19 abr 2011

Auga

Hai unhas semanas, na manifestación en contra da lei de augas de Galiza botei en falla ás organizacións ecoloxistas. Ao dia seguinte , sen embargo, publicaron un manifesto sobre a auga . onde atopei a explicación . Inda que no manifesto se pronuncian en contra desta lei, as organizacións ecoloxistas galegas parece que son partidarias da existencia do canon da auga. Isto, claro está, choca coas reivindicacións dos/as convocadores/as da manifestación.
O debate é importante.Partamos do que teñen en común, ao meu entender, ámbalas dúas posicións: A auga é un ben público e o seu uso debe ser racionalizado. Hai moita xente que está convencida e defende de boa fe que esta racionalización se vai conseguir facendo que a auga teña un prezo.Para as organizacións convocadoras da manifestación , o mais negativo desta lei é precisamente isto. Poñer prezo a auga, significa convertela nunha mercadoría, ou sexa, obxecto de negocio.
Desde o meu punto de vista, incrementar o prezo de mercadorías e servizos, pode servir para racionalizar o seu uso. Son partidario dilo, nalgúns casos. Mais cando se trata de bens fundamentais para a vida ou cando afecta a servizos básicos, hai que ser moi prudentes porque isto sempre é perigoso.
Na actualidade xa hai servizos básicos que teñen un prezo ou nos que xa funciona o co-pago. Seria interesante analizar si supoñen unha racionalización do uso dos mesmos. Por exemplo, o subministro eléctrico, o ensino universitario, etc. Axiña estaremos diante doutra proposta no mesmo sentido: a implantación de un co-pago na sanidade co obxectivo de racionalizar o seu uso.
Desde o meu punto de vista, a política tarifaria podía ser útil na racionalización do uso dun ben ou servizo básico si se fixeran incrementos moi importantes. Mais iso, non o soportaría a sociedade e mesmo podería rematar co negocio en si mesmo que se basea na existencia dun consumo moi xeneralizado. Mais a racionalización tamén se pode conseguir con medidas non estritamente impositivas ou tarifarias. Por exemplo, a separación selectiva do lixo, vai avanzando en todas as cidades sen necesidade de medidas económicas que graven a quen incumpra coa reciclaxe.
Na miña opinión, é dubidoso que se poida conseguir unha racionalización do uso da auga a base dunha política impositiva e tarifaria, inda que estou disposto a admitir que ao mellor é posible. Sen embargo para conseguir este obxectivo, o perigo que se corre é moi grande. Si para racionalizar o consumo de auga hai que convertela nunha mercadoría abrindo a porta a que “os mercados” poidan especular con un ben básico para a vida, mellor é buscar outras alternativas. Sen que ninguén me entenda mal, isto é como o caso da enerxía nuclear. Si para evitar o cambio climático temos que utilizar unha enerxía potencialmente tan perigosa, mellor será buscar antes outras alternativas ( ou intentalo).
En todo caso, o que mais me chama a atención, é esa , chamémoslle manía, que teñen as organizacións ecoloxistas en considerar que a solución pasa sempre por poñer en practicas servizos medioambientais ao marxe da propia actividade económica ou para paliar os efectos negativos desta. Sen embargo, ao meu entender, unha boa política en defensa do medio ambiente pasa moitas veces por promover determinadas actividades económicas, por exemplo determinados modelos de agricultura.
Como di Eduardo Ramos algunhas achegas da agricultura , poden ter un prezo porque poden ser valoradas polo mercado. Este é o caso da produción de alimentos e fibras, turismo rural, transformación de produtos, etc. Con todo, outras achegas da agricultura dificilmente poden ser valoradas polo mercado e polo tanto non teñen un prezo. Este é o caso da conservación da paisaxe, dos chans e a biodiversidade, da conservación da modo de vida rural e das tradicións, a seguridade alimentaria e a saúde, etc. Dito, ao meu xeito, determinadas formas de produción agraria xeran beneficios ao medio ambiente con-substancialmente co seu proceso produtivo e inseparablemente del. Por exemplo. un uso racional da auga.
Calquera pode decatarse de que é , precisamente, a destrución do mundo rural, a que provoca que se estean desfacendo todas as infraestruturas hidráulicas que inzaban o medio rural, como as “pozas” que recollían a auga das escorrentias e a utilizaban para o rego.
Non creo que o canon da auga contribúa a reverter esta situación, senón mais ben ao contrario.Neste pais, as comunidades rurais fixeron unha xestión moi eficaz da auga durante centos de anos sen necesidade de que este ben deixara de ser gratuito e foi porque na cultura galega, a lo menos do rural galego, está inscrita a importancia fundamental da auga e a necesidade de usala racionalmente.
En resumidas contas o mellor sería evitar que a auga se converta nunha mercadoría obxecto de negocio e buscar ( ou a lo menos intentalo ) outras formas para conseguir a necesaria racionalización do seu uso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentario

comentarios