Pasan os días e observo como existen sectores
do nacionalismo que en lugar pararase a realizar unha análise da situación política,
enrócanse cada vez mais nas súas posicións. Xa teñen os dous malos oficiais:
Beiras e “La voz de Galicia”. Calquera análise pasa por demostrar o malos que
son. Non vale a pena falar do malo que é Beiras ( é malo, malo, malo, ... malísimo)
pero si dos medios de comunicación.
Os que aprendemos marxismo con Marta Harnecker
( por certo vale a pena ler os seus escritos actuais ) comprobamos co tempo que
efectivamente tanto o estado como os medios de comunicación non son neutrais.
Diriamos coa terminoloxía daquela que son instrumentos ao servizo dunha clase.
Iso non quer dicir que uns non sexan mellores
que outros, mais obxectivos, mais sensíbeis as aspiracións da xente, ..pero non
perden a súa natureza básica.
Para evitar asumir os erros seguimos, coma
sempre, desresponsabilizandonos e entón buscamos
un culpable. Existen moitos onde elixir. Unha vez atopado, é cando se buscan os
argumentos. Sempre hai motivos e argumentos para todo ( mesmo para cuestionar a
Darwin). Inevitablemente, para estigmatizar ao culpable previamente definido, é
necesario esaxerar o “mal que nos trata” , os defectos e mesmo velos onde non os hai. E aí xorde o problema,
porque como a maioría non ten decidido que o culpable elixido por nos sexa tal,
normalmente ten unha visión menos mediatizada . E entón as criticas acaban
desacreditando aos criticadores/as. E conseguimos o efecto contrario ao
pretendido
¿ Qué sentido ten queixarse do tratamento dos
medios de comunicación ?. Iso é como aqueles que lle botaban a culpa de que non
houbera boas carreteiras en Galiza a orografía. A orografía está aí ( e os
medios de comunicación tamén) e hai que contar con ela e actuar en
consecuencia, pero non queixarse. Porque ¿qué queremos dicir cando nos
queixamos? ¿qué somos merecedores/as dun mellor tratamento pola súa banda, é dicir,
que nos portamos ben? Aínda que dito para outro caso e noutras circunstancias ,
compre lembrar ao poeta: “xamais virá de fora remedio nin esperanza” . E
mentres non comprendamos isto, aviados vamos.
Nos últimos tempos téñense intentado crear
medios de comunicación alternativos aos existentes que en xeral fracasaron,
desde o meu punto de vista polas mesmas razóns que se fracasa electoralmente. Non
pretenden recoller a opinión da maioría social, senón “transmitirlle” a maioría
social a opinión da “vangarda” ou no mellor dos casos dun certo sector, mais ou
menos ampla. Os sexa que acaban dirixíndose aos seus e ao final acábano lendo
os/as mesmos/as, e dicir, hoxe en dia, unha minoría. Con isto non quero dicir
que sexan necesario ( moi necesario) medios de comunicación dirixidos a un
sector concreto, mais eses cumpren outro papel. Non son alternativa aos grandes
medios.
Será preciso busca outras alternativas, se
cadra xa as hai e cumpriría exploralas.
Claro que si pensamos que detrás delas están a CIA e os servizos secretos ….. Entón
, xa non sei.