Estou sorprendido polo interese mediático das mobilizacións de “democracia real, xa”. Vaian algunhas cousas por diante:
Primeiro: as mobilizacións non son tan importantes como para suscitar ese interese mediático. Outras houbo de maior envergadura que non o suscitaron.
Segundo: As ideas que lanzan refrexan mais que nada o cabreo e a necesidade de cambio. Niso coinciden con unha grande maioría.
Terceiro: O descrédito da “política” é moi perigoso. Compre fiar moi fino para non caer pola pendente do fascismo.
Cuarto: Todos, medios de comunicación e poderes fácticos, están tratando de levar a auga ao seu muíño.
Dito isto, a min paréceme importante o movemento. E a punta dun iceberg de descontento social e demanda de cambios que ten varios motivos. O principal sen dubida é o seguinte: Case todos/as chegamos á conclusión de que os que mandan son os “mercados”, que os partidos políticos quedaron sen proxecto e só tratan de amplificar ( no caso da dereita) ou paliar ( no caso da esquerda ) os efectos sociais dos ditados dos mercados. Mais a causa pode ser tamén que os partidos políticos, na súa versión actual, parecen estar chegando a un esgotamento do seu papel social. Aínda que nos parece que sempre os houbo, a verdade que os partidos políticos son moi recentes. Hai uns dias escoitaba en “documentos de RNE” a historia de Joaquin Costa, aquel polígrafo progresista, defensor da reforma agraria. A finais do século XIX e comezos do XX, J. Costa albiscaba que os partidos debían ser de masas e non, como ate daquela, uns lobbys constituídos por un numero reducido de persoas. Demasiado adiantado ao seu tempo, foi incapaz de crear ese partido e fracasou, en certa medida, na súa actividade política. De feito, a mais importante fíxoa a traveso dunha entidade que precisamente non era un partido político , a chamada Cámara Agraria de Aragón. E dicir os partidos na súa versión actual a penas teñen cen anos. Nin veñen de sempre, nin teñen por que ser eternos na súa concepción actual. Algo terán que evolucionar ou algo novo xurdirá, tarde ou cedo.
Mais sen dubida o que me fai pensar este movemento de democracia real ( xa falei da importancia das palabras ) son dúas cousas:
Primeiro: Como se debe estruturar a toma de decisións nunha sociedade e que papel lle corresponde a cadaquén.
Segundo : Onde esta o punto débil das xentes e as organizacións da esquerda.
Polo que respecta ao primeiro eu son partidario de que a poboación de forma xeneralizada interveña en tres fases do proceso de toma de decisión. Primeiramente marcando os obxectivos a acadar. Posteriormente avaliando o grado de cumprimento destes obxectivos. Finalmente decidindo se se cumpriron ou non, é dicir si hai que intentalo doutra maneira ou non.
Pola contra ás organizacións políticas e as institucións correspóndelle establecer os métodos e as medidas que compre aplicar para acadar estes obxectivos. As veces son cuestións moi técnicas e mesmo controvertidas, por iso deben recaer en organizacións preparadas para elo. O que digo non é colleita propia, lino hai anos nun libro sobre a toma de decisións na Unión Soviética que merquei na festa do Avante en Lisboa. Sempre me pareceu que teoricamente era moi correcto. Outra cousa é a practica. En todo caso habería que recuperar algunhas destas teorizacións que nunca se aplicaron, porque como todo, as persoas e os colectivos podemos perverter calquera boa idea.
O movemento democracia real, está en certa maneira facendo un papel que encaixa neste proceso. Esta marcando os obxectivos, sen entrar nos métodos. Interesante papel.
Para min o punto débil das xentes e organizacións de esquerda non está na falta de análises, ideas ou propostas. Desde logo non faltan análise lucidos e correctos da realidade social. O diagnostico parece bastante coincidente nun amplo sector da esquerda. Nel podiámonos poñer de acordo unha inmensa maioría da poboación. Tampouco faltan ideas de como afrontar a situación. O decrecemento por exemplo, renda básica e outras máis ortodoxas ( nacionalizacións, impostos mais progresivos, ..). Aquí pode que xa non esteamos tan de acordo, pero propostas haber hainas, mesmo eu diria que moitas e boas, porque xa non hai vangardas, porque a creación intelectual e a practica social está moitísimo máis xeneralizada que hai só 50 anos. Por exemplo, antes a inmensa maioría tiñamos medo a ter un cargo de relevancia ( ministros, conselleiros, ..) porque non nos considerabamos preparados/as. Hoxe atrévome a afirmar que moita xente se sente capaz de asumilo ( sobre todo coñecendo a quen o fai).
E aquí é onde está o noso punto débil. En lugar de tratar de centrarse nos obxectivos e aplicar o método de proba -erro para cada proposta, non facemos mais que dispersarnos. O problema da esquerda é un problema interno das súas xentes e das súas organizacións. Quen non ten intereses que defender e as veces só ten ideas, fai das ideas un patrimonio e convirte a defensa das mesmas nunha cuestión vital, irrenunciable. E así nunca é posible a unidade de acción. A solución aos problemas sociais, como nos problemas matemáticos complexos, só pode vir por aproximacións sucesivas e só admitindo que as nosas ideas son unicamente ( e no mellor dos casos) unha desas aproximacións poderemos avanzar cara o cumprimento dos obxectivos que a sociedade nos marca.
Ademais , se aplicamos un proceso de toma de decisións como o que falamos mais enriba, non hai mais que someterse ao análise do cumprimento de obxectivos por parte da poboación. E aceptar o seu veredicto. E entender algún dia que o fracaso é normal, mesmo necesario para achegarse á solución correcta.
Non, o problema das xentes e organizacións de esquerda non é de análise, nin de propostas, senón de reconsideración interna , individual e colectiva, da nosa forma de actuar socialmente e en política.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario