Nos cargos de responsabilidade que tiven ate o momento, apliquei por norma os orzamentos participativos nas miñas áreas de responsabilidade. Os orzamentos participativos son unha especie de bandeira para sectores da esquerda, (fundamentalmente a altermundista ,dáme a impresión aínda que podo estar equivocado) . En todo caso, as referencias históricas din que naceu en 1989, en Porto Alegre, Brasil, coa chegada ao poder do Partido dos Traballadores (PT).
No meu ámbito de actuación vímolos aplicando desde un pouco antes, se cadra, aínda que non lle chamamos orzamentos participativos. Por norma, abríase un prazo para que a xente fixera propostas de gasto e en función das peticións ordenábase por prioridades e despois debatíase na Xunta de Centro para ser aprobado. O noso labor era pois o de dar forma as peticións da xente e tratar de cumprilas con criterios de equidade e xustiza.
Mais tarde aplicámolo na Dirección e na Vicerreitoría. Sendo un modelo de orzamento participativo nunca tiven interese en dicirlle á xente que a nosa forma de actuar se encadraba neste modelo da esquerda latinoamericana. O que mais importa e que sempre foi ben recibido a dereita e a esquerda e creo que funcionou correctamente ( se ben eu faría varias críticas- autocríticas- ao mesmo). De feito, normalmente continuouse facendo cos novos responsábeis agás que, conscientemente, alguén quixera desmantelar o procedemento ( habitualmente en contra da opinión maioritaria da xente).
Fago estas consideracións porque creo que cada un debe contar as cousas que viviu. Se non se fai pode ser que as versións interesadas acaben por terxiversar a historia. Estouno comprobando , por exemplo, coas Comisións Labregas que, ao caer en desgraza en determinados ambientes, acabase , neses mesmos ambientes, por falsear ate a historia.
Pero tamén o digo para lembrar que non aprendín a facer orzamentos participativos de ningunha esquerda latinoamericana, senón de un Director do meu Centro que pouco ou nada tiña que ver con ela e que me propuxo ser secretario hai xa mais de vinte anos. Isto, para min, quer dicir que en Galiza temos vida propia e ideas propias. Necesitamos un pouco de autoestima ...e se cadra ver con perspectiva mais ampla a nosa estrutura social e política, mesmo ( vou dicir unha barbaridade ) o caciquismo. Mais que nada para non caer no caciquismo de novo cuño que nin sequera ten algúns mínimos aspectos positivos que tiña o vello.
Non coñezo experiencias de orzamentos participativos nos concellos galego. Non sei si existen. Si as hai son poucas e pouco significativas. En todo caso, non as hai nin as houbo no meu concello, a pesares de que na ultima década ( algo mais) os orzamentos estiveron estivo baixo a dirección do PSOE e do BNG.
Sen embargo si coñezo experiencias de gobernos da dereita que, ao meu modo de ver, se achegan ao modelo de orzamentos participativos. Hai anos chamoume a atención un feito. Unha das maiores criticas ao sr. Cacharro Pardo, cando era presidente da Deputación de Lugo, era o a plan de cooperación coas comunidade veciñais que, ao noso entender, constituía unha dos exemplos mais salientábeis de caciquismo. Sen embargo eu sempre crin ( e así o dixen nalgunha ocasión) que ese plano non era senón unha variante dos orzamentos participativos que, curiosamente, sempre favorecía aos do PP, iso si. ¿ Por qué?. Se cadra porque estaba pervertido e... tamén, recoñezámolo, porque o PP tiña ( e ten) unha amplísima base social e súa xente é moi activa.
E dicir que ate os orzamentos participativos poden perverterse. Por iso, convén analizar estas experiencias sen prexuízos, se cadra para non reproducir actuacións semellantes nas institucións ( ou peores porque a veces practicase o caciquismo sen participación).
En resumidas contas para que unha cousa funcione hai que ter un bo método de traballo.... e unhas persoas que o interpreten con intelixencia e honestidade. Nas matemáticas falase a miúdo das condicións necesarias pero non suficientes. Este é un concepto moi útil e interesante na actuación social. Os orzamentos participativos por exemplo son unha condición necesaria mais non suficiente para que a participación conduza a resultados xustos para o conxunto da sociedade e para non caer en caciquismos de novo cuño. Mais, se cadra, a condición de suficiencia é proporcionada pola ausencia de caciques ( sexan de dereitas ou de esquerdas) na súa xestión e pola presenza dunha base social que mire un pouquiño máis aló do seu interese inmediato
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario