3 oct 2012

DIANTE DAS ELECIÓNS: EXPERIENCIAS PERSOAIS



Hai uns días chameille a atención a unha persoa á  que quero ben porque, nun cartel de presentación dun libro, anunciábase como membro dos CALL, cousa que segundo eu lembraba non era certa. Creo que metín a pata porque ela non tivera a culpa dese erro.  Para que serva de atenuante direi que estaba algo enfadado polo que eu entendo que son intentos de reescreber a historia situando nela a persoas hoxe afíns a determinada organización política e botando fora da mesma  a quen hoxe non é do seu  agrado. E como estes días estou a ler  o libro “1984” ( sempre o quixen ler e nunca me puxera a elo), isto méteme algo de medo, sobre todo vendo algúns comentarios  ( mellor insultos) que na rede circulan sobre Beiras.
Por iso, diante destas eleccións,  quixera sacar algunhas conclusións partindo da miña experiencia persoal. Se cadra podedes atopar paralelismos coa situación actual. Aínda que a historia nunca se repite  o  pasado explica e axuda a interpretar o presente.

Primeira experiencia: Na miña vida , os anos de militancia política superan xa aos que vivín sen ela. Aló polos mediados dos anos setenta do pasado século, contactei con ERGA. Despois de pasar polos sucesivos niveis de achegado, simpatizante e demais, un amigo levaba meses insistindo en pasara á condición de militante ( eran os guais, os membros de pleno dereito na organización). Un día, paseando por San Roque en Lugo, cedín. O amigo díxome ( mais ou menos textualmente): “moi ben, agora contigo xa somos tres aquí en Lugo”. Caéuseme a alma aos pes. Eu que cría que eramos unha morea..... Pero xa non había remedio.
Segunda experiencia. Axiña fomos unha morea. Unha política axeitada seguida pola UPG , impulsando organizacións de masas, enfrontando conflictos populares e axitando, fixo que o nacionalismo gañara moito peso e incidencia social. Nela queimamos moitas horas sendo case uns nenos (roldabamos a penas os vinte anos ). Aínda hoxe cústame entender como aquelas persoas maiores e sensatas facían caso duns rapaces e rapazas  tan inexpertos e con propostas tan utópicas. Mais algunha razón habería.
Terceira experiencia:  A AN-PG daquela comezou a ter demasiado éxito e iso provocou  tensións persoais e escisións. Primeiro foron varios/as membros da dirección colexiada. Despois veu a escisión mais ideolóxica e importante. En Lugo, practicamente todos/as os cargos institucionais de relevancia e os/as responsábeis da organización abandonaron o daquela chamado Bloque Nacional Popular Galego para emprender un novo camiño en distintas organizacións que se nuclearon arredor da figura de Camilo Noqueira  (POG,  Esquerda Galega, UG , ...).
As miñas lembranzas lévanme a unha sala pouco iluminada  dun piso da rúa Pintor Tino Grandio nunha noite de comezos dos anos oitenta. Arredor de dez persoas despois de expoñer as razóns da súas dimisións, abandonan a reunión do Comité de Zona da UPG. Alí quedamos. De novo eramos só tres persoas. E a min tocábame apandar coa responsabilidade das distintas organizacións.
Cuarta experiencia. Pasaron anos duros, onde o BNPG e distintas organizacións do nacionalismo estiveron ao borde mesmo da desaparición a lo menos na miña zona. Quedaba só a UPG e os/as amigos/as da UPG. E alguén volveu atinar, cando propuxo ampliar a fronte , mesmo refundala.  Algúns cremos con entusiasmo na idea, outros/as aceptárona por simple supervivencia e outros/as nunca acreditaron nela, pero como non había mais alternativa, achantaron.
En Lugo cando menos, comezamos a poñer en marcha o proceso constituinte, coa pasividade , cando non reticencias, de persoas que agora abandeiran as celebracións do trinta aniversario da constitución do BNG. E tivemos éxito. Sobre todo pola incorporación de Xosé Manuel Beiras a este proceso constituinte. A súa figura foi fundamental. Pero non era un simple compañeiro de viaxe, tiña posicionamentos políticos propios e unha capacidade de liderado da que se carecía no nacionalismo e  algúns, que desde o principio o consideraron demasiado “protagonista”,  xa “previron” que era un problema co que tarde ou cedo nos habiamos de atopar .
 Quinta experiencia. Con Beiras, o BNG acadou o máximo respaldo popular conseguido polo nacionalismo ate o momento. Pero non só foi polo seu liderado persoal, senón polo acerto das propostas políticas. Ao meu entender, o que dispara a aceptación popular do BNG é fundamentalmente a súa proposta dun proxecto común para o nacionalismo onde colla todo o mundo e a súa proposta de alianza estratéxica co “españolismo de esquerda” para derrotar ao PP, facendo evidente e explícito diante da opinión publica que se pactaría co PSOE se o PP non obtiña maioría  Non estiveron libres de debate as dúas, sobre todo a segunda, pero acabaron sendo o eixo da política do BNG durante practicamente vinte ou vinte cinco anos conseguindo ademais unir aos que nos tiñamos separado.
 Sexta experiencia. Mais de novo o éxito foi un problema. Algúns deberon pensar que o BNG era unha creación súa que se lle ía das maos. Efectivamente o BNG empezaba a ter vida de seu, a xerar ideas propias e a navegar por libre. E isto era un problema. Volveron as ansias de control e substituíse o consenso polo mobbing contra quen non entraba polo aro e pola  guerra interna dirixida ao control da organización e dos cargos institucionais. Nesta guerra caeron moitas persoas e outras desertamos. Sen embargo , pasaron anos sen que isto tivera como consecuencia unha resposta  colectiva para facer política fora do BNG. Se cadra porque pesaba demasiado a mala experiencia de anos anteriores e os cargos institucionais  e/ou porque o compromiso co pais entendíase como o mantemento da unidade.

Sétima  experiencia . Aconteceu o que inevitablemente tiña que pasar pero non hai preocupación no nacionalismo oficial. “Son uns poucos e fora do BNG vai moito frío” era o que se acostumaba a dicir .  Dende o seu illamento esqueceron tres cousas: a primeira que neste pais, se queres facer algo, tarde ou cedo tes que saír ao frío. A segunda que hai xente que ademais de pensar nos cargos pensa no pais. E a terceira que aínda quedan persoas que fan política en lugar de vivir da política. .... E xurde a proposta de Beiras para facer unha coalición ampla co fin de derrotar ao PP . Desde a súa posición política actual cara á que ten evolucionado nos últimos tempos, non deixa de ser a versión actualizada da súa estratexia de vinte anos atrás. Era ademais o que o pais necesitaba e demandaba neste profunda crise co fin de abrir unha nova etapa política. Malia que non callara como se propuxo. Agardo que se volva retomar pasadas as eleccións. Pero callou o suficiente para ofrecer unha alternativa á cidadanía . Do seu éxito ( e tamén en certa medida da capacidade de CxG para obter representación ) depende a derrota do PP porque esta non pode vir dun PSOE e BNG á baixa.
Pero, sobre todo ponnos na historia de novo. Mentres en Catalunya e Euzkadi se preparan para pasar a unha nova etapa con reconfiguracions nas posicións das súas forzas políticas que conducen á súa vez a unha reformulación das alianzas e do mapa político, en Galiza todo indicaba que iamos seguir impasíbeis se cadra para darlle a razón aos que pensan que somos conservadores, incluso na esquerda. So a irrupción da Alternativa Galega de esquerdas abre un novo escenario e chama a iniciar unha nova etapa que pode ilusionar de novo.

comentarios