Hai anos escoitei por primeira vez a canción de Silvio Rodríguez titulada ”Fábula dos tres irmáns”. Gustoume moito e escoitábaa a miúdo. Pero desacougábame. A conclusión da canción era, ao meu entender , que non había solución. E eu, como a maioría, quería seguridade. Quería estar seguro de que a solución que tomara, sexa cal fora, era a correcta.
Pasaron anos antes de que me pasara o desacougo. Foi cando comprendín que, efectivamente, non hai receitas para os problemas. Non hai solucións. Foi cando entendín aquela máxima marxista de “ a analise concreta da situación concreta” ou o refrán ” cada dia ten o seu afán” . Entender entendino ... outra cousa é que actúe en consecuencia. Pero iso é outro tema.
Despois fun acumulando argumentos. Por exemplo a Ciencia, a Física en concreto, non ten unha teoría con validez universal que poida explicar o mundo. A mecánica cuántica explícao a un nivel pero falla a outro. A teoría da relatividade pode explicar aquelo que non explica a mecánica cuántica, pero falla cando se intenta aplicar no nivel onde esta funciona. Mais ¿impediunos coñecer mellor o mundo e avanzar cientificamente o feito de ter dúas teorías contraditorias para explicar o mundo?... pois vos diredes. Eu creo que non.
Outro argumento sobre a inexistencia de solucións universais e receitas é a teoría do caos. Gústame a teoría do caos. Creo que está moi atinada. E o efecto bolboreta é realmente posible. Pero en todo caso estamos falando de que hai sistemas que dependen das condicións iniciais, ,e dicir que funcionaran dunha maneira ou doutra, en función de pequenas variacións nas mesmas. E as sociedades, para min, pertencen a ese tipo de sistemas. Cunha consideración engadida: non existen momentos iniciais. Calquera momento é comezo e final. E dicir calquera actuación produce un cambio no sistema e polo tanto nas condicións de equilibrio no mesmo. Polo tanto, de maneira inmediata, a nova situación debe ser avaliada e pode que a actuación que puido ser boa cando se tomou deixou de selo no mesmo momento de aplicala. Ou viceversa.
Un terceiro argumento é a ciencia da ecoloxía. Esta veunos a demostrar que o equilibrio ecolóxico é moi inestable. Unha poboación dunha determinada planta ou animal pode axudar a manter o equilibrio do conxunto do sistema. Mais esa mesma poboación pode ser un perigo para o mesmo se outras poboacións modifican o seu numero e/ou composición. Ou se as condicións climáticas cambian. Cando ocorre isto, acadase un novo equilibrio e unha nova posición da poboación inicial que necesitará medrar, diminuír , cambiar ... ou seguir igual.
Todo é asegun , diría un galego ou galega. O importante é que o diga convencido/a e sen alporizarse porque outros/as consideren isto “pexorativo”. Porque, eu creo que non hai receitas nin solucións universalmente ou permanentemente validas no tempo. Xa que logo ¿ que hai? ¿Como podemos actuar? ¿Que é o que nos pode unir para facer desta unha sociedade mellor, mais xusta e humana?.... Non o sei , ...pero podo dar a miña opinión .... mañá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario