6 oct. 2017

Carta ás señoras e señores comunicadoras/es, tertulianas/os e comentadores/as dalgúns medios


Señoras e señores comunicadoras/es, tertulianos/as e comentadores/as da SER, Cuatro, La Sexta, e demais medios e xornais “progres” que están na mesma onda :
Non son catalán aínda que nestes momentos non me importaría ter a dobre nacionalidade ( dígoo por si acaso). Fun un ouvinte e lector destes medios ( aínda que non só, por suposto) desde hai medio século a pesares de non estar de acordo en moitas cousas, a pesares de ser os teóricos do deporte como “opio do pobo” (“analxésico” dicía De la Morena) e, sobre todo, a pesares da súa visión madrileñocéntrica que, desde o meu punto de vista, chega a ser case imperialista. Digo que fun, porque hai semanas que xa me é case imposíbel seguir escoitándoos, véndoos ou léndoos pola forma tramposa coa que difunden as súas posicións políticas.
Alá vostedes e a súa conciencia, no caso de que non a teñan vendida. Vostedes, que tanto demandan transparencia aos demais, ¿Por que non comezan cada programa dicindo as/os ouvintes, a soldo de quen están e que intereses teñen os propietarios dos seus medios - empresas, grandes bancos, fondos voitres e outros-? Así poderíamos ter una opinión sobre si cumpren coa súa función social de informar ou defenden determinados intereses. Supoño que saberán como se lle chama ás persoas que perciben unha paga por estes servizos ou que realizan calquera tipo de actividade só por diñeiro, pero prefiro evitar a definición. Non se preocupen, somos persoas adultas que, con estes datos, podemos formarnos a nosa propia opinión
Non teñan medo de ser consideradas “buenistas”, como lle escoitei a certa comunicadora da SER un día destes, porque evidentemente no o son. Levan meses aleccionando á opinión pública para que se enfronte ás lexítimas demandas catalás dun xeito que admite moitos cualificativos, o mais suave, o de “hipócrita”. Non importan os argumentos para elo: vostedes non os necesitan. A súa táctica é a de aparecer como “dialogantes” mentres connotan negativamente, de xeito repetitivo, aquelo que lles interesa. Así, si falan do referendo de autodeterminación sempre irá unido a cualificativos negativos como “simulacro”, “ilegal”ou similares, sen necesidade de demostrar nada que xustifique a súa utilización. Si falan do proceso aberto en Catalunya irá acompañado de expresións como “desafío”, “deriva”, “desvarío” ou similares. E tampouco dedican ningún tempo a demostrar ningunha destas afirmacións. Finalmente, para no alongarme, as escasas veces que lle dan voz a representantes de posicións políticas diferentes á súa (favorábeis á celebración do referendo ou independentistas por exemplo) as entrevistas serán agresivas (as veces semellan case interrogatorios policiais) mais tamén tramposas onde as entrevistadoras e entrevistadores opinan mediante a elección e a formulación das preguntas. Isto colócaas/os en situación de superioridade reforzada pola práctica, relativamente frecuente, de cerrar a pregunta ou entrevista cunha opinión en forma de afirmación indiscutíbel, que contradí á persoa entrevistada pero sen dar ocasión a que esta exprese a súa. Si queren debater con quen non opina igual que vostedes, debatan, pero de igual a igual e non de maneira tramposa. E despois no aproveiten o feito de que xa non están en antena ( as persoas entrevistadas ) para machacalas nas tertulias sen darlles opción de defenderse.
Polo contrario, cando as persoas entrevistadas son de súa corda, a entrevista volvese amigábel, e moitas veces da a impresión de que case lle están facendo a pelota. Un día desta mesma semana unha eurodiputada, si non me equivoco do PSOE, atreveuse a dicir mais ou menos o seguinte: na transición, franquistas e exiliados puxéronse a dialogar aínda que cada un tería moito que reprochar aos outros. É dicir puxo ao mesmo nivel a quen deu un golpe de estado e nos tivo décadas baixo unha ditadura que a quen a sufriu. Podo entendelo (aínda que non compartilo) en xente do PSOE, un partido que pactou cos franquistas e permitiu que nesta sociedade, en grande medida e transversalmente, siga pervivindo a ideoloxía franquista no seu subconsciente e, polo que se ve nestes días, cando se ve cuestionada, tamén no consciente. Pero non me é tan doado entender por que a “progresista” condutora do programa no lle recriminou a súa posición como fai sen pudor cando entrevista a independentistas. Se cadra non o fixo porque a comparte, algo que se pode entender, mais nese caso debe aclaralo (e o digo de novo para reclamarlles a vostedes a transparencia e claridade que vostedes demandan aos demais)
Por favor, deixen de utilizar os argumentos retorcéndoos e empregándoos segundo lles convén, ou mesmo, cambiándoos si fai falta para xustificar as súas posicións. Por exemplo, insisten en falar de un referendo sen garantías, despois de que todo o mundo puido comprobar como foi o poder (que inclúe ao conxunto do aparato do sistema : goberno, xudicatura, policía e medios de comunicación, entre outros, agás excepcións) quen evitou que houbese garantías, censurando e requisando calquera elemento que servira para que existisen esas mesmas garantías. E cando viron que non podían impedir a votación porque a sociedade catalá tivo a intelixencia de actuar como si estivera na clandestinidade (onde de facto a situaron), o goberno decidiu impedilo a paus e dando un “pucherazo” (¿no é así como se chama cando se levan pola forza as urnas cheas de votos e, polo tanto, se altera o resultado do escrutinio ?)
Por exemplo vostedes nunca contaron os votos en relación ao censo senón ao número de votantes. Ate de agora , en que para quitarlle valor ao referendo, cambiaron a forma de contar porque lles convén para transmitir a idea de que os independentistas non teñen votos suficientes e posicionar á opinión pública en contra deles. No sei si me fallan os números (si é así fáganos vostedes ), pero segundo os meus cálculos o Referéndum sobre a permanencia de España na OTAN foi aprobado polo 31% do censo electoral e o Referéndum sobre a Constitución Europea polo 32%. Nunca lles lin nin lles escoitei a vostedes cuestionar a lexitimidade democrática destes procesos. O referéndum catalán realizado en condiciones propias dun estado de excepción conseguiu un 38% de votos afirmativos sobre o censo electoral, sen contar os votos incautados e as persoas ás que se lles impediu votar. E, sen embargo, este si que o cuestionan.
Vostedes no fan mais que dicir que non é suficiente sacar mais votos “si” que “non” para tomar unha decisión tan importante como a independencia. É unha opinión que merece respecto. Pero deberían aplicala en todos os casos. Sempre poñen como exemplo de aceptación democrática o Referéndum para a ratificación da Constitución española. Mais, como ben saben, esta decisión tan transcendental que nos mantivo polo menos corenta anos inmóbeis porque a converteu en dogma intocábel , só acadou o voto afirmativo do 59% do censo electoral. No referendo catalán o voto afirmativo oscila entre o 38% e o 50% do censo electoral ( A cifra mais alta é unha estimación no suposto de que a xente á que lles roubaron os votos ou lle impediron exercelo, votaría na mesma liña que as persoas que votaron realmente, suposto bastante probábel xa que a mostraxe -votos contabilizados- é moi ampla). Para vostedes este porcentaxe , sen embargo, non é suficiente ¿Quen lles deu a facultade para decidir onde está a liña vermella? Cando menos dean os datos de xeito comparado como veño de facer
E finalmente ¿como se poden considerar demócratas unhas persoas que , como vostedes, entenden que a lei está por riba da xustiza, da moral, da democracia ou dos dereitos individuais e/ou colectivos? ¿Coñecen vostedes algún dereito que se conseguira sen que houbera persoas e organizacións que incumpriran as leis que os prohibían? A pouca democracia que temos non chegou aquí por obra do espírito santo nin polas conspiracións de catro “persoeiros/as” senón porque moita xente se arriscou a ir á cadea ou a cousas peores (e as sufriu) incumprindo leis que negaban dereitos. Si todos/as nos pregaramos a cumprir as súas leis, seguiríamos na ditadura
Supoño que a vostedes pouco lles importa o que eu diga, pero dito queda.

comentarios