Vexamos datos. No conxunto do estado o PP sube arredor de medio millón de votos, mais o PSOE baixa arredor de un millón e medio . Esquerda Unida sube só douscentos mil. Parece a primeira vista que o PP non ten unha suba espectacular. O que sí é espectacular é a caída do PSOE. Mais os votos non parecen traspasarse á súa esquerda, porque IU tamén sube de xeito moderado.
En Galiza o PSOE e o BNG perden case o mesmo, entre 66.000 e 53.000 votos. En total uns 120.000 votos. O PP sube só 54.000 votos. Aquí o problema tamén parece estar na baixada de votos do PSOE e BNG mais que na suba do PP (moderada e lóxica dada a situación)
A miña reflexión vai no sentido seguinte. ¿ Por qué a esquerda da PSOE non foi alternativa si o PSOE parece estar perdendo por facer políticas de dereitas? Aquí hai algo que falla.
Ao mellor o problema está na credibilidade das alternativas. E a credibilidade non se consegue só con palabras. Dise que na comunicación entre as persoas a comunicación verbal é se cadra a menos importante. A maior parte do que somos ou queremos, transmitímolo de xeito non verbal. E aí pode que estea o problema.
Un exemplo. No BNG insístese sempre que están preto da xente, que traballan coa xente, que están atentos/as ao que di a xente. Ben. Onte a xente na cidade de Lugo transmitiulles que non esta contenta con eles. O batacazo electoral foi ( neste caso si ) espectacular. Mais a valoración do candidato foi contundente:”seguiremos traballando igual”. Pois vale. Unha cousa son os ditos ( hai que escoitar a xente ) e outra, parece, os feitos ( non fago caso do que me dixeron).
Hai centos de anos que a sabedoría popular inventou unha forma de seguir vivindo a pesar desto. Por iso é un dito común : “Hai que facer o que din os curas pero non o que fan”. Trasladade esta reflexión popular ( adaptada claro está) aos nosos partidos que se reclaman alternativa de esquerdas e veremos que ao mellor aí está a resposta á pregunta.
En todo caso hai unha cousa clara. O voto critico de esquerdas, dispersouse. Pasou pola centrifugadora e algún rematou en partidos pequenos, outros no voto branco e/o na abstención e , se cadra algún, mesmo en certas alternativas da dereita democrática.
Mais sempre se pode reaxir. E para iso, sigo cismando no de sempre. O problema non está tanto no que se di que se vai facer, senón en cómo articular unha forma de actuación que nos permita facer cousas e debater ao mesmo tempo dun xeito democrático e aberto. Cando se pensaba mais sobre estas cousas, en certa esquerda propúxose como alternativa un modelo organizativo chamado centralismo democrático. Foi tremendamente pervertido e rematou en ditadura . Mais os fundamentos teóricos e as razóns sobre as que se asenta esta solución son interesantes.
Agora estamos noutros tempos, pero sempre hai alternativas para valorar e combinar a critica e a discrepancia coa unidade de acción. Alternativas non receitas. E , ao mellor, témolas diante dos fociños.
As alternativas son sempre o resultado de combinar as ideas abstractas coa actuación concreta das persoas. As receitas son as ideas dos que creen que os resultados non dependen das persoas ......e por iso sempre se manteñen as mesmas persoas ao fronte das organizacións.
Cando estaba recibindo “seminarios” , na clandestinidade, para entrar en ERGA ou na AN-PG, ou na UPG, ( en todas había “seminarios” e xa non lembro), o meu titor ( é unha forma moderna de definir aquela figura) tratábame de convencer para entrar na organización lembrándome unha canción de algún cantautor suramericano que viña a dicir : "a teoría é necesaria mais a practica moito máis". Nunca compartín demasiado o que quería dicir a canción ( no contexto ao que se refería), mais, reinterpretando a frase no contexto actual, se cadra agora voulle dar a razón. Para facer camiño hai que botar a andar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario