24 may 2011

Aclarando .... ou confundindo máis.


Abel Hasvir fai en facebock o seguinte comentario sobre o que escribin onte:   ¿Cómo poder haber centralismo democrático en grupos diferentes e que non teñen a mesma ideoloxía, a mesma estratexia ou a mesma táctica? ¿Por qué nos da medo a dispersión e pensamos que hai que concentrar en vez de expandir? E sexa, e non outra e a ventaxa da esquerda sobre a dereita. O pensamiento único sempre empobrece e non permite o diálogo. A mim me gusta debatir nos blogs, supoño que tamén poderei facelo dende aquí.
Se cadra expliqueime mal. Asi que vou ver si aclaro ou confundo máis. Efectivamente a dispersión non e mala. Xa o din os altermundistas:”Pensar globalmente, actuar localmente”. Pero compre distinguir.
Unha cousa é perseguir obxectivos diferentes. Neste caso, a dispersión non é mala nen boa. Ë unha necesidade …e por suposto respectable.
Outra cousa é a dispersión daqueles/as que perseguen os mesmos obxectivos. Neste caso á súa vez hai que distinguir dúas variantes. Unha é que tratemos de acadalos con ideas e iniciativas diferentes. A min isto paréceme moi positivo e necesario. A outra é que esta dispersión remate en enfrontamento estéril entre nós. Esta ultima, demasiado frecuente, é a que considero que non é boa porque lastra o avance social.
E para evitala creo que fai falla debater sobre a forma de estruturarnos entre aqueles/as que queremos ir na mesma dirección. Tratase de compaxinar debate aberto con accións non necesariamente similares pero si que vaian na mesma dirección porque esa precisamente é a hipótese de partida ¿non si?.  E un vello problema sen resolver na inmensa maioría das organizacións e movementos sociais.
Nese sentido lembraba o centralismo democrático, non para reclamar a súa aplicación, senón para chamar a atención sobre un feito que ao mellor é só unha sensación miña. A min paréceme que desde que se formulou, non se fixeron reflexións interesantes ao respecto ( bon .. eu non as coñezo) agás as dos altermundistas que ao meu entender aínda está un pouco verde, pero que me parece positiva. Se cadra porque a versión coñecida do centralismo democrático rematou en ditadura.
Non reclamo a aplicación do centralismo democrático, entre outras cousas,  porque sufrín a súa perversa aplicación en varias organizacións e enfronteino da maneira que puiden. Mais cheguei á conclusión que todas as organizacións sen distincións de ideoloxías  (agás as ditatoriais ou as asemblearias de verdade)  aplican o centralismo democrático en maior ou menor medida. Aínda que non o queiran recoñecer, fano e, por riba, de maneira perversa e sen ningún tipo de reflexión nova.
Por iso creo que as reflexións que levaron a formulación do centralismo democrático seguen vivas. Creo que hai que volver a formulalas. A solución hoxe, posiblemente non é a que atoparon as primeiras organizacións de esquerda hai cen anos pero para achegarnos a algunha que nos poida valer hoxe compre volver falar desto.

23 may 2011

Eleccions


Vexamos datos. No conxunto do estado o PP sube arredor de medio millón de votos, mais o PSOE baixa arredor de un millón e medio . Esquerda Unida sube só  douscentos mil. Parece a primeira vista que o PP non ten unha suba espectacular. O que sí é espectacular é a caída do PSOE. Mais os votos non parecen traspasarse á súa esquerda, porque IU tamén sube de xeito moderado.
En Galiza o PSOE e o BNG perden case o mesmo,  entre 66.000 e 53.000 votos. En total uns 120.000 votos. O PP sube só 54.000 votos. Aquí o problema tamén parece estar na baixada de votos do PSOE e BNG mais que na suba do PP (moderada e lóxica dada a situación)
A miña reflexión vai no sentido seguinte. ¿ Por qué a esquerda da PSOE non foi alternativa si o PSOE parece estar perdendo por facer políticas de dereitas? Aquí hai algo que falla.
Ao mellor o problema está na credibilidade das alternativas. E a credibilidade non se consegue só con palabras. Dise que na comunicación entre as persoas a comunicación verbal é se cadra a menos importante. A maior parte do que somos ou queremos, transmitímolo de xeito non verbal. E aí pode que estea o problema.
Un exemplo. No BNG insístese sempre que están preto da xente, que traballan coa xente, que están atentos/as ao que di a xente. Ben. Onte a xente na cidade de Lugo transmitiulles que non esta contenta con eles. O batacazo electoral  foi ( neste caso si ) espectacular. Mais a valoración do candidato foi contundente:”seguiremos traballando igual”. Pois vale. Unha cousa son os ditos ( hai que escoitar a xente ) e outra, parece, os feitos ( non fago caso do que me dixeron).
Hai centos de anos que a sabedoría popular inventou unha forma de seguir vivindo a pesar  desto. Por iso é un dito común : “Hai que facer o que din os curas pero non o que fan”. Trasladade esta reflexión popular ( adaptada claro está) aos nosos partidos que se reclaman alternativa de esquerdas e veremos que ao mellor aí está a resposta á pregunta.
En todo caso hai unha cousa clara. O voto critico de esquerdas, dispersouse. Pasou pola centrifugadora e algún rematou en partidos pequenos, outros no voto branco e/o na abstención e , se cadra algún, mesmo en certas alternativas da dereita democrática.
Mais sempre se pode reaxir. E para iso, sigo cismando no de sempre. O problema non está tanto no que se di que se vai facer, senón en cómo articular unha forma de actuación que nos permita facer cousas e debater ao mesmo tempo dun xeito democrático e aberto. Cando se pensaba mais sobre estas cousas, en certa esquerda propúxose como alternativa un modelo organizativo chamado centralismo democrático. Foi tremendamente pervertido e rematou en ditadura . Mais os fundamentos teóricos  e as razóns sobre as que se asenta esta solución son interesantes.
Agora estamos noutros tempos, pero sempre hai alternativas para valorar e combinar a critica e a discrepancia coa unidade de acción. Alternativas non receitas. E , ao mellor, témolas diante dos fociños.
As alternativas son sempre o resultado de combinar as ideas abstractas coa actuación concreta das persoas. As receitas son  as ideas dos que creen que os resultados non dependen das persoas ......e por iso sempre se manteñen as mesmas persoas ao fronte das organizacións.
Cando estaba recibindo “seminarios” , na clandestinidade, para entrar en ERGA ou na AN-PG, ou na UPG, ( en todas había “seminarios”  e xa non lembro), o meu  titor ( é unha forma moderna de definir aquela figura)  tratábame de convencer para entrar na organización lembrándome unha canción de algún cantautor suramericano que viña a dicir : "a teoría é necesaria mais a practica moito máis". Nunca compartín demasiado o que quería dicir a canción ( no contexto ao que se refería), mais, reinterpretando a frase no contexto actual, se cadra agora voulle dar a razón. Para facer camiño hai que botar a andar.

20 may 2011

dubidas

Vou facer algunhas aclaracións sobre o que escribin onte. Dicia que o que me parecia interesante destas mobilizacions do 15-M  era precisamente que marcaban obxectivos mais que un programa politico. Despois escoitei que o que debian facer era articular un programa politico. E parece que fixeron caso. Mais iso, ao meu modo de ver, é tropezar de novo na mesma pedra.
Leo as suas propostas e escoito falar a algunha das persoas acampadas. E saco dous exemplos. Parece que  un dos obxectivos é romper co dominio burocratizado dos grandes partidos na vida politica. Ahí coincidiremos moitos e moitas. Mais cando pasamos ao concreto…. Escoito a unha persoa decir que debe haber listas abertas. Mais a experiencia das listas abertas é que conducen a un resultado normalmente contrario do que se pretende. Reforzan aos partidos grandes e laminan ás minorias. Partidos con un 15% ou 25% de votos quedan fora das institucións ou reducidos á marxinalidade. Xa que logo, debatamos si se debe romper co dominio dos grandes partidos e non sobre si debe haber listas abertas ou non. En todo caso propoñamos que as leises eleitorais se modifiquen tantas veces como sexa necesario para acadar o obxectivo proposto.
Lendo as propostas que me chegaron  de “democracia real xa” non vexo esta proposta de listas abertas, mais vexo cousas parecidas. Por exemplo, non se quere que se lle den cartos aos bancos, para rescatalos, mais proponse nacionalizar a aqueles que estean en dificultades. Mais iso siñifica que se utilizan os cartos dos nosos impostos en sanealos. Xa sei que despois seran “nosos”, mais é moi discutible esta nacionalización. ¿Non seria mellor nacionalizar os que teñen moitos beneficios?
E as medidas sobre os “privilexios” da clase politica cheiran algo mal.
Insisto de novo en que para min o importante e fixar os obxectivos a conseguir. Ahí é onde me parecia e me sigue parecendo que este movemento pode ser moi importante e interesante. Mais si a sua evolucion consiste en elaborar una programa electoral ( as propostas de “democracia real xa”,  parecense moito a iso), creo que o camiño  levará , como sempre, … a ningures…. ou a esa “practica politica” que queren denunciar.
Marcar obxectivos e controlar o seu cumplimento. Si un movemento social é capaz de articularse arredor desto xogará un papel importante. Se pretende establecer cal son os metodos que hai que empregar para conseguir estes obxectivos, acabará dividido e fracasará… ou non ( o tempo dirá )

19 may 2011

Democracia real xa.... ¿cómo?

Estou sorprendido polo interese mediático das mobilizacións de “democracia real, xa”. Vaian algunhas cousas por diante:
Primeiro: as mobilizacións non son tan importantes como para suscitar ese interese mediático. Outras houbo de maior envergadura que non o suscitaron.
Segundo: As ideas que lanzan refrexan mais que nada o cabreo e a necesidade de cambio. Niso coinciden con unha grande maioría.
Terceiro: O descrédito da “política” é moi perigoso. Compre fiar moi fino para non caer pola pendente do fascismo.
Cuarto: Todos, medios de comunicación e poderes fácticos, están tratando de levar a auga ao seu muíño.

Dito isto, a min paréceme importante o movemento. E a punta dun iceberg de descontento social e demanda de cambios que ten varios motivos. O principal sen dubida é o seguinte: Case todos/as chegamos á conclusión de que os que mandan son os “mercados”, que os partidos políticos quedaron sen proxecto e só tratan de amplificar ( no caso da dereita) ou paliar ( no caso da esquerda ) os efectos sociais dos ditados dos mercados. Mais a causa pode ser tamén que os partidos políticos, na súa versión actual, parecen estar chegando a un esgotamento do seu papel social. Aínda que nos parece que sempre os houbo, a verdade que os partidos políticos son moi recentes. Hai uns dias escoitaba en “documentos de RNE” a historia de Joaquin Costa, aquel polígrafo progresista, defensor da reforma agraria. A finais do século XIX e comezos do XX, J. Costa albiscaba que os partidos debían ser de masas e non, como ate daquela, uns lobbys constituídos por un numero reducido de persoas. Demasiado adiantado ao seu tempo, foi incapaz de crear ese partido e fracasou, en certa medida, na súa actividade política. De feito, a mais importante fíxoa a traveso dunha entidade que precisamente non era un partido político , a chamada Cámara Agraria de Aragón. E dicir os partidos na súa versión actual a penas teñen cen anos. Nin veñen de sempre, nin teñen por que ser eternos na súa concepción actual. Algo terán que evolucionar ou algo novo xurdirá, tarde ou cedo.
Mais sen dubida o que me fai pensar este movemento de democracia real ( xa falei da importancia das palabras ) son dúas cousas:
Primeiro: Como se debe estruturar a toma de decisións nunha sociedade e que papel lle corresponde a cadaquén.
Segundo : Onde esta o punto débil das xentes e as organizacións da esquerda.

Polo que respecta ao primeiro eu son partidario de que a poboación de forma xeneralizada interveña en tres fases do proceso de toma de decisión. Primeiramente marcando os obxectivos a acadar. Posteriormente avaliando o grado de cumprimento destes obxectivos. Finalmente decidindo se se cumpriron ou non, é dicir si hai que intentalo doutra maneira ou non.
Pola contra ás organizacións políticas e as institucións correspóndelle establecer os métodos e as medidas que compre aplicar para acadar estes obxectivos. As veces son cuestións moi técnicas e mesmo controvertidas, por iso deben recaer en organizacións preparadas para elo. O que digo non é colleita propia, lino hai anos nun libro sobre a toma de decisións na Unión Soviética que merquei na festa do Avante en Lisboa. Sempre me pareceu que teoricamente era moi correcto. Outra cousa é a practica. En todo caso habería que recuperar algunhas destas teorizacións que nunca se aplicaron, porque como todo, as persoas e os colectivos podemos perverter calquera boa idea.
O movemento democracia real, está en certa maneira facendo un papel que encaixa neste proceso. Esta marcando os obxectivos, sen entrar nos métodos. Interesante papel.
Para min o punto débil das xentes e organizacións de esquerda non está na falta de análises, ideas ou propostas. Desde logo non faltan análise lucidos e correctos da realidade social. O diagnostico parece bastante coincidente nun amplo sector da esquerda. Nel podiámonos poñer de acordo unha inmensa maioría da poboación. Tampouco faltan ideas de como afrontar a situación. O decrecemento por exemplo, renda básica e outras máis ortodoxas ( nacionalizacións, impostos mais progresivos, ..). Aquí pode que xa non esteamos tan de acordo, pero propostas haber hainas, mesmo eu diria que moitas e boas, porque xa non hai vangardas, porque a creación intelectual e a practica social está moitísimo máis xeneralizada que hai só 50 anos. Por exemplo, antes a inmensa maioría tiñamos medo a ter un cargo de relevancia ( ministros, conselleiros, ..) porque non nos considerabamos preparados/as. Hoxe atrévome a afirmar que moita xente se sente capaz de asumilo ( sobre todo coñecendo a quen o fai).
E aquí é onde está o noso punto débil. En lugar de tratar de centrarse nos obxectivos e aplicar o método de proba -erro para cada proposta, non facemos mais que dispersarnos. O problema da esquerda é un problema interno das súas xentes e das súas organizacións. Quen non ten intereses que defender e as veces só ten ideas, fai das ideas un patrimonio e convirte a defensa das mesmas nunha cuestión vital, irrenunciable. E así nunca é posible a unidade de acción. A solución aos problemas sociais, como nos problemas matemáticos complexos, só pode vir por aproximacións sucesivas e só admitindo que as nosas ideas son unicamente ( e no mellor dos casos) unha desas aproximacións poderemos avanzar cara o cumprimento dos obxectivos que a sociedade nos marca.
Ademais , se aplicamos un proceso de toma de decisións como o que falamos mais enriba, non hai mais que someterse ao análise do cumprimento de obxectivos por parte da poboación. E aceptar o seu veredicto. E entender algún dia que o fracaso é normal, mesmo necesario para achegarse á solución correcta.
Non, o problema das xentes e organizacións de esquerda non é de análise, nin de propostas, senón de reconsideración interna , individual e colectiva, da nosa forma de actuar socialmente e en política.

11 may 2011

mudar as palabras non muda a realidade

Xa teño dito que a lección de sapiencia de Mia Couto que se titula “os sete sapatos sujos” é como o meu libriño de cabeceira. Teño moito que agradecerlle ao amigo que mo deu a ler. Pois ben un dese sapatos sujos é a idea de que mudar as palabras muda a realidade. Efectivamente esa é unha idea moi equivocada pero moi xeneralizada.
Desde o meu punto de vista hai catro variantes. A primeira correspondese con aqueles/as que pensan que utilizando palabras máis “potentes” as accións tamén o son. E propio de xente nova, todos/as pasamos por iso. Así algúns/as cren que en lugar de facer algo para acabar co paro, o que compre é “loitar” contra o paro, aínda que iso se traduza ao remate en ir a unha manifestación ritual. Ao meu entender, é a menos perniciosa das variantes
A segunda variante é a de aqueles/as que se apropian das palabras e lle dan un sentido completamente diferente. A moitos e a moitas de nós “férvenos o sangue” escoitando falar de liberdade, por exemplo a Esperanza Aguirre ou de democracia a Rajoy. Nese sentido a esquerda en xeral deixouse arrebatar estas palabras e non impediu que se lles dera outro significado. Mais mudar as palabras non significa mudar a realidade, e as actuacións de determinados gobernos xa as coñecemos por moito que agora falen de liberdade, democracia e/ou xustiza social.
A terceira variante ten que ver con esta mais é un pouquiño diferente. Consiste en apropiarse das palabras para baleiralas de contido. Tratase de usalas como un “reclamo” . As palabras forman parte do marketing para “vender” algo. No meu ámbito a penas hai proxectos de investigación que non inclúan as palabras “sustentábel”, “medio-ambiente”, “innovación”. ¿Que hai detrás delas ? No mellor dos casos nada. No peor , o contrario do que significan. Hoxe mesmo, vin a dúas persoas levando caixas de verdura e froita para un establecemento. Era evidente , porque ademais así o dicían as caixas, que eran de invernadoiro, producidas intensivamente coa metodoloxía da agricultura industrial. Si....pero no camión aparecía rotulado “ecoverduras” ( ou algo así).
A cuarta variante é aquela a que posiblemente se refire Mia Couto. Cando un se reclama algo, por exemplo : “somos a alternativa” para autoconvencerse de que é verdade. Mais non chega con mudar a definición , hai que mudar a realidade.
Eu levo anos matinando en como superar este problema do significado das palabras e , a verdade, non dou atopado solucións validas. Unha pode ser tratar de explicar o que significan cada unha delas para un. Ou engadir a coletilla “de verdade”. E dicir “democracia de verdade”, liberdade real”, etc. Mais iso lévanos aos interminábeis e bizantinos debates sobre: “ser mais ou menos de esquerda”; “ ser ou non ser nacionalista”; “ser ou non ser demócrata”.
Outra opción sería inventar novas palabras. Mais parece unha tarefa inxente e probablemente con poucas posibilidades de éxito a curto prazo. Sempre se pode intentar nalgún caso concreto.
Finalmente a min o que me parece é que debiamos ser máis descritivos. Explicar o que se quere dicir sen preocuparse de atopar unha palabra que o defina. Mais iso supoñería rematar cos slogans, coas frases feitas, coas ideas preconcibidas. E todo iso é moi útil para a nosa supervivencia, porque todos/as estamos a gusto con esas palabras que o mesmo valen para un roto que para un descosido. E dicir que cada un/ha fai a súa interpretación e non ten que contrastala cos demais agás en casos moi concretos. Por iso teñen tanto éxito os refráns. De todas maneiras se cadra o peor de intentar ser descritivo é que axiña serás alcumado de “aburrido” ou “plomo”
Pero, en todo caso, haberá que intentalo por distintos métodos porque, efectivamente, mudar as palabras non muda a realidade. Pero eu engadiría : isto é unha estratexia consciente. Cando a xente quer mudar a realidade e hai alguén que non quer facelo, unha das mellores estratexias é sen dubida mudar as palabras para aparentar que se fai o que quere a xente. Por iso hai que mirar a maneira de rachar con esta estratexia.

6 may 2011

forofos/as

Comezou onte a campaña eleitoral.  O mesmo de sempre. ¿Non se animará alguen a cambiar o modelo ? Escoitei hoxe pola mañá un primeiro debate dos candidatos á alcaldia de Lugo. Todos fan fincape na crise economica e no problema do paro. Vale... bon reclamo eleitoral, pero algo vergoñento. Non parece que os concellos poidan facer grande cousa neste tema. Algo sempre se pode facer, pero a politica municipal non pode centrarse na loita contra o paro, mais que nada porque non ten os instrumentos necesarios para enfrontar o problema. Xa que logo, ¿Por qué facer fincape neste problema?.  Non me parece decente usar un drama como este para conseguir votos.
Polo demais parece que BILDU vai poder presentarse as elecions. Menos mal que non se consumou un atentado democratico . Escoito a periodistas que parecen sensatos/as e non acabo de entender de que maneira vai evoluindo a ideoloxia. Parece que todos estamos facendo o que nos mandan  e por riba ainda non sabemos quen é o que manda. Falase do sistema, dos mercados, ... como antes falabamos de Deus. Algo que non podemos tocar nen ver nen oir , pero que decide as nosas vidas.
E tremendo ver como se acepta, a veces mesmo sen preocuparse de xustficar, a morte de Ben Laden, sen xuizo. Eu creia que en democracia todo o mundo, por moi terrorista sanguinario que sexa, ten dereito a un xuizo xusto. Si é aceptable o de Ben Laden, teremos que rehabilitar aos condenados polo casodos GAL. Meu deus....
En fin como diciamos onte nunha conversa , temos substutuido a ideoloxia pola "adhesion inquebrantable". A penas quedan persoas partidarias, afiliadas ou simpatizantes dun determinado partido politico ou dunha determinada ideoloxia. Agora hai forofos/as ( siareiros ) . E xa se sabe o forofismo o uneco que lle interesa é que o seu equipo gañe , ainda que sexa de penalti inxusto no ultimo minuto. Non importa xogar ben, só a derrota do adversario.Son incapaces de aceptar nengun razonamento contrario aos "seus" por moi cargado de razon que estea.
Isto que antes se circunscribia ao futbol, agora pasa á política. Por iso non importa o que fagan "os nosos", sempre estará xustificado. Pior : sempre estará ben , ainda que sexa inxustificable. Se cadra por iso, a penas se escoitan voces criticas cos intentos de ilegalizacion de BILDU ou coa forma de matar a Ben Laden.
Mais tamen algo debe fallar entre as voces criticas para que as suas ideas non cheguen á xente. Segundo as enquisas o PSOE vai levar un batacazo eleitoral ( posiblemente menos do que se di), mais a "esquerda" aqueles que supostamente nos defenden aos traballadores/as fronte as medidas economicas que esta tomando o goberno, medran moi pouquiño ou mesmo tamen descenden. ¿ Por qué? ( ista si é unha boa pregunta e non as de Morinho)

comentarios