28 feb 2011

a estratexia da derrota é inviable

Cada un fala da súa experiencia. De aí saca as conclusións. Eu saquei as seguintes, que non sei si serán compartidas.

Primeiro: o tempo dedicado a debater un tema en calquera reunión, encontro de amigos/as, etc. é inversamente proporcional á importancia do mesmo. Teño asistido a debates de catro horas polo destino de vinte mil euros e , na mesma reunión, tardar cinco minutos en decidir o destino de catro millóns de euros. Ou pasar unha hora debatendo pola situación dunha coma ou o significado dunha verba e despois aprobar o conxunto do relatorio en apenas dez minutos.

Segundo: a “agresividade” ou a “radicalidade” formal con que se defende unha idea é inversamente proporcional á diferenza de fondo que existe coas ideas dos/as demais. Ou ben é inversamente proporcional aos argumentos utilizados para defendela. Teño visto chegar case as maos por diferenzas moi cativas e , sen embargo, agás excepcións, aqueles debates aos que asistín onde as diferenzas entre as ideas defendidas eran mais grandes producíronse con tranquilidade e educación.

En fin  hai algunha xente ( ou algunhas organizacións ) que son absolutamente moderados nas súas ideas e moi radicais nas súas formas ( se cadra por mala conciencia). Eu creo, pola contra, que se debe ser radical nas ideas e moderado nas formas.

Houbo un tempo en que o “poder” , “conquistábase” mediante a “derrota do adversario/a” ( golpes de estado, toma do palacio de inverno, descabalgamento de postos de responsabilidade pola vontade do xefe, etc. ).Nas sociedades que son verdadeiramente democráticas os postos de responsabilidade elixidos sono pola vontade dos/as votantes. Polo tanto non se precisa da derrota das persoas que non votan a unha determinada opción, senón o seu cambio de opinión. E preciso convencelos/as non derrotalos/as. Non se necesita afondar no abismo que separa senón nos xeitos de superalo. Quen persiga a derrota do adversario/a leva en si mesmo a razón do seu fracaso ( agás en determinadas situacións sempre conxunturais). Só conseguirá o enrocamento do doutro/a nas súas posturas e , posiblemente, unha reafirmación visceral nas mesmas.

Por iso creo que canto máis radical e ambicioso sexa un nos obxectivos que persegue máis esforzo se debe facer en moderar as formas para facerse entender e desbloquear as prevencións e apriorismos que poidan existir.

Pero ademais é necesario dar algo de esperanza. As veces, con isto da crise, as declaracións e actuacións de determinadas persoas e organizacions pareceme que en nada contribuen á mobilización da xente. A min semellanme isas persoas que cando van ver a un enfermos/a insisten unha e outra vez : "tes mala cara"; "parece  que estas enfermo". C.... , diria o enfermo/a  si tivera ganas e poidera. Xa me noto eu enfermo, non me fai falla que mo digas. Dime si podo curarme e axudame a conseguilo. Por desgracia esas persoas continuan:  "creo que mañá estarás pior".  Pois vale....

16 feb 2011

CONTO numero dous

As veces penso que as persoas que queren ( queremos) un mundo mais xusto e humano somos como un grupo que camiña cara un lugar utópico ao que queremos chegar. Unhas persoas van por un lado e outras por outro  pero van avanzando cara onde pretenden ( todos os camiños conducen a Roma, din). Unhas pérdense polo camiño, outras non. Ao final todos/as chegamos a un río ancho e fondo que temos que atravesar ( a realidade deste sistema social inxusto ).
Algunhas persoas creen que pode atravesar o río así sen mais, e métense nel, pero a corrente pode con eles. Un grupo ( normalmente mais numeroso) cree que non poden ir mais aló ( “iso é unha utopía”, dirán ) e ,considerando que xa avanzaron todo o que podían, establécense definitivamente na beira do río, o bastante lonxe para non ser levados polas enchentes.
Outro grupo enfrontase con aquel e critícao por non querer atravesar o río. Algunhas persoas deste grupo propoñen construír unha ponte. Pero non se poñen de acordo en como facela. Todos/as  as persoas deste grupo acaban por establecerse tamén a beira do río. Unhas, agardando que baixe o caudal para poder atravesalo. Outras debatendo interminablemente sobre o tipo de ponte e materiais a utilizar. Outras intentando construír a ponte como creen que hai que facelo pero sen contar cos demais ( e polo tanto fracasando unha e outra vez).  Todas están a gusto nesta situación. A súa conciencia está tranquila porque poden criticar ao grupo que xa non quer ir mais aló. Ademais, cada certo tempo, seguen o rito de achegarse ao río e repetir como un mantra. “hai que atravesalo”.  Algúns mesmo se dedican a construír diques para poder  establecerse mais preto do río sen que os leven as enchentes demostrando así que son mais valentes.
Algunha persoas ( poucas) creen saber como facer a ponte  pero sobre todo saben que só se poderá comprobar que a ponte funciona cando se probe na realidade. E iso é un risco. A ponte pode derrubarse cando a xente tente pasar por ela. Si é así, servirá para saber onde fallou e tentalo de novo. O problema é saber si a xente está disposta a arriscarse, ou se prefire quedarse onde está, porque no fundo, xa está satisfeita e ten a conciencia tranquila.
Nas sociedades como na enxeñería non hai posibilidades de ensaios controlados de laboratorio. Ao final, inevitablemente, o modelo hai que contrastalo coa realidade.  Iso é un risco. En enxeñería resolvémolo aplicando “coeficientes de seguridade” que é  o xeito que temos de dar solucións sen que a xente se decate de que, no fundo, sabemos demasiado pouco para dar coa solución. Mais ¿Cómo se resolve na actuación social? Polo menos admitindo que so se avanza mediante a dinámica de “proba e erro” e que no “erro” podemos pasalo moi mal.

10 feb 2011

A PROPOSITO DAS CAIXAS. O PUBLICO E O PRIVADO

Isto é un pouco longo, pero non sei expresalo en menos espazo. Hai xa anos, tiven un debate con un sindicalista veterano da universidade. Eu sostiña que determinados “chiringuitos” creados polo goberno da mesma eran públicos porque o 100% do capital era propiedade da universidade. O meu interlocutor dicía que iso era “privatizar”.
Anos despois asistimos á creación de novas empresas publicas desde o goberno da xunta por parte de “compañeiros” de ambolous dous. E recentemente observamos aos mesmos sindicatos defendendo as caixas polo seu carácter publico.
Creo que estamos moi desconcertados/as con isto do publico e o privado. Eu vou tratar de dar a miña opinión.
Publico é todo aquelo que se crea con capital publico. En sentido amplo toda aquela empresa, institución ou o que sexa onde o capital publico sexa maioritario. Iso non parece discutible nin aquí nin na Unión Soviética nin no réxime franquista onde existian “empresas publicas”.
Outra cousa diferente a forma de xestión. Pode ocorrer que se xestionen organismos e empresas publicas con criterios de empresas privadas. Iso pode estar ben ou mal. Desde o punto de vista estritamente sindical sempre está mal. Por iso debe ser que lle chaman privatizar. Mais desde o punto de vista do servizo publico habería que analizar cada caso.
Polo tanto eu creo que deberiamos diferenciar entre forma de xestión publica e forma de xestión privada neste casos. E non debater , falsamente, si se “privatiza” ou non.

Algo similar ocorre coas concesións administrativas. Aquí tamén o punto de vista estritamente sindical parece que se impón sobre todo o demais. Vexamos. As vías do tren son feitas por empresas privadas a quen lles paga a administración e sen embargo non se fala de privatización. Pola contra si consideramos privatización cando a administración paga por facer a limpeza dos edificios. Mais ¿cal é a diferencia?

Por ultimo normalmente asimilamos que desde o punto de vista do ben colectivo, desde o punto de vista social, o publico é igual a bo e o privado é igual a malo. Mais non sempre é así. Por exemplo os/as labregos/as ( empresas familiares privadas) fan unha importante labor social de conservación da biodiversidade e a paisaxe. Por exemplo as empresas de enerxía solar fan un ben á sociedade coa súa actividade empresarial. Pola contra hai moito diñeiro publico que se utiliza dentro das propias administracións para beneficio particular ( e non me refiro só aos casos de corrupción ).

En resumidas contas que , se cadra , o debate debe centrarse na seguinte maneira : ¿ repercuten os cartos públicos no ben colectivo ou , pola contra, van en contra del e/ou contribúen a aumentar a inxustiza ?. Iso é o importante. O demais ( si o instrumento é un organismo publico ou privado é secundario). Enfocado deste xeito probablemente chegaremos a dúas conclusións: A primeira é que normalmente ,e mellor actuar desde organismos públicos , a segunda é que ( Marx vive!! ) o estado é tamén un instrumento dunha clase social ( como as empresas) e , en moitísimas ocasións , utilizase o publico en beneficio da mesma.

Esta enfoque tamén nos permitiría saír de dúas formas de pensar e actuar xeneralizadas e ao meu entender moi nocivas. Unha consiste en pedir constas só aos organismo públicos, porque os privados “poden facer o que queiran”. Eu creo que publico e privado deben servir a sociedade e teñen responsabilidades niso. Outra consiste en pensar que nun organismo da administración, os cartos públicos sempre son ben empregados, aínda que se utilicen para o medre persoal ( isto ocorre moito , por exemplo , nas universidades). Por iso sempre falamos en termos de cantidades de diñeiro publico investidas ou gastadas e non do numero de problemas resoltos ou de avances sociais conseguidos. Para min é moito peor quen se beneficia particularmente ( e non necesariamente de xeito corrupto) dos cartos públicos nunha institución publica que quen o fai porque colleu a concesión dun servizo “privatizado”. Pero iso levaríanos a propia practica sindical que diferencia entre “funcionarios/as” e servizos concesionados en lugar de concibilos como un mesmo colectivo.

E todo isto ¿qué ten que ver coas caixas? Pois que agora todos/as as defendemos como entidades públicas. Mais ¿qué fixeron durante anos estes entes de carácter publico ?. Especular na burbulla inmobiliaria e situarse ao borde da quebra. Estas entidades de carácter publico xogaron a ser bancos, especularon como os bancos.... e agora non queren converterse en bancos. Para min, dada a experiencia e chegados a este punto, ¿ realmente non seria mellor que ou ben fosen bancos ou ben se nacionalicen e actúen como unha banca publica de verdade (a min gustaríame esta segunda opción)?

En fin .... non sei si estas ideas están atinadas ou non. Mais de algo estou seguro. Ou debatemos en serio sobre o papel do publico e o privado, ou eu , particularmente, négome a debater con tópicos sobre organismos públicos e “privatización” convertidos conceptos valeiros que non sabemos nin o que significan.

4 feb 2011

E moi dificil atopar solucions propias baseadas en analises alleos. O caso das pensions

Eu non estou de acordo coa reforma das pensións que se ten aprobado…. Mais tampouco encontro argumentos serios en contra dela ( agás excepcións ) entre quen publicamente mantén posturas contrarias e convoca mobilizacións ( por certo, algúns argumentos para convocar a folga xeral- como é a critica ás pensións dos  paralamentarios/as-  parécenme perigosos por estar moi preto de derivas fascistas... pero iso é tema doutro dia ).
J.M Ridao dicía hai varias semanas nun artigo de EL PAIS que o problema da esquerda é que tenta buscar solucións propias con análises alleos. Nada mais certo e perfectamente aplicable a este caso. Tratase de buscar solucións partindo das análises da dereita.
Por exemplo dise: Agora non hai problema de déficit na seguridade social ¿por qué o vai haber no futuro? Si somos menos cotizantes por pensionista no futuro, pódese cotizar mais e xa está solucionado o problema. Vale... Iso hai que demostralo e ademais ¿ Quen di que imos cobrar mais para cotizar mais? Ademais si cotizamos mais tamén quereremos ter unhas pensións mais altas.  Ou sexa xa vedes que a  min ese argumento paréceme débil.
Hai outra posición, froito do que Mia Couto chama  a “desresponsabilización” social. Consiste  no seguinte.
- Non quero que se reformen as pensións ( “mamaiña.. que me quede como estou”)
- E logo, no futuro  como há ser?
- Que o resolvan os”políticos” que para iso están.
Tampouco me convence porque eu quero contribuír a buscar unha solución.

Mais por qué admitimos a análise da dereita de que hai que pagar as pensións coas cotizacións?  Por iso , o que mais me convencen son os argumentos de aquelas persoas que tratan de buscar alternativas propias a partir de análises propios. Hai anos ( moitos/as xa non o lembraran) en Galiza seguimos unha loita moi forte contra a cota empresarial da seguridade social. O argumento dos gobernos que a mantiveron durante moitos anos era fundamentalmente un: “Ten déficit. Gastase moito mais en pensións do que se recada”. Vaia !!!  argumento antigo, argumento moderno.
Mais ¿ que contestabamos nós? Pois seguiamos o argumentario dun opúsculo feito por Constenla que entre outras cousas dicía (mais ou menos): “Non se pode aillar unha parcela parcial da solidaridade. Hai que mirar a economía en conxunto. E nese caso, Galiza aporta mais do que recibe”. Argumento vello, argumento novo.
Miren Etxezarreta ( que estivera na escola de Peritos hai vinte anos nunhas conferencias maxistrais) incide nun artigo en PUBLICIO en algo parecido. As pensións non hai que pagalas só coas cotizacións, senón tamén cos orzamentos xerais, e dicir, cos impostos.
Este paréceme un argumento mais lóxico. Pero fáltalle algo. Hai que dicir canto teríamos que subir os impostos e debater coa xente si está disposta a facelo. Non parece doado despois de anos en que desde a esquerda se cuestionaran os impostos ( Lembro un tenente de alcalde nacionalista de Lugo que se chufaba dunha política económica brillante no concello que reducía a débeda a base entre outras cousas de vender patrimonio publico mentres baixaba- ou conxelaba, non lembro- os impostos. A súa organización mesmo o elevou a Conselleiro).

Mais se cadra unha proposta baseada en análises diferentes e ao mellor mais viábeis de cara ao futuro é explorar as posibilidades da implantación dunha renda básica ( que defenden algunhas persoas) e partir de aquí enfocar o problema das pensións.

comentarios