Supoño que todos e todas pasamos estes días falando dos controladores aéreos. Xa teremos a nosa opinión formada. Pero visto desde outras perspectivas, a min, o que pasou sérveme de exemplo para certas ideas que teño na cabeza.
En primeiro lugar son un exemplo levado ao máximo do corporativismo en que temos caído a “clase obreira”. Mais .. ¿difire moito a postura dos controladores/as de posturas recentes dos mineiros/as do carbón, dos traballadores/as da automoción, dos funcionarios/as ? Xa sei que nestes casos non pertencemos á “aristocracia obreira” ganamos menos e pode que traballemos máis. Mais a lóxica das reivindicacións no fondo ¿non é a mesma ? E dicir: sálvese quen poida e a min que me deixen como estou. Explicao moito mellor ca min, Bernard Cassen ( Le Monde Diplomatique, nov 2010): "o argumentario dos descontentos (.../...) non conten negun elemento programático, só unha negativa a ver desaparecer conquistas sociais" ...ou privilexios, engado eu.
En segundo lugar esta fin de semana amosa que non é tan doado tomar decisións cando afectan aos privilexios de colectivos que teñen unha función clave na nosa sociedade. Sempre ( ou case sempre) isto provoca graves prexuízos á cidadanía a curto prazo. E cabreámonos cando se toman medidas porque queremos que se faga algo pero sen causarnos molestias a nós. Iso sabémolo todos/as cando falamos de que se tomen medidas contra os bancos que provocaron a crise. Se cadra por iso , a parte de darlle á lingua como tertulianos/as, non temos moi claro cómo actuar. Volvo recorrer a Bernard Cassen ( Le Monde Diplomatique, nov 2010): "A utopia do movemento social xa non consiste en cambear o sistema senon en convencerse de que iste pode conformarse con soster o Estado do Benestar"
Finalmente, despois de escoitar interminábeis debates sobre se o goberno acertou ou non na súa decisión só me quedan preguntas. ¿Qué significa acertar nunha acción de goberno? ¿ Contentar a todos? ¿Non prexudicar a ninguén? ¿Obter os resultados desexados? Esta ben… mais ¿ a curto prazo? ¿ a longo prazo? … Esta é unha ecuación matemática con múltiples variábeis ( teño mais para introducir nela mais non é cuestión de cansar ). Estas ecuacións a veces non teñen unha única solución. E no caso de atopala o único método probablemente sexa mediante “aproximacións sucesivas”. Xa que logo, se non hai solución perfecta , poderemos considerar que unha acción de goberno é boa si é unha aproximación suficiente. Aínda que non resolva a ecuación de maneira exacta ( porque é imposíbel) , aínda que haxa outras solucións igual de boas … ou mesmo mellores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario