29 nov 2010

Eleccions catalanas

Tres conclusións persoais sobre as eleccións cataláns. Primeiro, avanzan as propostas soberanistas. Segundo, na crise económica a xente parece confiar na dereita. Terceiro a experiencia do tripartito foi rexeitada, alí e agora. Paga a pena dedicarlle algún tempo a cada un deles, pero vaian unha reflexións aceleradas e urxentes.
Respecto do primeiro, estamos comprobando como as propostas nacionalistas avanzan e ganan posicións tanto en Catalunya como en Euskadi. En cada sitio con estratexias ben diferentes. O cal  reafírmame na miña idea de que non hai receitas, senón solucións axeitadas a cada situación. Mais tamén lamento que en Galiza esteamos estancados desde esta perspectiva. Para min, unha das razóns é que a expresión política do nacionalismo galego volveuse nos últimos tempos cada vez máis localista. Defender Galiza , pensar só en Galiza non é a característica que define ao nacionalismo. E unha condición necesaria máis non suficiente. Será localismo nada máis, si se carece dun proxecto nacional. E en Galiza, non parece estar claro se cadra porque buscamos “exemplos” en lugar de construír o propio modelo.
Si a xente confía na dereita para saír da crise , ao mellor é por algunha destas razóns ( ou por varias delas). En primeiro lugar porque o esquema de valores da esquerda consiste en imitar aos ricos. Así moita xente pensará que o mellor é confiarse neles para que nos gobernen. E curioso desde este punto de vista cómo a esquerda se deixa roubar os principios polos que loitou e loita. Hoxe, a democracia e a liberdade parece ser un patrimonio da dereita. Mesmo é a dereita europea quen parece encabezar agora a loita polo benestar das persoas, non só polo progreso económico ( interesante leer: "midan a miña felicidade interior bruta" )
En segundo lugar todos/as,  na esquerda, sabemos as cousas das estamos en contra, mais...¿ sabemos as cousas das que estamos ou estariamos a favor ? Eu non o vexo claro. Si non hai propostas cara adiante, só resistencia , non é doado que a xente lle dea a opción de gobernar. 
En terceiro lugar, o victimismo e a des-responsabilización non conduce a nada. A dereita ten razón nalgunhas criticas como o despilfarro do diñeiro publico ( do que por certo é grande responsable). A resposta da esquerda consiste en dicir que hai cousas peores (e de verdade que as hai ). Mais a estratexia de “ a ti mais “ xera un debate simétrico ( creo que chaman así os/as psicólogos/as) que case nunca conduce a unha solución ao conflito formulado.
Polo que respecta ao fracaso do tripartito nada hai que comentar. Só aprender da experiencia, quen queira facelo. O erro é , para a ciencia, unha forma de avanzar porque serve para acertar nun intento posterior. Sobre todo si en lugar de botarlle a culpa aos demais, se analizan os fallos propios.

25 nov 2010

A esquerda conservadora, Eric Cantona e as herexias

Hai anos un inmigrante chegou a miña cidade. Seica tivera que marchar do seu pais por motivos politicos. Segundo me contou un dia, ao pouco de chegar , un vello militante socialista advertiulle ( mais ou menos) : "ten coidado, non esquezas que ves a unha cidade onde ate a esquerda é conservadora". Moitas veces me teño lembrado disto. Pero... ¿é só na miña cidade? Temo que non. Por iso ahí van duas reflexions ao fio de duas informacións destes dias.
O ex-futbolista Eric Cantona propón quitar os cartos dos bancos.  Xa sei que esta idea non vai callar. Mais a min lémbrame que hai máis xente que pensa que hai que saír do protocolo de actuación que estamos seguindo se queremos que a crise serva para algo positivo ( e evitar que supoña unha profundización nas inxustizas do sistema)  
Explicáronme o outro dia que cando se establece unha rutina de comportamento entre as persoas en calquera ámbito da vida persoal ou colectiva chegase a un equilibrio mais ou menos estable no que cadaquén xoga o seu papel e nada cambia. Como as rutinas repetidas para levar a un neno que non quer ir á cama. De pouco valen os cabreos das nais (ou pais) e/ou os choros dos fillo. A rutina permanece estable dia tras dia. Para cambiar algo, hai que cambiar a rutina. E ten que facelo aquela persoa ( ou persoas) á  que lle interesa o cambio.
En xeral, as reaccións da esquerda e dos sindicatos fronte a crise seguen o protocolo. Manifestacións e Inglaterra, folgas en Francia, Grecia, Portugal e Estado español. Ao mellor por iso, entre outras cousas,  non provocan cambios de actitude nos gobernos. Se cadra non é un problema da “magnitude” da resposta senón de que o unico que facemos é seguir a rutina  establecida onde cadaquén fai o que se espera que faga. E daquela, o equilibrio e o impasse manteñense. A proposta de Cantona non parece ir mais aló da expresión dun cabreo. Pero se serve para pensar cómo rachar co impasse da rutina, benvida sexa.
O catedrático Niño Becerra predeciu a crise ( ou se atreveu a decilo) hai tempo,  cando ainda estabamos borrachos de desenvolvemento. O outro dia escoitelle as suas propostas para o futuro. Amnistia fiscal e a partir de ahi persecución do fraude sen piedade. E unha politica fiscal pivotando sobre un só imposto ao consumo. Selectivo: alto para os artigos de luxo e baixo, mesmo negativo, para os de primeira necesidade. En resumidas contas, unha herexia para a esquerda que sempre defendimos os impostos directos e renegamos dos indirectos ( ao consumo). 
Pero au alegreime. Hai tempo que veño cismando nesto e  xa lles tiña falado ás persoas mais achegadas que hoxe un imposto ao consumo ben formulado poderia ser mais xusto que os impostos directos. Isto é o que me parecía pero non me atrevia a decilo, porque non quero pasar por herexe. Agora ... si o di un catedrático...
Outro dia atrevereime a explicar por qué penso que ten razón o profesor Niño Becerra. Xa sei que as herexias están mal vistas, pero a maioria dos avances científicos e sociais que se produciron na historia naceron de herexias, é decir, de custionamentos das posicións existentes  xa demasiado conservadoras.

23 nov 2010

Manual de auto-axuda para os colectivos que se reclaman de esquerda e/ou progresistas. Introdución

As Ciencias sociais teñen avanzado moito os últimos anos. Sabemos moito máis das dinámicas que dirixen os nosos comportamentos a nivel individual e colectivo. A psicoloxía social é todo unha ciencia. Mais ¿Qué temos incorporado desto na actividade dos colectivos que se reclaman de esquerda ou progresistas? Mais ben ..… nada.
En todo caso, parece haber unha coincidencia xeralizada dentro destas disciplinas. Os cambios dependen fundamentalmente de nós mesmos e das nosas actitudes. Condicionados polo contorno, iso si. Desde o coaching  ás disciplinas orientais, chámannos a buscar en nós mesmos a forza para actuar. Mais tampouco é novo. Sabémolo ben os/as nacionalistas porque nolo dixeron os/as poetas ( “xamais virá de fora remedio nen espranza” ou “Galiza, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida....” ). Sabíano ben os primeiros sindicalistas coas súas caixas de resistencia.
Pero parece que o temos esquecido. Ou se cadra non é problema de esquecemento senón de interese. Decidirse a tomar as rendas da vida e valerse por si mesmo aínda para saír de situacións moi difíciles é, moitas veces,  custoso . Sábeno as mulleres maltratadas.

No fundo, a xente de esquerda do primeiro mundo, en xeral, e a galega en particular,  sabemos que o dia que decidamos a emprender un camiño propio non nos espera a “alba de gloria”  que nos fixo crer Castelao, senón un duro e difícil camiño ao comezo ( cando menos) .  O que nos pasa é que temos dubida de si nos vale a pena percorrelo ou non.

Ou sexa  que pode que non viñera mal un manual de auto-axuda. Non exactamente igual que os que están a venda en todas as librerías. Pero creo que necesitamos  un deses ... ou unha visita colectiva á psicóloga.

18 nov 2010

Barrene nº 1. a conto do rescate dos bancos de Irlanda.


¿Non nos damos conta de que os poderes económicos reais, os que mandan de verdade no mundo acadan os seus obxectivos utilizando os medios que mais se lle adaptan en cada momento? Ao mellor teríamos que aprender algo deles. Non se trata de que os medios xustifiquen o fin ( algo que é verdade para esta xente ), senón de que o obxectivo que se pretende se pode acadar por varios medios, non só por un. Xa o dicían os vellos “todos os camiños conducen a Roma”. O importante, digo eu , é saber si é a Roma onde queremos ir.
A min as posicións da esquerda e da dereita suxírenme a seguinte imaxe. Os dous temos os nosos obxectivos, supoñamos preparar un terreo para sementar. Uns ( a dereita ) dispón de diferente maquinaria. As veces utiliza unha e outras veces outra, dependendo do tipo de terreo e mesmo do tempo.A que lle vale nun caso , non lle vale noutro. Pero como dispón de todas elas non se cuestiona cal é a mellor. Unhas veces o arado de vertedeira, outras o subsolador,  outras grade... Mesmo pode utilizalas todas.
Outros/as ( a esquerda ) , pola contra, da a impresión que buscamos a “maquina universal”. Aquela que nos vai permitir preparar calquera terreo en calquera situación ( eu creo que non existe, pero non desesperemos..., D Juan de la Cova, ilustre ourensán,  inventou o paraugas universal que colocado no polo norte evitaba que chovera en toda a terra). Mentres tanto,  pasámonos a vida debatendo cal é a mellor maquina para traballar o terreo. Unhas veces atinamos, outras no. A maquina ao mellor válenos en terra seca e non nos vale nos lameiros. En todo caso, unha vez decidido cal ,ao noso entender, é a mellor maquina, pasarán xeracións e xeracións utilizándoa en calquera situación. Se non funciona, a culpa, por suposto, será do tempo que non ven como debera, ou do terreo que non ten a pendente axeitada ou da máquina que está mal engraxada. Se alguén pensa en utilizar unha maquina diferente para o mesmo fin... que Deus o/a colla confesado/a.
E así estamos. Uns  centrándose só nos obxectivos que pretenden acadar e recorrendo hoxe a intervención publica e negándoa mañá cando xa estean salvos, defendendo o libre mercado para uns pero aplicando o proteccionismo para si mesmos cando corren perigo. Outros seguimos debatendo aínda sobre o modelo de xestión ,ese que, cal panacea universal, sempre nos vai valer.
Polo  momento parece que con “intervención publica” e “que paguen os ricos”, todo queda resolto igual que hai séculos.  ¿ de verdade?. Pode ser... pero creo que sería mellor facer caso dos vellos ( do vello Marx ) : dubidemos sempre de todo porque as solución saen da análise concreta da realidade concreta.

17 nov 2010

Sahara ¿ a favor ou en contra?

Eu estou cos/as saharauis. Pero ¿por que?. 
Xa hai tempo que penso que , fronte a un problema, non acostumamos a situamos segundo nos dicta a razón ou os sentimentos. Situamonos en función dunha posición previamente tomada, non sabemos ben por qué.  Todos os razonamentos posteriores son pretextos para xustificar esta postura a priori tomada. Non me atrevia a decilo, pero parece ser que existe algun tipo de evidencia científica de que funcionamos así na maioria das ocasións ( Punset dixit).
¿E a que ven todo esto ?. Pois a que, si somos conscentes, poderemos actuar en consecuencia. Así procuraremos non debater só para ganar a batalla ao adversario dialectico. Poderemos escoitar e mesmo ter en conta as opinións dos demais. E esto é importante 
Hoxe en día a linea que separa aquilo que, para nós, está ben ou está mal, é a que engloba a un determinado conxunto: "os meus". Será bon aquelo que estea dacordo cos meus e será malo o que non estea dacordo cos meus. E así dificilemente elexiremos a mellor opción para todos/as.
E así podemos explicar por qué se usan duas varas de medir o respeito dos dereitos humanos ( unha para Cuba e outra para Marrocos por exemplo). Pero isto xa o sabiamos. O que ocorre é que as persoas progresistas tamen usamos distintas varas de medir e non reaccionamos o mesmo coa represión brutal no Sahara ou en Zimbabwe ou no Congo ( por poñer un exemplo ). 
Case sempre é a a intuición ( o mais elevado xeito de coñecemento cientifico)  a  que nos fai reconsiderar a postura previamente tomada. A veces ocorre e non sabemos ben por qué. 
Eu estou cos/as saharauis porque hai tempo que tomei esta postura. Como dixen só tiña pretextos para xustificala. Ao decatarme, xa atopei varias razóns ...e tamen a intuición de que , máis aló da represión de Marrocos e da responsabilidade do Estado Español, haberá que deixar os apriorismos ( tamen neste caso ) para tratar de ver máis claro en qué podemos botar unha mao .

9 nov 2010

a visita do papa

Está ben a polemica sobre a visita do Papa a Santiago. Para a dereita o exito consiste en sair en todas as TV do mundo.  Para a esquerda nacionalista a critica que escoitei consiste en dicer que hai manifestacións que son mais negocio para os hosteleiros santiagueses.  
Estou desconcertado ¿ a nosa dignidade de pais reducese a servir de "atrezzo" ou "decorado" da parafernalia vaticana ? ¿ á esquerda naionalista gostarialle que viñensen ver ao Papa multitudes consumidoras?
En fin.. pobre Papa. Por moita imaxe mediatica que utilice, a quen parecen adorar uns e outros é ao diñeiro. En fin ...pobre de nós si a xente de esquerdas segue pensando que do que se trata é de ser radical nas formas pero imitar á dereita nas propostas e nas ideas. A non ser que sexamos capaces de resolver esa contradicción irresoluble na que, segundo J.M. Ridao  está a atrapada esa esquerda democrática que anda buscando respostas propias a partitr de analises alleos.

8 nov 2010

Supostas verdades que non o son tanto. Caso 1.- a igualdade en pocentaxe

Ultimamente esta de moda utilizar a porcentaxe como unidade de medida. Mesmo se oculta o que significa. Así ao tanto por cento chámeselle “punto” ou “puntos básicos”. Parece unha parvada, pero ten unha grande importancia.

Primeiro ten unha importancia fundamental para o debate de ideas. Como a porcentaxe é unha medida relativa que se obtén dividindo un numerador por un denominador, é cuestión de elixir axeitadamente os dous para obter o resultado que se quere obter. Si non interesa a porcentaxe sobre os habitantes de feito, farémolo sobre os de dereito e senón sobre a poboación activa e senon ... . Se a porcentaxe sobre o ano anterior non favorece , farémola respecto de hai cinco anos, ou da media ou da mediana. O caso é que saia o que se quere. Pero así é imposible contratar ideas porque non se fai interpretación dos datos, senón que se fabrican a priori os datos adecuados a nosa idea xa preconcibida

Pero sobre todo ten unha enorme importancia ideolóxica. A análise das porcentaxe é a análise por comparación. Ao analizar porcentualmente sempre estamos comparando con algo ou con alguén. E iso non creo que sexa bo sempre. Ou mellor , non é bo  case nunca.

A comparación por porcentaxe sempre favorece a quen mais ten. Ate os propios sindicatos e a esquerda ten caído neso. Case ninguén defende xa subas salariais lineais. Ate pensamos que unha suba equitativa é a que se fai na mesma porcentaxe para todos/as. Pero isto non é así. 

Supoñamos dúas persoas ás que se lle teña subido a mesma porcentaxe de salario todos os anos ( igual ao IPC) . Si unha ganaba 1000 euros e outra 3000 euros ( 2000 euros mais) hai dez anos, hoxe a primeira ganaria uns 2000 euros e a segunda uns 6000 ( case  4000 euros máis). Pero o pan non se paga porcentualmente ao salario. Custa o mesmo para as dúas  persoas... e tamen a vivenda e os médicos e os libros... 

Si a suba se repartira linealmente tods os anos, as diferencias salariais non aumentarian nen se reducirian, pero a primeira persoa ganaria hoxe 3000 euros ( 1000 euros mais que coa suba porcentual) e a segunda 5000 ( 1000 euros menos que coa suba porcentual ). ¿Qué é máis xusto?

A única medida tomada nos últimos tempos que reducía diferenzas ( devolver 400 euros por igual a todo o mundo) foi criticada porque era inxusta. E podía ser criticada por moitas razóns , pero non precisamente por ser inxusta. Moitos/as dos que a criticaron  seguramente levan anos defendendo que a igualdade consiste en subir o salario a todo o mundo “por igual” , é dicir na mesma porcentaxe. Isto precisamente non é equitativo nin xusto.

4 nov 2010

as eleccions non se ganan...nen se perden

As eleccións non se ganan nen se perden. As eleccións non son un partido de futbol... ou unha guerra. Cando votamos, a maioria votamos por nós mesmos. Votamos porque creemos que con un determinado partido sairemos ganando.
O tema é tentar saber por qué algunhas persoas pensan que coa extrema dereita ( por exemplo) lles vai ir mellor. ¿Son enganadas polos medios de comunicación ... ou tamen hai uha parte de autoengano ...ou mesmo hai coincidencia de intereses e ideoloxía  ?
Un dos sete "sapatos sujos " que Mia Couto descrebe na sua lección de sapiencia é a desresponsabilización. Concordo con el. O dos medios de comunicación é un tema complexo mais si temos que empezar a cambiar algo, por qué non empezar por superar a desresponsabilización . Por qué non empezar por combater o autoengano. Por que non empezar polo debate ideolóxico.

3 nov 2010

Alguen ten que levar as culpas. ¿Qué tal Obama?


As eleccións nos USA parece ser que foron un “castigo” para Obama. Polo que podo deducir bótanlle a culpa da crise económica. Segundo din, uns/as creen que non fixo todo o que tiña que facer e outros/as creen que fixo demasiado pero no mal camiño. Ate onde eu puiden deducir, Obama, por exemplo, pretendía unha reforma sanitaria mais profunda e tivo que recuar porque non conseguiu que lla aprobaran.
¿Qué se pode pedir dunha persoa: que o consiga ou que o intente?. Como diría o clásico ( máis ou menos): “ o cambio non é obra dunha persoa ou dun grupo de persoas , senón de todo un pobo”.
Pero o pobo norteamericano parece estar dividido , por exemplo, sobre a reforma sanitaria.  E pode que non todo sexa culpa dos medios de comunicación. A unha persoa sen cobertura sanitaria, ningún medio de comunicación a vai convencer que é mellor seguir sen ela.
Se cadra o que ocorre é que unha parte da poboación e dos traballadores/as saca “beneficios” dos “prexuízos” de   outra parte. ¿Son só os ricos viven ben a conta dos pobres ?. E posíbel que , tamén uns pobres vivan mellor a conta de outros pobres. Non porque os exploten, senón porque o sistema “reparte” a riqueza que lles sobra aos ricos de xeito pouco equitativo.
Non é nova esta idea. Creo lembrar que o marxista irlandés Connolly xa chamaba a atención sobre a explotación do proletariado irlandés en relación co inglés. O surafricano  Hosea Jaffe sostiña que os traballadores brancos cobraban máis salario ( mesmo non producían plusvalía) porque os traballadores negros vivían case na escravitude.

Pero , en xeral, na esquerda nunca se prestou atención a estas teorías. Seguimos na idea de que os traballadores/as temos sempre intereses comúns . E pode que non sexa  así en todos os casos. Pensemos na relación entre o primeiro e o terceiro mundo. Ou mais preto. No parece que teñan os mesmos os intereses inmediatos dos mineiros de León e os de Meirama.

Na universidade puidemos comprobar o difícil que lle é  (a quen goberna) cambiar algo para favorecer aos/as desfavorecidos/as do sistema, cando unha grande parte ( mesmo pode ser a maioría) de quen o elixe pertence ao grupo dos/as favorecidos/as .

Haberá que pensar cómo facemos algo aquelas persoas que queremos e creemos noutro modelo social máis xusto  e máis humano . Eu non teño dubidas de que os intereses dos traballadores/as a medio e longo prazo son comúns. Pero ao mellor non os son sempre a curto prazo. Se cadra non é doado un proxecto común nas reivindicacións económicas. Aínda que sexan moi necesarias, pero nuns lugares o serán máis que noutros e uns colectivos terán máis necesidades que outros.
Por iso haberá que pensar nun proxecto común nas ideas e no modelo social. Por ahí se cadra hai que andar de cara ao futuro.

1 nov 2010

hai que andar ... no outono

Hai que andar, porque hai que pensar. Existen demasiadas ideas preconcebidas, que se dan por verdadeiras sen reflexionar. Demasiado conservadurismo que pensa que o tempo non pasou, que as circunstancias non cambieron e que seguen valendo as mesmas receitas, ainda que non teñamos nen os mesmos ingredientes, nen os/as mesmos comensais, nen as mesmas necesidades alimenticias. E existe demasiado medo a equivocarse. O erro é o xeito que ten a ciencia de avanzar. por iso e lamentable que sexa o pretexto para o canibalismo politico. Si a ciencia avanza a base de proba e erro, ¿por qué os debates sociais se dan sempre an tes da "proba".? E finalmente hai demasida desresponsabilización. Nunca temos a culpa de nada. Nos sempre somos as victimas. os culpabeis son sempre os outros.
Ou sexa que, por si a alguen lle interesa, ahí van rflexions para que non me queden na cabeza.

hai que andar para deixar atras a fase da envidia?

O almirante Rosa Coutinho explicounos nunha cea en Lugo ( casa maria) xa hai anos  a sua teoria de que a idea de transformar a sociedade actual en outra mais xusta e humana  pasaba primeiro pola fase do odio e despois pola da envidia. Segundo el, só despois de pasar por estas fases se chega á conclusión de que imitando ao opresor, os oprimidos nunca deixaran de selo.
¿Por qué loitan agora as organizacions de esquerdas? A min dame a impresión que loitamos polos cartos, por imitar aos ricos, por ser coma eles. Estamos ainda ( ou volvemos) na fase da envidia. 
Ista idea vai mais alo do debate a favor ou en contra do sistema actual ( hai moitos/as antisistema que non pasaron da fase do odio).
Para que queremos mais "poder adquisitivo". ¿Para poder consumir mais sen importar se os recursos do planeta se agotan ? ¿ Para consumir mais sen importar si o que consumimos e froito da escravitude e do expolio do terceiro mundo? Se non é así, son dificilmente explicabeis as posturas localistas e corporativistas dos ultimos tempos. As centrais termicas son perxudiciais para o conxunto da sociedade pero hai que mantelas por manter os postos de traballo segundo din as organizacións de esquerdas. ¿Onde nos levaria este argumento aplicado ao comercio de armas, por exemplo?
Si existe desencanto entre a xuventude e unha parte moi importante das persoas que se sinten e son de esquerdas secadra é porque albiscamos que, tal e como imos,  nos van conducir a aquelo que George Orwell contou na "rebelión dos animais" . E decir imos dereito  a imitar ou reproducir aquelo co que  hoxe non estamos de acordo. E para esa viaxe non fan falla alforxas.
I

comentarios