprendín que as aparencias enganan. Cando había unha asemblea para chamar a xente a calquera mobilización, sempre aparecía unha persoa que , ao pouco dicía: “Non somos unidos”. Inicialmente parecíanme persoas que realmente estaban chamando á unidade. Qué grave erro!. A persoa en cuestión ( case sempre de ideoloxía de dereitas e mesmo militante político ) o que quería era fomentar o desanimo. Enfrontabamos, como podiamos, esta primeira andanada. Axiña, outra persoa saia de novo  “o tema é moi importante “ . Ben !, pensaba eu, un que esta apoiando. Mais axiña me decataba do erro, cando a persoa en cuestión continuaba: “debiamos ir todos, pero total imos ir só uns poucos”. Si a asemblea seguía e o animo era bo ( mais por sentido común dos/as asistentes que pola capacidade de convencemento de un), outra persoa ( as veces a mesma) cambiaba de terzo: “Este goberno é “malo” .Este si que é dos nosos- pensaba eu- mais entón soltaba o argumento definitivo: “pero non vai ceder, non imos conseguir nada”. Chegado a este punto, a min non me era doado manter o animo, mais afortunadamente a xente tiña mais experiencia ca min e xa sabia o que había detrás de cada un destes argumentos. O obxectivo era o contrario do que se manifestaba cara fora.
Lembrei isto asistindo o domingo a manifestación pola derrogación da lei de Augas. Vin alí algúns cargos públicos que parecían facer visible o apoio da súa organización política á manifestación. Mais non vin aos afiliados/as desta organización. As aparencias enganan. Eu creo que a manifestación realmente non tivo o apoio das organización política e sindical nacionalista ( so dalgún colectivo da mesma), nin sequera das organizacións ecoloxistas. E isto non o digo para criticar ( bo,  é unha critica á hipocrisía), senón para facer unha pregunta ¿Por qué ?  ( eu non acabo de entendelo)
Pero non só neste caso enganan as aparencias. O mesmo domingo unha enquisa sobre a enerxía nuclear amosaba o mesmo. Resulta que mais do 50% da xente cree ( ao parecer ) que a enerxía nuclear é segura. Pero mais do 70% desa mesma xente non a quere preto da súa casa. Ou sexa que a realidade parece ser así: “quero manter o meu nivel de vida e consumo, para iso din que é necesario a enerxía nuclear.... pero que a soporten outros”.
Enganan as aparencias en moitas loitas que se fan ultimamente. Detrás dunhas  reivindicacións supostamente  para o conxunto da poboación ocultase a defensa do status particular. Non vos fixades que , agora, calquera medida que se queira tomar choca co mesmo argumento : “pérdense postos de traballo”. A min este argumento lémbrame o que utilizaban as persoas das que falei nas asembleas labregas. Non se pode prohibir o tabaco porque se perden postos de traballo ( é igual que morra a xente, iso non importa); non se pode deixar de queimar carbón porque se perden postos de traballo ( aínda que sigamos contaminando), etc. etc. Pero ¿ realmente son os postos de traballo o que importa?
Tamén as aparencias enganan en canto as razóns da guerra en Libia, pero diso xa nos damos conta todos/as, aínda que nos fagamos os parvos.

15 mar 2011

Xapón ... e nós.

Todos e todas estamos atentos ao que pasa en Xapón. E penso que nos fai pensar. Hai tempo que veño explicando aos meus alumnos e alumnas que é necesario ter “coeficientes de seguridade” porque nunca sabemos como vai respostar a natureza. Alguén dixo unha vez. “Pero si isto ocorre unha vez cada cincocentos anos, daquela non necesitamos preocuparnos”. “Claro- contesteille- ¿pero ti sabes cando empezaron a contar eses cincocentos anos?. Ao mellor estamos xa no 493”. Iso parece que o esquezamos. Parecenos que a vida da terra e os fenómenos naturais redúcense á nosa experiencia vital, e , todo mais, á dos nosos antepasados recentes. Mais non é así
O que ocorre en Xapón tamen é moi importante para o futuro enerxético do mundo. En concreto para o futuro da enerxía nuclear. Somos moitos e moitas os que estamos en contra diste tipo de enerxía. O que esta ocorrendo debería “darnos a razón”. Mais é patético ver como os defensores /as da enerxía nuclear, aínda, hoxe mesmo, teñen argumentos para dicir que é segura.
Nesta primeira década do século XXI, teñen acontecido feitos que deberían cuestionar a nosa forma de vida, o noso sistema político e económico. Mais, tamén en plena crise económica que cuestiona o propio sistema, vemos como a maioría da xente pensa continuar igual. Todo mais , metese a cuberto, esperando que pase a treboada. Mais pode ser que o rio medre , mentres tanto, e nos leve por diante. Espero que non, eu non son pesimista. O que me preocupa é a actitude da xente que nos consideramos de “esquerda” ou que parece que queremos un mundo “mellor”.
Porque, con todo o que está caendo, crise económica, crise nuclear, crise ambiental, crise enerxética, ... as organizacións de esquerda ou progresista parecen incapaces de atraer a xente ao seu carón. Ao contrario parece que medra a extrema dereita. ¿Cal pode ser a razón?
Para min son varias. Unha delas é desde logo á que fai referencia Mia Couto: “estamos sendo vítimas de um longo processo de desresponsabilização ”.
Exprésao tamén Chika A. Onyeani ( citado por Mia Couto) Queixamo-nos até à náusea sobre o que os outros nos fizeram e continuam a fazer. E pensamos que o mundo nos deve qualquer coisa. Lamento dizer-vos que isto não passa de uma ilusão. Ninguém nos deve nada. Ninguém está disposto a abdicar daquilo que tem, com a justificação que nós também queremos o mesmo. Se quisermos algo temos que o saber conquistar. Não podemos continuar a mendigar, meus irmãos e minhas irmãs.
Un destes dias EL PAIS publicaba un inquerito. Preguntaba sobre si a xente estaba a favor ou en contra de determinadas medidas para reducir o consumo enerxético. Pois ben. A xente estaba esmagadoramente a favor das medidas que tiñan que tomar outros ( reducir iluminacion en edificios publicos, reducir coche oficiais, ..), mais a porcentaxe equilibrabase e mesmo pasaba a ser maioritaria a porcentaxe de persoas que estaban en contra das medidas, cando estas lles afectaban directamente ( utilizar os coche só en dias alternos nas cidades, limitar a velocidade, por exemplo).
Por qué actuamos así. Como dicia alguen pola radio, a nosa xeración fumos bos mozos/as ( fillos, literalmente) pero moi malos adultos ( pais , literalmente). E verdade . Entre todos e todas creamos unha sociedade onde a xente cree que alguen lle debe algo. Seran os “politicos”, seran os “bancos”, seran “os ricos” serán “os catalans” ou “os alemans”.
E aceptamos que nos dividiran. Conscente ou inconscentemente, sabemos que moitos traballadores/as vivimos ben a contra de outros/as traballadores/as. Non por qué os explotemos., senon porque nos beneficiamos da distribución da riqueza que fan os que dominan o sistema. E fano de xeito que permiten que unhos vivan mellor para ter  "controlado“ as sociedades do centro a conta das da periferia. Hai anos lendo ao sudafricano Hosea Jaffe, soupen da sua teoria de que, no appartheid, os traballadores brancos mesmo non xeraban plusvalia para os seus empresarios. A plusvalia xerada polos traballadores/as negros/as era tan brutal que o empresariado podia permitirse pagar aos traballadores/as brancos/as por riba do valor do que producian.
E nós no fundo somos conscentes deso. Creemos que o noso "nivel de vida“ depende mais "dos que mandan“ que dos nosos compañeiros/as. E por iso autoconvencémonos que nos deben algo e que a nosa loita consiste en pedirllo.
E asi seguimos agardando a que pasen as crises coa esperanza de que nos afecten. o menos posible.  Mais , supoño, outro mundo é posible e tamen outra forma de facer as cousas. Mais iso esixe poñer en custion o nosos sistema de vida e o noso modelo de desenvolvemento economico. Ou sexa que , se hai crise enerxetica, afrontala desde nós mesmos/as e non agardando a que "aforren outros“ ou que as centrais nucleares se poñan na India.

comentarios