20 abr 2012

¿Defensa da universidade publica?


Estes días tiven varios debates con compañeiros e compañeiras sobre a defensa de universidade publica.. Por suposto que eu estou de acordo na defensa  da universidade publica mais cuestionáballes a creación e o apoio a unha Plataforma que a min me parece unha iniciativa equivocada. Como o debate me parece interesante vou tratar de escribilo aquí aínda que sexa un pouco longo. Tede paciencia, ao fin e ao cabo levo moito tempo sen escribir no blog.
Desde o meu punto de vista existe un erro de partida. Axiña fará cuarenta anos que empecei a militar politicamente. Naqueles primeiros momentos, bebiamos nas fontes do maoísmo (Trotsky ou Mao ou Lenin ou Salvador Allende ou Gramsci ou Ho Chi Min, tiveron ideas moi malas, sobre todo nas súas interpretacións posteriores, mais tamén as tiveron boas, pero como temos mala conciencia, están esquecidas). Distinguiamos entre a contradición principal e as contradicións secundarias, distinción fundamental para establecer alianzas de clase e definir as políticas. Pois ben, para min, un dos erros fundamentais da esquerda actual ( sen distincións) é que ten esquecido a contradición principal e ten elevado unha contradición secundaria á categoría de principal. Explícome, para min a contradición principal, a que compre superar, é a que no pasado se chamaba burguesía (vs) proletariado. Hoxe isto tería un significado mais amplo. Chamémoslle contradición entre “ricos (vs) pobres”. Pois ben esta contradición foi substituída pola contradición “público (vs) privado”.
Desde hai case corenta anos tamén eu concibo ao estado e as administracións publicas como un instrumento que non é neutral, senón como un instrumento ao servizo dunha clase social. Isto significa que o publico non é intrinsecamente bo nen malo. Nas maos dos “ricos” pode ser brutalmente negativo. Por exemplo, investimento publico é o gasto militar, o aeroporto de Castellón ou a cidade da cultura en Santiago. Eu, non defendo nestes casos o publico.
E certo que os pobres normalmente só teñen como seu o elemental... e a súa forza de traballo, mentres que os ricos son propietarios privados. Por esa razón, a maioría dos avances sociais non naceran da iniciativa privada, senón da iniciativa publica. E dicir a defensa do público é condición necesaria mais non suficiente para que serva aos intereses dos “pobres”. Dito doutra maneira, para o caso da universidade. Unha universidade ao servizo do pais, case con toda seguridade, terá que ser publica ( non hai verdades absolutas). Mais unha universidade publica pode non estar ao servizo do pais, senón duns poucos.
Por iso me preocupan as “plataformas” creadas en defensa de servizos públicos ( universidade ou sanidade ou ...) por aqueles que vivimos a conta destas institucións. Ademais de ulir a corporativismo é unha estratexia equivocada.
Mais que equivocada, a veces paréceme perigosa. Non practico como afeccionado ao cine. Hai moito tempo que non vexo películas. Se cadra por iso aínda lembro as que me impresionaron de novo, a maioría delas vistas no Cine Clube Marcos da Portela da Escola de E.T. Agrícola ( “Fuera de aqui”; “Cronica dos amantes pobres”; “El tambor de hojalata” , “Queimada” ). Cando vin “Queimada” en plena transición quedei impactado polo que alí describía. E quedei coa idea de que cando dicimos “democracia”  ou “liberdade de expresión” ou , neste caso concreto “defensa da universidade publica” non todos/as entendemos o mesmo. Isto non é un problema. Podemos traballar conxuntamente si, sabendo que temos interpretacións diferentes do que queremos, nos poñemos de acordo nuns mínimos comúns. Mais o perigo está, como se describía en Queimada, en que entendamos cousas radicalmente opostas ou que detrás do que teoricamente é unha mesma idea se escondan intereses radicalmente diferentes. Porque entón pasa o da película. Uns se mobilizan e outros/as aproveitan para levar a auga ao seu muíño.
Polo tanto, eu estarei a favor dunha universidade en defensa do pais, que loxicamente debe ser publica. Mais non pola defensa da universidade publica sen mais aclaracións. Hai algúns días, un compañeiro co que falei deste tema, envioume, para retrucarme e convencerme supoño, un artigo de EL PAIS. http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/04/15/actualidad/1334524477_188841.html. Prégovos que o leades e tamén a miña resposta ao compañeiro:

Estou de acordo no diagnostico inicial que fai, pero no tratamento....teño moitas dubidas. Por exemplo:
- Xa sei que o sistema de goberno hai que cambialo en moitos sitios, pero cada un ten que responder do seu. Se queremos  cambiar algo socialmente cada un ten que facer a parte que lle corresponde e non desculparse con que outros a fan ou non a fan
- Non creo na excelencia como estratexia. E unha estratexia "capitalista" que deixa fora do sistema a inmensa maioría ( e polo tanto sen a súa contribución ) para seleccionar a uns poucos/as que acumulen "saber científico" e suban ao cumio . A suma de moitas contribucións cativas ou menos excelentes posiblemente é superior á de uns poucos/as excelentes. Na miña terra a excelencia só se reservaba para falar das persoas . Unha "excelente persoa" non é precisamente o que se entende agora por "excelente". Para
excelentísimo a min xa me chegou Franco.
- Cuestionase os rankings das universidades. Estou de acordo. Pero despois volven caer no mesmo. En  lugar de modificar o modelo, pretenden imitalo  Están aínda na fase da "envexa" que diría o almirante Rosa Coutinho ¿Quen  avalía a excelencia, quen fai avaliación rigorosa?. Para os que fan o artigo, non debe ser a sociedade ( "mais autonomía") senón unhas cousas similares  as "axencia de rating" no noso ámbito que son empresas privadas ( Thomsom pe, as grandes farmacéuticas ) que deciden que "revistas" son validas e as cualifican. De ai parte toda a avaliación da investigación. Non.  eu prefiro mais control da sociedade e, polo tanto, menos autonomía, xa que esta petición de mais autonomía en resumidas contas significa: "deixarme mandar a min e aos meus, cos meus criterios" . Insisto en que estamos en  maos , en ultimo extremo, de empresas privadas e lobbys que controlan as avaliacións das universidades.
- As súas propostas, desde o punto de vista dos traballadores/as  van en dirección totalmente contraria do que eu penso. Propoñen aplicación da reforma laboral pura e dura, ou se cadra van mais aló: “mais flexibilidade, mais liberdade para fixar salarios, "“menos intervencionismo da administración, cero de intervención política" ....... nunha universidade publica!!!!!!!!   ...
E respecto ao estudantado : mais elitismo ( eufemisticamente "selección " dos estudantes)  Desde o meu punto de vista unhas propostas que son  "neoliberalismo de estado" puro e duro.
En resumidas contas , a min me parece que estas persoas fan un bo diagnostico para dar un tratamento totalmente equivocado. Ou , sendo mais mal pensado, teño a impresión ( oxalá equivocada) que utilizan o adecuado diagnostico para concluír : "deixádeme seguir  co meu chiringuito". ou mellor "dádeme mais cartos pero non controledes como os manexo en beneficio propio  ( non necesariamente económico, pero si de prestixio social, etc.), porque a nosa capacidade e excelencia xa se da por suposto"


A estratexia que estamos seguindo , a nivel social, se percibe como unha defensa da universidade publica actual ou da sanidade publica actual ( dicimos que temos unha das mellores do mundo) . mais eu non concordo con moitas das cousas da universidade publica e da sanidade publica actual. Por poñer un exemplo común as dúas. Que a investigación estea ao servizo das grandes empresas farmacéuticas, nun modelo baseado no consumo masivo de medicamentos.
Para rematar pois, o problema que temos é que si formulamos mal a estratexia atoparémonos na seguinte situación. O PP cando fala dos “males” da universidade apunta cuestións que son reais. E dicir fai un diagnostico en moitos casos correcto e aplica o tratamento que lle interesa, en beneficio de aqueles que defende e moi nocivo para os “pobres”. O problema está en que nós non lle contrapoñemos outro tratamento que beneficie aos “pobres”, senón que negamos a enfermidade. E situamos o debate entre “tratamento do PP (vs) defensa da actual universidade publica”. E ai levamos todas as de perder socialmente. A maioría seguira o tratamento do PP, ao fin, non teñen outro alternativo e saben que a enfermidade existe.

comentarios