As eleccións nos USA parece ser que foron un “castigo” para Obama. Polo que podo deducir bótanlle a culpa da crise económica. Segundo din, uns/as creen que non fixo todo o que tiña que facer e outros/as creen que fixo demasiado pero no mal camiño. Ate onde eu puiden deducir, Obama, por exemplo, pretendía unha reforma sanitaria mais profunda e tivo que recuar porque non conseguiu que lla aprobaran.
¿Qué se pode pedir dunha persoa: que o consiga ou que o intente?. Como diría o clásico ( máis ou menos): “ o cambio non é obra dunha persoa ou dun grupo de persoas , senón de todo un pobo”.
Pero o pobo norteamericano parece estar dividido , por exemplo, sobre a reforma sanitaria. E pode que non todo sexa culpa dos medios de comunicación. A unha persoa sen cobertura sanitaria, ningún medio de comunicación a vai convencer que é mellor seguir sen ela.
Se cadra o que ocorre é que unha parte da poboación e dos traballadores/as saca “beneficios” dos “prexuízos” de outra parte. ¿Son só os ricos viven ben a conta dos pobres ?. E posíbel que , tamén uns pobres vivan mellor a conta de outros pobres. Non porque os exploten, senón porque o sistema “reparte” a riqueza que lles sobra aos ricos de xeito pouco equitativo.
Non é nova esta idea. Creo lembrar que o marxista irlandés Connolly xa chamaba a atención sobre a explotación do proletariado irlandés en relación co inglés. O surafricano Hosea Jaffe sostiña que os traballadores brancos cobraban máis salario ( mesmo non producían plusvalía) porque os traballadores negros vivían case na escravitude.
Pero , en xeral, na esquerda nunca se prestou atención a estas teorías. Seguimos na idea de que os traballadores/as temos sempre intereses comúns . E pode que non sexa así en todos os casos. Pensemos na relación entre o primeiro e o terceiro mundo. Ou mais preto. No parece que teñan os mesmos os intereses inmediatos dos mineiros de León e os de Meirama.
Na universidade puidemos comprobar o difícil que lle é (a quen goberna) cambiar algo para favorecer aos/as desfavorecidos/as do sistema, cando unha grande parte ( mesmo pode ser a maioría) de quen o elixe pertence ao grupo dos/as favorecidos/as .
Haberá que pensar cómo facemos algo aquelas persoas que queremos e creemos noutro modelo social máis xusto e máis humano . Eu non teño dubidas de que os intereses dos traballadores/as a medio e longo prazo son comúns. Pero ao mellor non os son sempre a curto prazo. Se cadra non é doado un proxecto común nas reivindicacións económicas. Aínda que sexan moi necesarias, pero nuns lugares o serán máis que noutros e uns colectivos terán máis necesidades que outros.
Por iso haberá que pensar nun proxecto común nas ideas e no modelo social. Por ahí se cadra hai que andar de cara ao futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario