22 dic 2012

A agricultura invisíbel


A mediados dos anos setenta do pasado século, a palabra de orde nas mobilizacións agrarias era “nos non somos empresarios, fora a cota empresarial”, unha reivindicación da condición de labrego ( ou campesiño).  Hoxe, un terzo de século mais tarde, parece que xa non existen os labregos/as, preferimos chamalos/as ( e chamarse a si mesmos/as ): gandeiros/as, viticultores/as,...
Evitamos falar da pequena explotación labrega familiar e minifundista. Só temos en consideración ás explotacións profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose invisíbel. Mais aínda existe. A miña intención neste artigo é contribuír a facer visíbel esta outra agricultura, a das labregas e labregos resilientes, que semellan non existir aos ollos da maioría. Tento contribuír a demostrar a importancia tanto do seu papel social como da súa produción agraria desprezada pola a maioría dos/as economistas pero fundamental para alimentar á poboación galega. Non pretendo facelo en contraposición ás explotacións profesionais ( os/as gandeiros/as sobre todo) nin esquezo a súa importancia, pero estas si son visíbeis…  e seria necesario outro artigo para analizar a situación na que se atopan e un modelo produtivo con evidentes síntomas de esgotamento.
Como indica o profesor Oliveira Baptista, a pequena explotación familiar é moi versátil. As persoas que traballan nelas fano por motivos moi diversos. Para unhas pode ser fundamental o rendemento económico que poidan obter da explotación mais para outras pode selo o feito de que lle proporcionan vivenda e alimento. Pero ademais hai moitas outras razóns para estar interesado/a neste tipo de explotación agraria: identidade persoal, posibilidade de vivir nun medio que se coñece e/ou  que gusta, expectativa de herdanza, etc.   
En Galiza a produción agraria depende, en grande medida, destas pequenas explotacións familiares, de labregos/as que son considerados/as marxinais ou ben que non son “profesionais” nin aparecen nas estatísticas como activos/as agrarios.  Unha análise moi sinxela indícanos que a practica totalidade das persoas que se dedican á agricultura viven en parroquias con menos de 2000 habitantes ( con núcleos de menos de 300 ) . Pero nestas mesmas parroquias viven preto do sesenta por cento dos/as xubilados/as e dos/as traballadores da construción de Galiza, case a metade dos/as da industria e das persoas que se dedican á pesca e a terceira parte dos/as empregados/as do sector servizos. Como consecuencia, nos núcleos rurais, as persoas que oficialmente traballan na agricultura representan pouco máis da quinta parte.
Podiamos dicir pois que a inmensa maioría das persoas que traballan no sector agrario viven nos núcleos rurais , pero que a  maioría das persoas que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á actividade agraria. Sen embargo non son alleas á mesma. Desde o noso punto de vista, aínda que estea localizada no medio rural, a agricultura practicada por estas persoas, se a entendemos en sentido amplo, ten unhas características especificas que nos permiten cualificala como o que hoxe en dia se denomina agricultura periurbana ( e/ou urbana), unha agricultura aínda descoñecida tanto a nivel local como global, a pesares de que é un sector en rápido crecemento que, segundo a FAO, proporciona alimentos aproximadamente á cuarta parte da poboación urbana mundial ( 700-800  millóns de persoas). Da súa importancia en Galiza pode dar idea o feito de que, segundo as nosas estimacións, os/as labregos/as a tempo parcial, achegan aproximadamente a metade da unidades de traballo agrario (UTAs) a pesares de que semellan  non existir nin para as políticas nin para a opinión pública,
Unha parte importante da produción das labregas e labregos das pequenas explotacións, uns marxinais outras invisíbeis, ten como destino o consumo propio ( da familia e parentes)  ou a venta en mercados locais. Este tipo de produción en grande medida non se incorpora á estrutura comercial hoxe dominante. Por esta razón, desde o punto de vista económico, ou ben simplemente non se valora ou ben non se fai axeitadamente. Sen embargo outra sinxela análise das características e destino deste tipo de produción, permítenos afirmar que é unha produción diversificada que se destina a alimentar aos galegos/as, en contraposición coas características da produción das medianas e grandes explotacións profesionais, nas que habitualmente centramos a nosa atención,  que se pode definir como de monocultivo gandeiro ( fundamentalmente leite)  con destino á exportación.
O balance agroalimentario de Galiza é negativo. Este dato incuestionábel pódese complementar, segundo as nosas estimacións,  con outro:  a agricultura profesional cubre pouco mais da terceira parte do noso consumo de produtos agrícolas. Sen embargo, si comparamos os datos da produción das arredor de 20.000 Has de hortas familiares ( para consumo propio e local) e o consumo medio por habitante, podemos concluír que esta produción ( que non contribúe ao PIB ) está satisfacendo as necesidades de centos de milleiros de persoas. Por exemplo a produción de hortalizas para autoconsumo en Galiza esta entre 100-135 mil toneladas ( Xunta de Galiza) e o consumo per cápita entre 50- 70 Kg ( Ministerio Agricultura). Así pois esa produción agraria non contabilizada que non chega as grandes areas comerciais nin a maioría das tendas podería estar alimentando como mínimo a un millón e medio de persoas (  mesmo considero que as estimacións son conservadoras). É dicir, non só á xente que vive no medio rural senón tamén a unha parte substancial da poboación vilega e urbana, evitando, deste xeito, que a situación da Galiza deste o punto de vista da soberanía e/ou a suficiencia alimentaria chegue a ser catastrófica.

Si alguén se está preguntando como é posible isto, teño que lembrarlle que, aínda que a relación entre o tamaño das explotacións agrarias e a produtividade é un vello  debate, hoxe en dia a maioría dos datos evidencian que as explotacións máis pequenas producen moito máis por unidade de área que as grandes explotacións.  A maior eficiencia da produción agrícola a pequena escala pódese considerar xeral en todo o mundo e as nosas estimacións indican que en Galiza tamén se confirma a existencia dunha relación inversa entre tamaño da explotación e rendemento económico por Ha. Algúns autores apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións son mais eficientes por unidade de traballo ( para eles o mais importante) aínda que non o sexan por unidade de superficie. Pola nosa banda non atopamos unha correlación significativamente positiva entre tamaño da explotación e rendemento económico por unidade de traballo para o caso galego, pero isto é o de menos, porque, desde o noso punto de vista o obxectivo a conseguir non debería ser tanto a maximización do beneficio individual das explotacións concentrando o traballo a renda nunhas poucas delas, senón mais ben o maior numero de postos de traballo ( e de explotacións) posíbel cun nivel de renda digno.
Seguramente que hai moitas persoas ás que lles pode sorprender que falemos da eficiencia económica das pequenas explotacións familiares que sempre foron consideradas atrasadas. Sen embargo compre lembrar que xa son varias as investigacións que cuestionan este mito demostrando que historicamente a agricultura galega non se pode cualificar como atrasada, nin moito menos. Como se ten descrito, tradicionalmente o noso sistema minifundista pretendía, desde o punto de vista produtivo, optimizar os rendementos dos cultivos tendo en conta a variabilidade do ecosistema, establecendo estratexias para usar os insumos necesarios na cantidade requirida, no sitio adecuado e no momento oportuno. Curiosamente esta é a definición, mais ou menos textual,  para a chamada “agricultura de precisión”, a mais moderna das agriculturas convencionais, que, na súa forma actual, apareceu en Estados Unidos nos anos oitenta.  Xa que logo  ¿Non era o minifundio en Galiza unha agricultura de precisión e afortunadamente aínda o é en certa medida ?
Mais a importancia das pequenas explotacións labregas familiares non se pode reducir á economía xa que cumpren outras funcións de grande transcendencia para a sociedade. As pequenas explotacións labregas familiares acollen como mínimo oito de cada dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das unidades de traballo. Podemos estimar que xestionan entre un 65% e 80% da SAU e mesmo entre un 15 % e un 20% da superficie de monte, incluída a forestal  ( as explotacións agrarias profesionais por exemplo a penas xestionan o 2% do monte) ). As pequenas explotacións labregas familiares son pois indispensábeis para ocupar e xestionar o territorio con todo o que isto supón. Pero ademais prestan importantes servizos ambientais e sociais ( conservación da biodiversidade, do patrimonio material e inmaterial, etc.). En resumidas contas teñen enormes vantaxes comparativas para encaixar nos novos paradigmas mundiais que conciben a agricultura do século XXI como unha actividade que non só debe producir alimentos, fibras e materia prima para a industria, senón tamén servizos á sociedade.
Concluíndo pois, non só hai gandeiros/as en Galiza. A pesares de todo tamén hai labregos/as que resistiron baixos diversas formas. Esta agricultura invisíbel e desprezada non só segue a ser unha das nosas sinais de identidade senón que, hoxe en dia,  ten unha grande importancia económica e social pero, sobre todo, podería ter mais no futuro desde a perspectiva dos novos paradigmas agrarios que se abren paso a nivel mundial... si lle prestaramos un pouco de atención.

13 nov 2012

o parlamento galego e o dereito de autodeterminación




Neste días hai compañeiros/as que están consternados/as polo feito de que, ao parecer, a presenza do nacionalismo no Parlamento Galego é menor que hai catro anos.
Desde o meu punto de visto isto é non decatarse de que se está iniciando unha nova etapa e analizar con vellos esquema as novas realidades. Mais en todo caso, quixera facer un exercicio de practica política virtual.
O único nacionalismo existente ate o momento no Parlamento galego nunca se declarou independentista. A súa proposta estratéxica sempre  foi o recoñecemento do dereito de autodeterminación e o exercicio da soberanía , entendido como un proceso que se vai concretando sobre a marcha. No ano 2006 o BNG fixaba como “obxectivos estratéxicos” a consecución dun estatuto de nación e un estado plurinacional. No 2012 dicía que a  soberanía debe concretarse, a través do exercicio de autodeterminación, remitíndose a que o pobo galego decidira si isto debería  conducir a unha nova articulación do estado ou a independencia. No ultimo programa electoral só se propón o recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte a súa condición de nación.

Pola súa banda AGE, no seu programa electoral indica que, na Galiza, a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico. E engade que dende as institucións, é preciso pular pola liberdade, igualdade e fraternidade para a cidadanía e polo exercicio da soberanía plena para a nosa nación: “liberación nacional e social son indisociábeis nunha nación sen estado”.
Sentadas as bases “escritas” das dúas alternativas hoxe presentes no Parlamento Galego, fagamos un exercicio de política ficción. ¿Qué ocorrería se alguén presentara no Parlamento unha proposta pola independencia de Galiza no ano 2011?. Si nos atemos aos principios programáticos e ao programa electoral, o grupo parlamentar do BNG non tería mandato para votar a favor. Supoñamos en todo caso que deixara liberdade de voto e todos/as os seus deputados/as votaran a favor. Habería todo mais 12 votos pola independencia.
Supoñamos que esta mesma proposta se fai no 2013. O BNG está a mesma situación e o mesmo ocorrería agora en AGE, só que nisto caso dentro dela si hai forzas que son programaticamente independentistas. Supoñamos que deixa liberdade de voto e que os parlamentarios/as de ANOVA votan a favor e os de EU en contra. En total 11 votos a favor como máximo
Fagamos agora unha nova suposición. ¿Qué ocorrería se alguén presentara no Parlamento unha proposta a favor do dereito a decidir dos galegos e galegas no ano 2011?. Neste caso, o grupo parlamentar do BNG sí tería un mandato claro e programático : debería votar a favor. Polo tanto 12 votos. Supoñamos que esa mesma proposta se fai no 2013. O BNG están a mesma situación. Agora tamén AGE no seu conxunto ten un mandato claro a favor. Polo tanto deberían sumar os seus 9 votos. En total 16 votos.
Resumindo. A correlación de forzas a favor da independencia no parlamento galego púidose reducir nun deputado/a ( non se pode asegurar) a respecto da anterior lexislatura , mais a correlación de forzas a favor do dereito a decidir, que representa o programa máximo do nacionalismo galego actuante no parlamento galego ate hoxe,  incrementouse en catro deputados/as. Que cadaquén interprete o que queira.

8 nov 2012

Nun mundo de bos e malos. Hoxe: os medios de comunicación



Pasan os días e observo como existen sectores do nacionalismo que en lugar pararase a realizar unha análise da situación política, enrócanse cada vez mais nas súas posicións. Xa teñen os dous malos oficiais: Beiras e “La voz de Galicia”. Calquera análise pasa por demostrar o malos que son. Non vale a pena falar do malo que é Beiras ( é malo, malo, malo, ... malísimo) pero si dos medios de comunicación.

Os que aprendemos marxismo con Marta Harnecker ( por certo vale a pena ler os seus escritos actuais ) comprobamos co tempo que efectivamente tanto o estado como os medios de comunicación non son neutrais. Diriamos coa terminoloxía daquela que son instrumentos ao servizo dunha clase. Iso non quer dicir que  uns non sexan mellores que outros, mais obxectivos, mais sensíbeis as aspiracións da xente, ..pero non perden a súa natureza básica.

Para evitar asumir os erros seguimos, coma sempre,  desresponsabilizandonos e entón buscamos un culpable. Existen moitos onde elixir. Unha vez atopado, é cando se buscan os argumentos. Sempre hai motivos e argumentos para todo ( mesmo para cuestionar a Darwin). Inevitablemente, para estigmatizar ao culpable previamente definido, é necesario esaxerar o “mal que nos trata” , os defectos e mesmo velos onde non os hai.  E aí xorde o problema, porque como a maioría non ten decidido que o culpable elixido por nos sexa tal, normalmente ten unha visión menos mediatizada . E entón as criticas acaban desacreditando aos criticadores/as. E conseguimos o efecto contrario ao pretendido

¿ Qué sentido ten queixarse do tratamento dos medios de comunicación ?. Iso é como aqueles que lle botaban a culpa de que non houbera boas carreteiras en Galiza a orografía. A orografía está aí ( e os medios de comunicación tamén) e hai que contar con ela e actuar en consecuencia, pero non queixarse. Porque ¿qué queremos dicir cando nos queixamos? ¿qué somos merecedores/as dun mellor tratamento pola súa banda, é dicir, que nos portamos ben? Aínda que dito para outro caso e noutras circunstancias , compre lembrar ao poeta: “xamais virá de fora remedio nin esperanza” . E mentres non comprendamos isto, aviados vamos.

Nos últimos tempos téñense intentado crear medios de comunicación alternativos aos existentes que en xeral fracasaron, desde o meu punto de vista polas mesmas razóns que se fracasa electoralmente. Non pretenden recoller a opinión da maioría social, senón “transmitirlle” a maioría social a opinión da “vangarda” ou no mellor dos casos dun certo sector, mais ou menos ampla. Os sexa que acaban dirixíndose aos seus e ao final acábano lendo os/as mesmos/as, e dicir, hoxe en dia, unha minoría. Con isto non quero dicir que sexan necesario ( moi necesario) medios de comunicación dirixidos a un sector concreto, mais eses cumpren outro papel. Non son alternativa aos grandes medios.
Será preciso busca outras alternativas, se cadra xa as hai  e cumpriría exploralas. Claro que si pensamos que detrás delas están a CIA e os servizos secretos ….. Entón , xa non sei.

24 oct 2012

curioso ( e contraditorio) nacionalismo



Curioso  ( e contraditorio ) “nacionalismo” que considera que a época na que conseguiu maior apoio electoral merece ser criticada porque fracasou na loita esquerda –dereita  xa que coincidiu coas maiorías absolutas dun Fraga que apelaba para gañar entre outras cousas ao sentimento de galeguidade ( unha época onde Galiza, por unha razóns ou outras, tiña algún peso político ).

Curioso  ( e contraditorio ) “nacionalismo” que considera que unha coalición electoral con forzas estatais que defenden o dereito de autodeterminación ( aínda que sexa formalmente) non se pode consentir, pero mantén unha alianza estratéxica de goberno co PSOE ( unha forza  de obediencia estatal que nin sequera defende o dereito de autodeterminación),  unha coalición de facto a posteriori das eleccións tanto nos concellos como no parlamento galego, se o PP non saca maioría .

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que critica os pactos con forzas estatais e amosan total coincidencia con elas nos debates electorais (  Jorquera  vs Pachi Vazquez  )

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que basea as súas criticas non no que as forzas políticas fan en Galiza senón no que fan en.... Estremadura.

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que fixo da defensa do AVE , da conexión co centro e polo tanto da defensa do sistema radial de comunicacións que aumenta a dependencia de Madrid o eixo das súas reivindicacións.

Curiosa ( e contraditorio ) percepción do que é ser  nacionalista  cando, segunda a enquisa do CIS, os preto de medio millón de persoas que se declaran nacionalistas galegos se reparten case homoxeneamente entre todas as forzas políticas, é dicir que hai case tantas persoas que se declaran nacionalistas que din votar ao PP ou ao PSOE coma as que din votar ao BNG.

¿ e si nos deixamos de clixés e reflexionamos en serio sobre o pais e o papel que teñen que cumprir as organizacións políticas nacionalistas e de esquerdas ?

22 oct 2012

Intentando ter unha perspectiva completa do bosque electoral



As arbores non nos deixan ver o bosque. Esta afirmación é moitas veces verdade e creo que nestas eleccións pode pasar un pouco diso. Compre lembrar xa que logo algunhas cousas que se deberían dar por sabidas mais que as veces non é así:
1.-Estas eleccións non eran normais, aínda que a maioría das organizacións políticas as tomaran como unha rutina mais.
2.- O reparto de escanos só é unha asignación relativa en función dos votos. Mais non son votos. Os votos son persoas e os escanos números. A hora de analizar os datos non se pode cometer o erro de analizar só escanos.
3.- O cabreo con quen goberna é condición necesaria mais non suficiente para que se produza un cambio. Para que este teña lugar é preciso tamén que a xente cabreada confíe noutra alternativa. Si esta non existe o cambio non se dará.
4.- Os cambios na sociedade non sempre son simultáneos cos cambios nos procesos electorais. As veces estes veñen mais retrasados. En tempos de crise e depresión hai unha parte importante da xente que prefire a seguridade da situación actual  ( aínda que sexa mala) que a imprevisibilidade do cambio. Este é un comportamento que se pode considerar normal

1.- Non foron unhas eleccións normais. Se cadra non nos decatamos que as forzas políticas que a xente identifica como sistémicas ( as tres que se repetiron no parlamento galego durante vinte anos) perderon 418 mil votos ( o 38%  do seu electorado). Dito doutra maneira como mínimo unha de cada tres persoas que os votou nas anteriores non o fixo agora. Isto sen dubida é unha emenda á totalidade do traballo destas forzas políticas. Pero sobre todo indica que na sociedade está pasando algo, que a depresión económica está afectando de maneira moi importante ao comportamento político da xente. Nestas eleccións, a pesares de que pareza que todo segue igual, aconteceron cousas moi significativas que alguén debería analizar.

2.- Ademais do reparto dos votos, hai que analizar os votos. O normal é comparar  unhas eleccións coas anteriores do mesmo tipo. E isto é correcto.... se entremedias non pasan cousas gordas que modifiquen o comportamento social. Entendo que a depresión económica e os recorte sociais son algo moi gordo. Polo tanto compre comparar non só cos datos das anteriores eleccións autonómicas senón tamén das eleccións xerais, pois o “desgaste” do goberno do PP prodúcese fundamentalmente dun ano para acó. Neste sentido compre dicir que o PP perdeu 106 mil votos ( o 14%) desde as ultimas autonómicas , pero 201 mil ( o 24% ) desde as ultimas xerais de hai un ano. E difícil soster con estes datos que non houbo castigo ao PP. Serian suficientes que foran á abstención ( nin sequera que se trasvasaran) para perder a maioría absoluta. ¿ Qué pasou xa que logo?  ...

3.- O cabreo con quen goberna é condición necesaria mais non suficiente para que se produza un cambio . A xente non confiou nas alternativas tradicionais . PSOE e BNG perderon 311 mil votos desde as ultimas autonómicas e 195 mil desde as xerais de hai un ano. Certo é que Beiras aínda que conseguiu reter a maioría dos votos perdidos hai un ano,  non conseguiu reter todos os que se perderon respecto das autonómicas de hai catro anos. Pero a unha coalición electoral constituída a un mes escaso das eleccións non se lle pode pedir máis. Non quero pensar o que podía ter ocorrido de non existir AGE. Por moito que se queira facer a Beiras responsábel desta debacle é evidente que non o é. A división do voto pode xogar en contra si non se acada representación mais co nivel de voto acadado, o único que se pode producir é unha recomposición de forzas dentro da esquerda e o nacionalismo. Pero iso á hora de sumar para derrotar ao PP é máis bo que malo. Para ver o por qué da debacle haberá que ollar a dispersión de votos en pequenas formacións o aumento espectacular do voto en branco e nulo, etc, etc..

 4.- Os cambios na sociedade non sempre son simultáneos cos cambios nos procesos electorais.- Desde o meu punto de vista , a pesares das eleccións o PP está máis débil agora. En calquera debate non parece atinado argumentar cos argumentos dos outros. O PP está mais débil porque perdeu o voto de case unha de cada catro persoas que o votaron hai un ano. E as alternativas tradicionais  non terán máis remedio que reflexionar. Comprendese e mesmo perdoase que na noite electoral se busquen culpábeis fora da organización. Mais pasados os días terán que analizar que estiveron facendo mal. E sobre todo pensar no pais. Si unha oferta electoral constituída un mes antes consegue 9 deputados/as só pode explicarse porque sintonizou coa xente, porque o vello non valía e estabamos agardando algo novo, mais aló das incertezas que poida xerar. Non hai outra explicación posible, só unha pregunta ¿por qué as outras forzas políticas foron incapaces de facelo tendo mais tempo e mais medios?

En resumidas contas, hai xente que se queixa de que o pobo non respondeu axeitadamente nestas eleccións, mais a min quedame unha dubida ¿Foi o pobo quen non respondeu ou foron as organizacións políticas tradicionais as que non souberon articular e xestionar a vontade popular? Si , como semella analizando os datos, a maioria da cidadanía galega non quería a maioria absoluta do PP, ¿ en que fallaron para non xestionar esta vontade de cara á derrota electoral do PP?

3 oct 2012

DIANTE DAS ELECIÓNS: EXPERIENCIAS PERSOAIS



Hai uns días chameille a atención a unha persoa á  que quero ben porque, nun cartel de presentación dun libro, anunciábase como membro dos CALL, cousa que segundo eu lembraba non era certa. Creo que metín a pata porque ela non tivera a culpa dese erro.  Para que serva de atenuante direi que estaba algo enfadado polo que eu entendo que son intentos de reescreber a historia situando nela a persoas hoxe afíns a determinada organización política e botando fora da mesma  a quen hoxe non é do seu  agrado. E como estes días estou a ler  o libro “1984” ( sempre o quixen ler e nunca me puxera a elo), isto méteme algo de medo, sobre todo vendo algúns comentarios  ( mellor insultos) que na rede circulan sobre Beiras.
Por iso, diante destas eleccións,  quixera sacar algunhas conclusións partindo da miña experiencia persoal. Se cadra podedes atopar paralelismos coa situación actual. Aínda que a historia nunca se repite  o  pasado explica e axuda a interpretar o presente.

Primeira experiencia: Na miña vida , os anos de militancia política superan xa aos que vivín sen ela. Aló polos mediados dos anos setenta do pasado século, contactei con ERGA. Despois de pasar polos sucesivos niveis de achegado, simpatizante e demais, un amigo levaba meses insistindo en pasara á condición de militante ( eran os guais, os membros de pleno dereito na organización). Un día, paseando por San Roque en Lugo, cedín. O amigo díxome ( mais ou menos textualmente): “moi ben, agora contigo xa somos tres aquí en Lugo”. Caéuseme a alma aos pes. Eu que cría que eramos unha morea..... Pero xa non había remedio.
Segunda experiencia. Axiña fomos unha morea. Unha política axeitada seguida pola UPG , impulsando organizacións de masas, enfrontando conflictos populares e axitando, fixo que o nacionalismo gañara moito peso e incidencia social. Nela queimamos moitas horas sendo case uns nenos (roldabamos a penas os vinte anos ). Aínda hoxe cústame entender como aquelas persoas maiores e sensatas facían caso duns rapaces e rapazas  tan inexpertos e con propostas tan utópicas. Mais algunha razón habería.
Terceira experiencia:  A AN-PG daquela comezou a ter demasiado éxito e iso provocou  tensións persoais e escisións. Primeiro foron varios/as membros da dirección colexiada. Despois veu a escisión mais ideolóxica e importante. En Lugo, practicamente todos/as os cargos institucionais de relevancia e os/as responsábeis da organización abandonaron o daquela chamado Bloque Nacional Popular Galego para emprender un novo camiño en distintas organizacións que se nuclearon arredor da figura de Camilo Noqueira  (POG,  Esquerda Galega, UG , ...).
As miñas lembranzas lévanme a unha sala pouco iluminada  dun piso da rúa Pintor Tino Grandio nunha noite de comezos dos anos oitenta. Arredor de dez persoas despois de expoñer as razóns da súas dimisións, abandonan a reunión do Comité de Zona da UPG. Alí quedamos. De novo eramos só tres persoas. E a min tocábame apandar coa responsabilidade das distintas organizacións.
Cuarta experiencia. Pasaron anos duros, onde o BNPG e distintas organizacións do nacionalismo estiveron ao borde mesmo da desaparición a lo menos na miña zona. Quedaba só a UPG e os/as amigos/as da UPG. E alguén volveu atinar, cando propuxo ampliar a fronte , mesmo refundala.  Algúns cremos con entusiasmo na idea, outros/as aceptárona por simple supervivencia e outros/as nunca acreditaron nela, pero como non había mais alternativa, achantaron.
En Lugo cando menos, comezamos a poñer en marcha o proceso constituinte, coa pasividade , cando non reticencias, de persoas que agora abandeiran as celebracións do trinta aniversario da constitución do BNG. E tivemos éxito. Sobre todo pola incorporación de Xosé Manuel Beiras a este proceso constituinte. A súa figura foi fundamental. Pero non era un simple compañeiro de viaxe, tiña posicionamentos políticos propios e unha capacidade de liderado da que se carecía no nacionalismo e  algúns, que desde o principio o consideraron demasiado “protagonista”,  xa “previron” que era un problema co que tarde ou cedo nos habiamos de atopar .
 Quinta experiencia. Con Beiras, o BNG acadou o máximo respaldo popular conseguido polo nacionalismo ate o momento. Pero non só foi polo seu liderado persoal, senón polo acerto das propostas políticas. Ao meu entender, o que dispara a aceptación popular do BNG é fundamentalmente a súa proposta dun proxecto común para o nacionalismo onde colla todo o mundo e a súa proposta de alianza estratéxica co “españolismo de esquerda” para derrotar ao PP, facendo evidente e explícito diante da opinión publica que se pactaría co PSOE se o PP non obtiña maioría  Non estiveron libres de debate as dúas, sobre todo a segunda, pero acabaron sendo o eixo da política do BNG durante practicamente vinte ou vinte cinco anos conseguindo ademais unir aos que nos tiñamos separado.
 Sexta experiencia. Mais de novo o éxito foi un problema. Algúns deberon pensar que o BNG era unha creación súa que se lle ía das maos. Efectivamente o BNG empezaba a ter vida de seu, a xerar ideas propias e a navegar por libre. E isto era un problema. Volveron as ansias de control e substituíse o consenso polo mobbing contra quen non entraba polo aro e pola  guerra interna dirixida ao control da organización e dos cargos institucionais. Nesta guerra caeron moitas persoas e outras desertamos. Sen embargo , pasaron anos sen que isto tivera como consecuencia unha resposta  colectiva para facer política fora do BNG. Se cadra porque pesaba demasiado a mala experiencia de anos anteriores e os cargos institucionais  e/ou porque o compromiso co pais entendíase como o mantemento da unidade.

Sétima  experiencia . Aconteceu o que inevitablemente tiña que pasar pero non hai preocupación no nacionalismo oficial. “Son uns poucos e fora do BNG vai moito frío” era o que se acostumaba a dicir .  Dende o seu illamento esqueceron tres cousas: a primeira que neste pais, se queres facer algo, tarde ou cedo tes que saír ao frío. A segunda que hai xente que ademais de pensar nos cargos pensa no pais. E a terceira que aínda quedan persoas que fan política en lugar de vivir da política. .... E xurde a proposta de Beiras para facer unha coalición ampla co fin de derrotar ao PP . Desde a súa posición política actual cara á que ten evolucionado nos últimos tempos, non deixa de ser a versión actualizada da súa estratexia de vinte anos atrás. Era ademais o que o pais necesitaba e demandaba neste profunda crise co fin de abrir unha nova etapa política. Malia que non callara como se propuxo. Agardo que se volva retomar pasadas as eleccións. Pero callou o suficiente para ofrecer unha alternativa á cidadanía . Do seu éxito ( e tamén en certa medida da capacidade de CxG para obter representación ) depende a derrota do PP porque esta non pode vir dun PSOE e BNG á baixa.
Pero, sobre todo ponnos na historia de novo. Mentres en Catalunya e Euzkadi se preparan para pasar a unha nova etapa con reconfiguracions nas posicións das súas forzas políticas que conducen á súa vez a unha reformulación das alianzas e do mapa político, en Galiza todo indicaba que iamos seguir impasíbeis se cadra para darlle a razón aos que pensan que somos conservadores, incluso na esquerda. So a irrupción da Alternativa Galega de esquerdas abre un novo escenario e chama a iniciar unha nova etapa que pode ilusionar de novo.

20 abr 2012

¿Defensa da universidade publica?


Estes días tiven varios debates con compañeiros e compañeiras sobre a defensa de universidade publica.. Por suposto que eu estou de acordo na defensa  da universidade publica mais cuestionáballes a creación e o apoio a unha Plataforma que a min me parece unha iniciativa equivocada. Como o debate me parece interesante vou tratar de escribilo aquí aínda que sexa un pouco longo. Tede paciencia, ao fin e ao cabo levo moito tempo sen escribir no blog.
Desde o meu punto de vista existe un erro de partida. Axiña fará cuarenta anos que empecei a militar politicamente. Naqueles primeiros momentos, bebiamos nas fontes do maoísmo (Trotsky ou Mao ou Lenin ou Salvador Allende ou Gramsci ou Ho Chi Min, tiveron ideas moi malas, sobre todo nas súas interpretacións posteriores, mais tamén as tiveron boas, pero como temos mala conciencia, están esquecidas). Distinguiamos entre a contradición principal e as contradicións secundarias, distinción fundamental para establecer alianzas de clase e definir as políticas. Pois ben, para min, un dos erros fundamentais da esquerda actual ( sen distincións) é que ten esquecido a contradición principal e ten elevado unha contradición secundaria á categoría de principal. Explícome, para min a contradición principal, a que compre superar, é a que no pasado se chamaba burguesía (vs) proletariado. Hoxe isto tería un significado mais amplo. Chamémoslle contradición entre “ricos (vs) pobres”. Pois ben esta contradición foi substituída pola contradición “público (vs) privado”.
Desde hai case corenta anos tamén eu concibo ao estado e as administracións publicas como un instrumento que non é neutral, senón como un instrumento ao servizo dunha clase social. Isto significa que o publico non é intrinsecamente bo nen malo. Nas maos dos “ricos” pode ser brutalmente negativo. Por exemplo, investimento publico é o gasto militar, o aeroporto de Castellón ou a cidade da cultura en Santiago. Eu, non defendo nestes casos o publico.
E certo que os pobres normalmente só teñen como seu o elemental... e a súa forza de traballo, mentres que os ricos son propietarios privados. Por esa razón, a maioría dos avances sociais non naceran da iniciativa privada, senón da iniciativa publica. E dicir a defensa do público é condición necesaria mais non suficiente para que serva aos intereses dos “pobres”. Dito doutra maneira, para o caso da universidade. Unha universidade ao servizo do pais, case con toda seguridade, terá que ser publica ( non hai verdades absolutas). Mais unha universidade publica pode non estar ao servizo do pais, senón duns poucos.
Por iso me preocupan as “plataformas” creadas en defensa de servizos públicos ( universidade ou sanidade ou ...) por aqueles que vivimos a conta destas institucións. Ademais de ulir a corporativismo é unha estratexia equivocada.
Mais que equivocada, a veces paréceme perigosa. Non practico como afeccionado ao cine. Hai moito tempo que non vexo películas. Se cadra por iso aínda lembro as que me impresionaron de novo, a maioría delas vistas no Cine Clube Marcos da Portela da Escola de E.T. Agrícola ( “Fuera de aqui”; “Cronica dos amantes pobres”; “El tambor de hojalata” , “Queimada” ). Cando vin “Queimada” en plena transición quedei impactado polo que alí describía. E quedei coa idea de que cando dicimos “democracia”  ou “liberdade de expresión” ou , neste caso concreto “defensa da universidade publica” non todos/as entendemos o mesmo. Isto non é un problema. Podemos traballar conxuntamente si, sabendo que temos interpretacións diferentes do que queremos, nos poñemos de acordo nuns mínimos comúns. Mais o perigo está, como se describía en Queimada, en que entendamos cousas radicalmente opostas ou que detrás do que teoricamente é unha mesma idea se escondan intereses radicalmente diferentes. Porque entón pasa o da película. Uns se mobilizan e outros/as aproveitan para levar a auga ao seu muíño.
Polo tanto, eu estarei a favor dunha universidade en defensa do pais, que loxicamente debe ser publica. Mais non pola defensa da universidade publica sen mais aclaracións. Hai algúns días, un compañeiro co que falei deste tema, envioume, para retrucarme e convencerme supoño, un artigo de EL PAIS. http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/04/15/actualidad/1334524477_188841.html. Prégovos que o leades e tamén a miña resposta ao compañeiro:

Estou de acordo no diagnostico inicial que fai, pero no tratamento....teño moitas dubidas. Por exemplo:
- Xa sei que o sistema de goberno hai que cambialo en moitos sitios, pero cada un ten que responder do seu. Se queremos  cambiar algo socialmente cada un ten que facer a parte que lle corresponde e non desculparse con que outros a fan ou non a fan
- Non creo na excelencia como estratexia. E unha estratexia "capitalista" que deixa fora do sistema a inmensa maioría ( e polo tanto sen a súa contribución ) para seleccionar a uns poucos/as que acumulen "saber científico" e suban ao cumio . A suma de moitas contribucións cativas ou menos excelentes posiblemente é superior á de uns poucos/as excelentes. Na miña terra a excelencia só se reservaba para falar das persoas . Unha "excelente persoa" non é precisamente o que se entende agora por "excelente". Para
excelentísimo a min xa me chegou Franco.
- Cuestionase os rankings das universidades. Estou de acordo. Pero despois volven caer no mesmo. En  lugar de modificar o modelo, pretenden imitalo  Están aínda na fase da "envexa" que diría o almirante Rosa Coutinho ¿Quen  avalía a excelencia, quen fai avaliación rigorosa?. Para os que fan o artigo, non debe ser a sociedade ( "mais autonomía") senón unhas cousas similares  as "axencia de rating" no noso ámbito que son empresas privadas ( Thomsom pe, as grandes farmacéuticas ) que deciden que "revistas" son validas e as cualifican. De ai parte toda a avaliación da investigación. Non.  eu prefiro mais control da sociedade e, polo tanto, menos autonomía, xa que esta petición de mais autonomía en resumidas contas significa: "deixarme mandar a min e aos meus, cos meus criterios" . Insisto en que estamos en  maos , en ultimo extremo, de empresas privadas e lobbys que controlan as avaliacións das universidades.
- As súas propostas, desde o punto de vista dos traballadores/as  van en dirección totalmente contraria do que eu penso. Propoñen aplicación da reforma laboral pura e dura, ou se cadra van mais aló: “mais flexibilidade, mais liberdade para fixar salarios, "“menos intervencionismo da administración, cero de intervención política" ....... nunha universidade publica!!!!!!!!   ...
E respecto ao estudantado : mais elitismo ( eufemisticamente "selección " dos estudantes)  Desde o meu punto de vista unhas propostas que son  "neoliberalismo de estado" puro e duro.
En resumidas contas , a min me parece que estas persoas fan un bo diagnostico para dar un tratamento totalmente equivocado. Ou , sendo mais mal pensado, teño a impresión ( oxalá equivocada) que utilizan o adecuado diagnostico para concluír : "deixádeme seguir  co meu chiringuito". ou mellor "dádeme mais cartos pero non controledes como os manexo en beneficio propio  ( non necesariamente económico, pero si de prestixio social, etc.), porque a nosa capacidade e excelencia xa se da por suposto"


A estratexia que estamos seguindo , a nivel social, se percibe como unha defensa da universidade publica actual ou da sanidade publica actual ( dicimos que temos unha das mellores do mundo) . mais eu non concordo con moitas das cousas da universidade publica e da sanidade publica actual. Por poñer un exemplo común as dúas. Que a investigación estea ao servizo das grandes empresas farmacéuticas, nun modelo baseado no consumo masivo de medicamentos.
Para rematar pois, o problema que temos é que si formulamos mal a estratexia atoparémonos na seguinte situación. O PP cando fala dos “males” da universidade apunta cuestións que son reais. E dicir fai un diagnostico en moitos casos correcto e aplica o tratamento que lle interesa, en beneficio de aqueles que defende e moi nocivo para os “pobres”. O problema está en que nós non lle contrapoñemos outro tratamento que beneficie aos “pobres”, senón que negamos a enfermidade. E situamos o debate entre “tratamento do PP (vs) defensa da actual universidade publica”. E ai levamos todas as de perder socialmente. A maioría seguira o tratamento do PP, ao fin, non teñen outro alternativo e saben que a enfermidade existe.

comentarios