11 oct 2011

nacionalismo e autoestima


Sentímonos nacionalistas cando nos sentimos humillados/as. O noso nacionalismo disparase cando creemos que nos fan de menos. Mesmo si nos din que non falamos ben o castellano, que ben pensado podía ser un motivo de orgullo. Ou cando se nos di que non nos definimos…. característica do noso carácter que ten aspectos, ao meu entender, moi positivos.
Pero o noso non é un nacionalismo baseado na autoestima. Onde realmente estamos a gusto é cando un Banco deixa de ser galego ou cando os investimentos públicos non son os que queremos ou cando non estamos ben comunicados con Madrid.
Si o pensades ben, o noso nacionalismo non consiste na aspiración a construír unha nación, por nós mesmos/as e cos nosos propios medios. Orgullosos/as do que somos, de cómo somos e do que queremos ser. Reivindicando o estilo de vida e a nosa forma de entender o mundo.
O noso nacionalismo converteuse en localismo. O noso obxectivo é reclamar a Madrid. Vivimos en función de Madrid. Ate o obxectivo declarado do nacionalismo para estas eleccións é sinxelamente : “denunciar en  Madrid …….”
Cando en mais dunha ocasión dixen que o AVE a Madrid non debía ser unha das nosas prioridades senón a comunicación con Asturias e Portugal, sempre se me mirou , digamos que atravesadamente. O AVE a Madrid, para que nos relacionemos mellor coa capital de España é hoxe unha das loitas onde mais fincapé fan os nacionalistas.
Para min un nacionalista debe aspirar sempre a ter un estado propio. Aínda que  non queira separase. Aínda que o seu sexa un proxecto unitario ( tamén o nacionalismo pode ter un proxecto unitario). Por iso , ao meu entender, o que distingue mais claramente o nacionalismo do localismo é a política exterior. Un/ha nacionalista que aspira a ter estado propio ten que ter en mente un proxecto de inserción no mundo, unha determinada política exterior ( con quen relacionarse e como relacionarse).
¿Alguén albisca, aínda que só sexa como unha punta do iceberg, a política exterior do nacionalismo galego? ¿Alguén albisca se o seu proxecto vai máis aló de “reivindicar fronte a Madrid” ? ¿ Por que un Banco ten que ser só galego e non pode ter alianzas exteriores?
Foi esa política localista  e seguidista ( querer ser como os ricos de Catalunya ou Madrid) a que guiou a posición do nacionalismo político maioritario sobre as caixas de aforros, co resultado  tan  nefasto como o que temos. Se cadra non había moito mais que facer, pero ¿por que unha estratexia de alianzas exteriores ia ser peor que esta?
Como outras veces, gustaríame estar equivocado . Que alguén me convenza do contrario …. por favor !

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentario

comentarios