14 dic 2010

YA NO TENGO CAMINITO, PERO LLEGO A DONDE VOY ( C. e A. Gambino)

Menos mal que, ademais de escoitar a Silvio Rodriguez, escoitaba a Claudina e Alberto Gambino. e as suas "tres pezas breves". Si non hai receitas nin solucións universais. ¿Que nos pode guiar nas nosas actuacións nesta vida?. Pois non o teño moi claro, pero creo que dúas cousas: Os obxectivos e o método para analizar e decidir as actuacións a facer.

Os obxectivos son os que nos guían. E o que nos poden unir ou separar de outras persoas. No nivel social deberían ser os obxectivos os que serviran de cemento para construír organizacións e para decidir actuacións. Aquelas persoas que creemos que este mundo debe ser máis xusto e mais humano, temos suficientes razóns para traballar conxuntamente por isto. Podemos engadir mais obxectivos e en función deles ir diversificando as organizacións. Pero, se cadra , non tantas como existen hoxe. E sen apriorismos. A veces as definicións como “esquerdas”, “dereitas”; “ecoloxistas” e “non ecoloxistas”, “nacionalistas galegos” ou “españolistas” non son mais que como esas sobremesas portuguesas que se chaman “molotof” e que non teñen máis que aire.

Falo moito nestes dias dun artigo Bernard Cassen (Le Monde Diplomatique, nov 2010) ,pero é que di moitas cousas que eu pensaba hai tempo. Unha delas , esta: “A nosa situación actual localizase nun lugar exactamente contrario ao que prevalecía a principios do século XX, cando a esquerda sabia que facer mais debía esperar pacientemente o momento axeitado para actuar. Hoxe non sabemos o que temos que facer, pero temos que actuar de inmediato, porque a nosa inercia axiña podería producir consecuencias desastrosas. Mais que nunca estamos obrigados a vivir “como si foramos libres”.

Polo tanto, non nos deben guiar nin receitas nin solucións universais, porque non existen. Nin sequera os medios utilizados. Probabelmente os que valen hoxe ou serviron onte non serán útiles mañá. É o método o que importa, aínda que tampouco haxa un único método valido. Nin sequera o chamado método científico . Pero podemos estar de acordo nel ou neles. Iso é o que pode validar as conclusións en cada momento.

Creo que desde a perspectiva do traballo social, hoxe, o método é o mais importante. Por exemplo, perder o medo ao erro. Non utilizar o erro como un pretexto para “cargarse” ao adversario político ( interno ou externo). Por exemplo, admitir a discrepancia como un valor e non como un problema que, no mellor dos casos, se “tolera” coa condición de non saír fora dos muros das organizacións. Por exemplo valorar cada actuación feita, marcando obxectivos e analizando o seu cumprimento. Por exemplo, admitindo que, na inmensa maioría das ocasións, hai máis de unha única solución válida. Por exemplo admitindo que non hai solucións perfectas, que todas teñen vantaxes e inconvenientes e que, por iso hai que contrastalas na practica e, se cadra, modificalas sobre a marcha ( mais para iso, “cambiar de opinión” sobre unha medida concreta non debería ser “ a priori” un problema en si mesmo). Por exemplo, debatir para entenderse e non para “gañar a batalla” ( aínda que sexa dialéctica ), é dicir facerlle caso a Lluis Llach : “Non necesitamos nin queremos gañar”

En fin creo que isto é hoxe o mais importante. E dicir : non podemos ter solucións universalmente e permanente validas, pero podemos ter un método axeitado para que ter máis probablidade de atopalas en cada momento e camiñar cara os obxectivos que nos propoñamos. Ou sexa que o desacougo tampouco é para tanto.

13 dic 2010

TODO É ASEGUN

Hai anos escoitei por primeira vez a canción de Silvio Rodríguez titulada ”Fábula dos tres irmáns”. Gustoume moito e escoitábaa a miúdo. Pero desacougábame. A conclusión da canción era, ao meu entender , que non había solución. E eu, como a maioría, quería seguridade. Quería estar seguro de que a solución que tomara, sexa cal fora, era a correcta.
Pasaron anos antes de que me pasara o desacougo. Foi cando comprendín que, efectivamente, non hai receitas para os problemas. Non hai solucións. Foi cando entendín aquela máxima marxista de “ a analise concreta da situación concreta” ou o refrán ” cada dia ten o seu afán” . Entender entendino ... outra cousa é que actúe en consecuencia. Pero iso é outro tema.
Despois fun acumulando argumentos. Por exemplo a Ciencia, a Física en concreto, non ten unha teoría con validez universal que poida explicar o mundo. A mecánica cuántica explícao a un nivel pero falla a outro. A teoría da relatividade pode explicar aquelo que non explica a mecánica cuántica, pero falla cando se intenta aplicar no nivel onde esta funciona. Mais ¿impediunos coñecer mellor o mundo e avanzar cientificamente o feito de ter dúas teorías contraditorias para explicar o mundo?... pois vos diredes. Eu creo que non.
Outro argumento sobre a inexistencia de solucións universais e receitas é a teoría do caos. Gústame a teoría do caos. Creo que está moi atinada. E o efecto bolboreta é realmente posible. Pero en todo caso estamos falando de que hai sistemas que dependen das condicións iniciais, ,e dicir que funcionaran dunha maneira ou doutra, en función de pequenas variacións nas mesmas. E as sociedades, para min, pertencen a ese tipo de sistemas. Cunha consideración engadida: non existen momentos iniciais. Calquera momento é comezo e final. E dicir calquera actuación produce un cambio no sistema e polo tanto nas condicións de equilibrio no mesmo. Polo tanto, de maneira inmediata, a nova situación debe ser avaliada e pode que a actuación que puido ser boa cando se tomou deixou de selo no mesmo momento de aplicala. Ou viceversa.
Un terceiro argumento é a ciencia da ecoloxía. Esta veunos a demostrar que o equilibrio ecolóxico é moi inestable. Unha poboación dunha determinada planta ou animal pode axudar a manter o equilibrio do conxunto do sistema. Mais esa mesma poboación pode ser un perigo para o mesmo se outras poboacións modifican o seu numero e/ou composición. Ou se as condicións climáticas cambian. Cando ocorre isto, acadase un novo equilibrio e unha nova posición da poboación inicial que necesitará medrar, diminuír , cambiar ... ou seguir igual.

Todo é asegun , diría un galego ou galega. O importante é que o diga convencido/a e sen alporizarse porque outros/as consideren isto “pexorativo”. Porque, eu creo que non hai receitas nin solucións universalmente ou permanentemente validas no tempo. Xa que logo ¿ que hai? ¿Como podemos actuar? ¿Que é o que nos pode unir para facer desta unha sociedade mellor, mais xusta e humana?.... Non o sei , ...pero podo dar a miña opinión .... mañá.

9 dic 2010

TERTULIANOS POLITICOS OU POLITICOS TERTULIANOS

Os/as tertulianos/as son esa clase de xente que contribúe a facer peor unha sociedade. Agás excepcións. Sempre hai excepcións. E non polas ideas que transmiten, senón polo seu posicionamento fronte aos problemas que acaba contaxiándose á xente en xeral.
Calquera feito que se xulgue sempre ha ter aspectos positivos e negativos,vantaxes e inconvenientes. Sempre será posible criticalo ou defendelo. Mais a posición dos/as tertulianos e situarse a priori a favor ou en contra. A partires desta posición as análises só se centran nos aspectos bos ou nos aspectos malos.
Isto ten tres efectos moi negativos. En primeiro lugar nunca axuda a encontrar a posición máis axeita que sempre virá dunha análise ponderada de vantaxes e inconvenientes. En segundo lugar non contribúe a que as posturas sobre os feitos determinados se tomen sobre a análise dos mesmos, senón sobre actitudes tomadas previamente.
Pero sobre todo, fomenta esa actitude tan xeneralizara de criticar a quen toma decisións, pero non comprometerse a tomalas. Esa é a grande desgracia das tertulias. Fomentan a ausencia de compromiso, porque transmiten a idea de que a situación ideal consiste en deixar que outros/as tomen as decisións e despois quedar “satisfeitos” criticándoas ou deféndoas. Sempre haberá motivos para facelo. E mesmo parece que así contribúen ao debate. E chamanlle “opinión pública”. Manda truco....

Os/as tertulianos/as , eses/as que critican á “clase política” , son unha parte fundamental da mesma, coa súa propia e especifica función. E se cadra, non son o mellor da clase política ( con excepcións).

Mais aínda hai algo peor . Moitos/as dirixentes políticos , unha grande parte dos actuais partidos políticos, asumiron o papel de tertulianos/as. Primeiro miran de onde sae unha decisión. Si sae dos “seus”, buscaran os aspectos positivos para defendela. E só os positivos. Se non sae dos “seus”, buscaran os aspectos negativos, e só os negativos, para criticala. Mais ¿que farían eles se puideran tomar a decisión? Difícil, moi difícil, case imposible conseguir que o digan. E cando o din é baixo a premisa dunhas condicións case sempre virtuais e diferentes das que había cando as decisións se tomaron.

6 dic 2010

OS CONTROLADORES: UN EXEMPLO

Supoño que todos e todas pasamos estes días falando dos controladores aéreos. Xa teremos a nosa opinión formada. Pero visto desde outras perspectivas, a min, o que pasou  sérveme de exemplo para certas ideas que teño na cabeza. 

En primeiro lugar son un exemplo levado ao máximo do corporativismo en que temos caído a “clase obreira”.  Mais .. ¿difire moito a postura dos controladores/as de posturas recentes dos mineiros/as do carbón, dos traballadores/as da automoción, dos funcionarios/as ? Xa sei que nestes casos non pertencemos á “aristocracia obreira”  ganamos menos e pode que traballemos máis. Mais a lóxica das reivindicacións no fondo ¿non é a mesma ? E dicir: sálvese quen poida e a min que me deixen como estou. Explicao moito mellor ca min, Bernard Cassen ( Le Monde Diplomatique, nov 2010): "o argumentario dos descontentos (.../...) non conten negun elemento programático, só unha negativa a ver desaparecer conquistas sociais" ...ou privilexios, engado eu.

En segundo lugar esta fin de semana amosa que non é tan doado tomar decisións cando afectan aos privilexios de colectivos que teñen unha función clave na nosa sociedade. Sempre ( ou case sempre) isto provoca graves prexuízos á cidadanía a curto prazo. E cabreámonos cando se toman medidas porque queremos que se faga algo pero sen causarnos molestias a nós. Iso sabémolo todos/as cando falamos de que se tomen medidas contra os bancos que provocaron a crise. Se cadra por iso , a parte de darlle á lingua como tertulianos/as, non temos moi claro cómo actuar. Volvo recorrer a Bernard Cassen ( Le Monde Diplomatique, nov 2010): "A utopia do movemento social xa non consiste en cambear o sistema senon en convencerse de que iste pode conformarse con soster o Estado do Benestar"

Finalmente, despois de escoitar interminábeis debates sobre se o goberno acertou ou non na súa decisión só me quedan preguntas. ¿Qué significa acertar nunha acción de goberno? ¿ Contentar a todos? ¿Non prexudicar a ninguén? ¿Obter os resultados desexados? Esta ben… mais ¿ a curto prazo? ¿ a longo prazo? …  Esta é unha ecuación matemática con múltiples variábeis ( teño mais para introducir nela mais non é cuestión de cansar ). Estas ecuacións a veces non teñen unha única solución. E no caso de atopala o único método probablemente sexa mediante “aproximacións sucesivas”. Xa que logo, se non hai solución perfecta , poderemos considerar que unha acción de goberno é boa si é unha aproximación  suficiente. Aínda que non resolva a ecuación de maneira exacta ( porque é imposíbel) , aínda que haxa outras solucións igual de boas … ou mesmo mellores.

comentarios