14 dic 2010

YA NO TENGO CAMINITO, PERO LLEGO A DONDE VOY ( C. e A. Gambino)

Menos mal que, ademais de escoitar a Silvio Rodriguez, escoitaba a Claudina e Alberto Gambino. e as suas "tres pezas breves". Si non hai receitas nin solucións universais. ¿Que nos pode guiar nas nosas actuacións nesta vida?. Pois non o teño moi claro, pero creo que dúas cousas: Os obxectivos e o método para analizar e decidir as actuacións a facer.

Os obxectivos son os que nos guían. E o que nos poden unir ou separar de outras persoas. No nivel social deberían ser os obxectivos os que serviran de cemento para construír organizacións e para decidir actuacións. Aquelas persoas que creemos que este mundo debe ser máis xusto e mais humano, temos suficientes razóns para traballar conxuntamente por isto. Podemos engadir mais obxectivos e en función deles ir diversificando as organizacións. Pero, se cadra , non tantas como existen hoxe. E sen apriorismos. A veces as definicións como “esquerdas”, “dereitas”; “ecoloxistas” e “non ecoloxistas”, “nacionalistas galegos” ou “españolistas” non son mais que como esas sobremesas portuguesas que se chaman “molotof” e que non teñen máis que aire.

Falo moito nestes dias dun artigo Bernard Cassen (Le Monde Diplomatique, nov 2010) ,pero é que di moitas cousas que eu pensaba hai tempo. Unha delas , esta: “A nosa situación actual localizase nun lugar exactamente contrario ao que prevalecía a principios do século XX, cando a esquerda sabia que facer mais debía esperar pacientemente o momento axeitado para actuar. Hoxe non sabemos o que temos que facer, pero temos que actuar de inmediato, porque a nosa inercia axiña podería producir consecuencias desastrosas. Mais que nunca estamos obrigados a vivir “como si foramos libres”.

Polo tanto, non nos deben guiar nin receitas nin solucións universais, porque non existen. Nin sequera os medios utilizados. Probabelmente os que valen hoxe ou serviron onte non serán útiles mañá. É o método o que importa, aínda que tampouco haxa un único método valido. Nin sequera o chamado método científico . Pero podemos estar de acordo nel ou neles. Iso é o que pode validar as conclusións en cada momento.

Creo que desde a perspectiva do traballo social, hoxe, o método é o mais importante. Por exemplo, perder o medo ao erro. Non utilizar o erro como un pretexto para “cargarse” ao adversario político ( interno ou externo). Por exemplo, admitir a discrepancia como un valor e non como un problema que, no mellor dos casos, se “tolera” coa condición de non saír fora dos muros das organizacións. Por exemplo valorar cada actuación feita, marcando obxectivos e analizando o seu cumprimento. Por exemplo, admitindo que, na inmensa maioría das ocasións, hai máis de unha única solución válida. Por exemplo admitindo que non hai solucións perfectas, que todas teñen vantaxes e inconvenientes e que, por iso hai que contrastalas na practica e, se cadra, modificalas sobre a marcha ( mais para iso, “cambiar de opinión” sobre unha medida concreta non debería ser “ a priori” un problema en si mesmo). Por exemplo, debatir para entenderse e non para “gañar a batalla” ( aínda que sexa dialéctica ), é dicir facerlle caso a Lluis Llach : “Non necesitamos nin queremos gañar”

En fin creo que isto é hoxe o mais importante. E dicir : non podemos ter solucións universalmente e permanente validas, pero podemos ter un método axeitado para que ter máis probablidade de atopalas en cada momento e camiñar cara os obxectivos que nos propoñamos. Ou sexa que o desacougo tampouco é para tanto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentario

comentarios