22 mar 2011

Cada un anda ao seu … menos eu que ando ao meu ( ou as aparencias enganan)

Hai anos recorrín algunhas parroquias do rural facendo asembleas sindicais. Aprendín moito, sobre todo xeografía. Mais tamén aprendín que as aparencias enganan. Cando había unha asemblea para chamar a xente a calquera mobilización, sempre aparecía unha persoa que , ao pouco dicía: “Non somos unidos”. Inicialmente parecíanme persoas que realmente estaban chamando á unidade. Qué grave erro!. A persoa en cuestión ( case sempre de ideoloxía de dereitas e mesmo militante político ) o que quería era fomentar o desanimo. Enfrontabamos, como podiamos, esta primeira andanada. Axiña, outra persoa saia de novo  “o tema é moi importante “ . Ben !, pensaba eu, un que esta apoiando. Mais axiña me decataba do erro, cando a persoa en cuestión continuaba: “debiamos ir todos, pero total imos ir só uns poucos”. Si a asemblea seguía e o animo era bo ( mais por sentido común dos/as asistentes que pola capacidade de convencemento de un), outra persoa ( as veces a mesma) cambiaba de terzo: “Este goberno é “malo” .Este si que é dos nosos- pensaba eu- mais entón soltaba o argumento definitivo: “pero non vai ceder, non imos conseguir nada”. Chegado a este punto, a min non me era doado manter o animo, mais afortunadamente a xente tiña mais experiencia ca min e xa sabia o que había detrás de cada un destes argumentos. O obxectivo era o contrario do que se manifestaba cara fora.
Lembrei isto asistindo o domingo a manifestación pola derrogación da lei de Augas. Vin alí algúns cargos públicos que parecían facer visible o apoio da súa organización política á manifestación. Mais non vin aos afiliados/as desta organización. As aparencias enganan. Eu creo que a manifestación realmente non tivo o apoio das organización política e sindical nacionalista ( so dalgún colectivo da mesma), nin sequera das organizacións ecoloxistas. E isto non o digo para criticar ( bo,  é unha critica á hipocrisía), senón para facer unha pregunta ¿Por qué ?  ( eu non acabo de entendelo)
Pero non só neste caso enganan as aparencias. O mesmo domingo unha enquisa sobre a enerxía nuclear amosaba o mesmo. Resulta que mais do 50% da xente cree ( ao parecer ) que a enerxía nuclear é segura. Pero mais do 70% desa mesma xente non a quere preto da súa casa. Ou sexa que a realidade parece ser así: “quero manter o meu nivel de vida e consumo, para iso din que é necesario a enerxía nuclear.... pero que a soporten outros”.
Enganan as aparencias en moitas loitas que se fan ultimamente. Detrás dunhas  reivindicacións supostamente  para o conxunto da poboación ocultase a defensa do status particular. Non vos fixades que , agora, calquera medida que se queira tomar choca co mesmo argumento : “pérdense postos de traballo”. A min este argumento lémbrame o que utilizaban as persoas das que falei nas asembleas labregas. Non se pode prohibir o tabaco porque se perden postos de traballo ( é igual que morra a xente, iso non importa); non se pode deixar de queimar carbón porque se perden postos de traballo ( aínda que sigamos contaminando), etc. etc. Pero ¿ realmente son os postos de traballo o que importa?
Tamén as aparencias enganan en canto as razóns da guerra en Libia, pero diso xa nos damos conta todos/as, aínda que nos fagamos os parvos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentario

comentarios