¿Non nos damos conta de que os poderes económicos reais, os que mandan de verdade no mundo acadan os seus obxectivos utilizando os medios que mais se lle adaptan en cada momento? Ao mellor teríamos que aprender algo deles. Non se trata de que os medios xustifiquen o fin ( algo que é verdade para esta xente ), senón de que o obxectivo que se pretende se pode acadar por varios medios, non só por un. Xa o dicían os vellos “todos os camiños conducen a Roma”. O importante, digo eu , é saber si é a Roma onde queremos ir.
A min as posicións da esquerda e da dereita suxírenme a seguinte imaxe. Os dous temos os nosos obxectivos, supoñamos preparar un terreo para sementar. Uns ( a dereita ) dispón de diferente maquinaria. As veces utiliza unha e outras veces outra, dependendo do tipo de terreo e mesmo do tempo.A que lle vale nun caso , non lle vale noutro. Pero como dispón de todas elas non se cuestiona cal é a mellor. Unhas veces o arado de vertedeira, outras o subsolador, outras grade... Mesmo pode utilizalas todas.
Outros/as ( a esquerda ) , pola contra, da a impresión que buscamos a “maquina universal”. Aquela que nos vai permitir preparar calquera terreo en calquera situación ( eu creo que non existe, pero non desesperemos..., D Juan de la Cova, ilustre ourensán, inventou o paraugas universal que colocado no polo norte evitaba que chovera en toda a terra). Mentres tanto, pasámonos a vida debatendo cal é a mellor maquina para traballar o terreo. Unhas veces atinamos, outras no. A maquina ao mellor válenos en terra seca e non nos vale nos lameiros. En todo caso, unha vez decidido cal ,ao noso entender, é a mellor maquina, pasarán xeracións e xeracións utilizándoa en calquera situación. Se non funciona, a culpa, por suposto, será do tempo que non ven como debera, ou do terreo que non ten a pendente axeitada ou da máquina que está mal engraxada. Se alguén pensa en utilizar unha maquina diferente para o mesmo fin... que Deus o/a colla confesado/a.
E así estamos. Uns centrándose só nos obxectivos que pretenden acadar e recorrendo hoxe a intervención publica e negándoa mañá cando xa estean salvos, defendendo o libre mercado para uns pero aplicando o proteccionismo para si mesmos cando corren perigo. Outros seguimos debatendo aínda sobre o modelo de xestión ,ese que, cal panacea universal, sempre nos vai valer.
Polo momento parece que con “intervención publica” e “que paguen os ricos”, todo queda resolto igual que hai séculos. ¿ de verdade?. Pode ser... pero creo que sería mellor facer caso dos vellos ( do vello Marx ) : dubidemos sempre de todo porque as solución saen da análise concreta da realidade concreta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario