24 oct 2012

curioso ( e contraditorio) nacionalismo



Curioso  ( e contraditorio ) “nacionalismo” que considera que a época na que conseguiu maior apoio electoral merece ser criticada porque fracasou na loita esquerda –dereita  xa que coincidiu coas maiorías absolutas dun Fraga que apelaba para gañar entre outras cousas ao sentimento de galeguidade ( unha época onde Galiza, por unha razóns ou outras, tiña algún peso político ).

Curioso  ( e contraditorio ) “nacionalismo” que considera que unha coalición electoral con forzas estatais que defenden o dereito de autodeterminación ( aínda que sexa formalmente) non se pode consentir, pero mantén unha alianza estratéxica de goberno co PSOE ( unha forza  de obediencia estatal que nin sequera defende o dereito de autodeterminación),  unha coalición de facto a posteriori das eleccións tanto nos concellos como no parlamento galego, se o PP non saca maioría .

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que critica os pactos con forzas estatais e amosan total coincidencia con elas nos debates electorais (  Jorquera  vs Pachi Vazquez  )

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que basea as súas criticas non no que as forzas políticas fan en Galiza senón no que fan en.... Estremadura.

Curioso ( e contraditorio ) “nacionalismo” que fixo da defensa do AVE , da conexión co centro e polo tanto da defensa do sistema radial de comunicacións que aumenta a dependencia de Madrid o eixo das súas reivindicacións.

Curiosa ( e contraditorio ) percepción do que é ser  nacionalista  cando, segunda a enquisa do CIS, os preto de medio millón de persoas que se declaran nacionalistas galegos se reparten case homoxeneamente entre todas as forzas políticas, é dicir que hai case tantas persoas que se declaran nacionalistas que din votar ao PP ou ao PSOE coma as que din votar ao BNG.

¿ e si nos deixamos de clixés e reflexionamos en serio sobre o pais e o papel que teñen que cumprir as organizacións políticas nacionalistas e de esquerdas ?

22 oct 2012

Intentando ter unha perspectiva completa do bosque electoral



As arbores non nos deixan ver o bosque. Esta afirmación é moitas veces verdade e creo que nestas eleccións pode pasar un pouco diso. Compre lembrar xa que logo algunhas cousas que se deberían dar por sabidas mais que as veces non é así:
1.-Estas eleccións non eran normais, aínda que a maioría das organizacións políticas as tomaran como unha rutina mais.
2.- O reparto de escanos só é unha asignación relativa en función dos votos. Mais non son votos. Os votos son persoas e os escanos números. A hora de analizar os datos non se pode cometer o erro de analizar só escanos.
3.- O cabreo con quen goberna é condición necesaria mais non suficiente para que se produza un cambio. Para que este teña lugar é preciso tamén que a xente cabreada confíe noutra alternativa. Si esta non existe o cambio non se dará.
4.- Os cambios na sociedade non sempre son simultáneos cos cambios nos procesos electorais. As veces estes veñen mais retrasados. En tempos de crise e depresión hai unha parte importante da xente que prefire a seguridade da situación actual  ( aínda que sexa mala) que a imprevisibilidade do cambio. Este é un comportamento que se pode considerar normal

1.- Non foron unhas eleccións normais. Se cadra non nos decatamos que as forzas políticas que a xente identifica como sistémicas ( as tres que se repetiron no parlamento galego durante vinte anos) perderon 418 mil votos ( o 38%  do seu electorado). Dito doutra maneira como mínimo unha de cada tres persoas que os votou nas anteriores non o fixo agora. Isto sen dubida é unha emenda á totalidade do traballo destas forzas políticas. Pero sobre todo indica que na sociedade está pasando algo, que a depresión económica está afectando de maneira moi importante ao comportamento político da xente. Nestas eleccións, a pesares de que pareza que todo segue igual, aconteceron cousas moi significativas que alguén debería analizar.

2.- Ademais do reparto dos votos, hai que analizar os votos. O normal é comparar  unhas eleccións coas anteriores do mesmo tipo. E isto é correcto.... se entremedias non pasan cousas gordas que modifiquen o comportamento social. Entendo que a depresión económica e os recorte sociais son algo moi gordo. Polo tanto compre comparar non só cos datos das anteriores eleccións autonómicas senón tamén das eleccións xerais, pois o “desgaste” do goberno do PP prodúcese fundamentalmente dun ano para acó. Neste sentido compre dicir que o PP perdeu 106 mil votos ( o 14%) desde as ultimas autonómicas , pero 201 mil ( o 24% ) desde as ultimas xerais de hai un ano. E difícil soster con estes datos que non houbo castigo ao PP. Serian suficientes que foran á abstención ( nin sequera que se trasvasaran) para perder a maioría absoluta. ¿ Qué pasou xa que logo?  ...

3.- O cabreo con quen goberna é condición necesaria mais non suficiente para que se produza un cambio . A xente non confiou nas alternativas tradicionais . PSOE e BNG perderon 311 mil votos desde as ultimas autonómicas e 195 mil desde as xerais de hai un ano. Certo é que Beiras aínda que conseguiu reter a maioría dos votos perdidos hai un ano,  non conseguiu reter todos os que se perderon respecto das autonómicas de hai catro anos. Pero a unha coalición electoral constituída a un mes escaso das eleccións non se lle pode pedir máis. Non quero pensar o que podía ter ocorrido de non existir AGE. Por moito que se queira facer a Beiras responsábel desta debacle é evidente que non o é. A división do voto pode xogar en contra si non se acada representación mais co nivel de voto acadado, o único que se pode producir é unha recomposición de forzas dentro da esquerda e o nacionalismo. Pero iso á hora de sumar para derrotar ao PP é máis bo que malo. Para ver o por qué da debacle haberá que ollar a dispersión de votos en pequenas formacións o aumento espectacular do voto en branco e nulo, etc, etc..

 4.- Os cambios na sociedade non sempre son simultáneos cos cambios nos procesos electorais.- Desde o meu punto de vista , a pesares das eleccións o PP está máis débil agora. En calquera debate non parece atinado argumentar cos argumentos dos outros. O PP está mais débil porque perdeu o voto de case unha de cada catro persoas que o votaron hai un ano. E as alternativas tradicionais  non terán máis remedio que reflexionar. Comprendese e mesmo perdoase que na noite electoral se busquen culpábeis fora da organización. Mais pasados os días terán que analizar que estiveron facendo mal. E sobre todo pensar no pais. Si unha oferta electoral constituída un mes antes consegue 9 deputados/as só pode explicarse porque sintonizou coa xente, porque o vello non valía e estabamos agardando algo novo, mais aló das incertezas que poida xerar. Non hai outra explicación posible, só unha pregunta ¿por qué as outras forzas políticas foron incapaces de facelo tendo mais tempo e mais medios?

En resumidas contas, hai xente que se queixa de que o pobo non respondeu axeitadamente nestas eleccións, mais a min quedame unha dubida ¿Foi o pobo quen non respondeu ou foron as organizacións políticas tradicionais as que non souberon articular e xestionar a vontade popular? Si , como semella analizando os datos, a maioria da cidadanía galega non quería a maioria absoluta do PP, ¿ en que fallaron para non xestionar esta vontade de cara á derrota electoral do PP?

3 oct 2012

DIANTE DAS ELECIÓNS: EXPERIENCIAS PERSOAIS



Hai uns días chameille a atención a unha persoa á  que quero ben porque, nun cartel de presentación dun libro, anunciábase como membro dos CALL, cousa que segundo eu lembraba non era certa. Creo que metín a pata porque ela non tivera a culpa dese erro.  Para que serva de atenuante direi que estaba algo enfadado polo que eu entendo que son intentos de reescreber a historia situando nela a persoas hoxe afíns a determinada organización política e botando fora da mesma  a quen hoxe non é do seu  agrado. E como estes días estou a ler  o libro “1984” ( sempre o quixen ler e nunca me puxera a elo), isto méteme algo de medo, sobre todo vendo algúns comentarios  ( mellor insultos) que na rede circulan sobre Beiras.
Por iso, diante destas eleccións,  quixera sacar algunhas conclusións partindo da miña experiencia persoal. Se cadra podedes atopar paralelismos coa situación actual. Aínda que a historia nunca se repite  o  pasado explica e axuda a interpretar o presente.

Primeira experiencia: Na miña vida , os anos de militancia política superan xa aos que vivín sen ela. Aló polos mediados dos anos setenta do pasado século, contactei con ERGA. Despois de pasar polos sucesivos niveis de achegado, simpatizante e demais, un amigo levaba meses insistindo en pasara á condición de militante ( eran os guais, os membros de pleno dereito na organización). Un día, paseando por San Roque en Lugo, cedín. O amigo díxome ( mais ou menos textualmente): “moi ben, agora contigo xa somos tres aquí en Lugo”. Caéuseme a alma aos pes. Eu que cría que eramos unha morea..... Pero xa non había remedio.
Segunda experiencia. Axiña fomos unha morea. Unha política axeitada seguida pola UPG , impulsando organizacións de masas, enfrontando conflictos populares e axitando, fixo que o nacionalismo gañara moito peso e incidencia social. Nela queimamos moitas horas sendo case uns nenos (roldabamos a penas os vinte anos ). Aínda hoxe cústame entender como aquelas persoas maiores e sensatas facían caso duns rapaces e rapazas  tan inexpertos e con propostas tan utópicas. Mais algunha razón habería.
Terceira experiencia:  A AN-PG daquela comezou a ter demasiado éxito e iso provocou  tensións persoais e escisións. Primeiro foron varios/as membros da dirección colexiada. Despois veu a escisión mais ideolóxica e importante. En Lugo, practicamente todos/as os cargos institucionais de relevancia e os/as responsábeis da organización abandonaron o daquela chamado Bloque Nacional Popular Galego para emprender un novo camiño en distintas organizacións que se nuclearon arredor da figura de Camilo Noqueira  (POG,  Esquerda Galega, UG , ...).
As miñas lembranzas lévanme a unha sala pouco iluminada  dun piso da rúa Pintor Tino Grandio nunha noite de comezos dos anos oitenta. Arredor de dez persoas despois de expoñer as razóns da súas dimisións, abandonan a reunión do Comité de Zona da UPG. Alí quedamos. De novo eramos só tres persoas. E a min tocábame apandar coa responsabilidade das distintas organizacións.
Cuarta experiencia. Pasaron anos duros, onde o BNPG e distintas organizacións do nacionalismo estiveron ao borde mesmo da desaparición a lo menos na miña zona. Quedaba só a UPG e os/as amigos/as da UPG. E alguén volveu atinar, cando propuxo ampliar a fronte , mesmo refundala.  Algúns cremos con entusiasmo na idea, outros/as aceptárona por simple supervivencia e outros/as nunca acreditaron nela, pero como non había mais alternativa, achantaron.
En Lugo cando menos, comezamos a poñer en marcha o proceso constituinte, coa pasividade , cando non reticencias, de persoas que agora abandeiran as celebracións do trinta aniversario da constitución do BNG. E tivemos éxito. Sobre todo pola incorporación de Xosé Manuel Beiras a este proceso constituinte. A súa figura foi fundamental. Pero non era un simple compañeiro de viaxe, tiña posicionamentos políticos propios e unha capacidade de liderado da que se carecía no nacionalismo e  algúns, que desde o principio o consideraron demasiado “protagonista”,  xa “previron” que era un problema co que tarde ou cedo nos habiamos de atopar .
 Quinta experiencia. Con Beiras, o BNG acadou o máximo respaldo popular conseguido polo nacionalismo ate o momento. Pero non só foi polo seu liderado persoal, senón polo acerto das propostas políticas. Ao meu entender, o que dispara a aceptación popular do BNG é fundamentalmente a súa proposta dun proxecto común para o nacionalismo onde colla todo o mundo e a súa proposta de alianza estratéxica co “españolismo de esquerda” para derrotar ao PP, facendo evidente e explícito diante da opinión publica que se pactaría co PSOE se o PP non obtiña maioría  Non estiveron libres de debate as dúas, sobre todo a segunda, pero acabaron sendo o eixo da política do BNG durante practicamente vinte ou vinte cinco anos conseguindo ademais unir aos que nos tiñamos separado.
 Sexta experiencia. Mais de novo o éxito foi un problema. Algúns deberon pensar que o BNG era unha creación súa que se lle ía das maos. Efectivamente o BNG empezaba a ter vida de seu, a xerar ideas propias e a navegar por libre. E isto era un problema. Volveron as ansias de control e substituíse o consenso polo mobbing contra quen non entraba polo aro e pola  guerra interna dirixida ao control da organización e dos cargos institucionais. Nesta guerra caeron moitas persoas e outras desertamos. Sen embargo , pasaron anos sen que isto tivera como consecuencia unha resposta  colectiva para facer política fora do BNG. Se cadra porque pesaba demasiado a mala experiencia de anos anteriores e os cargos institucionais  e/ou porque o compromiso co pais entendíase como o mantemento da unidade.

Sétima  experiencia . Aconteceu o que inevitablemente tiña que pasar pero non hai preocupación no nacionalismo oficial. “Son uns poucos e fora do BNG vai moito frío” era o que se acostumaba a dicir .  Dende o seu illamento esqueceron tres cousas: a primeira que neste pais, se queres facer algo, tarde ou cedo tes que saír ao frío. A segunda que hai xente que ademais de pensar nos cargos pensa no pais. E a terceira que aínda quedan persoas que fan política en lugar de vivir da política. .... E xurde a proposta de Beiras para facer unha coalición ampla co fin de derrotar ao PP . Desde a súa posición política actual cara á que ten evolucionado nos últimos tempos, non deixa de ser a versión actualizada da súa estratexia de vinte anos atrás. Era ademais o que o pais necesitaba e demandaba neste profunda crise co fin de abrir unha nova etapa política. Malia que non callara como se propuxo. Agardo que se volva retomar pasadas as eleccións. Pero callou o suficiente para ofrecer unha alternativa á cidadanía . Do seu éxito ( e tamén en certa medida da capacidade de CxG para obter representación ) depende a derrota do PP porque esta non pode vir dun PSOE e BNG á baixa.
Pero, sobre todo ponnos na historia de novo. Mentres en Catalunya e Euzkadi se preparan para pasar a unha nova etapa con reconfiguracions nas posicións das súas forzas políticas que conducen á súa vez a unha reformulación das alianzas e do mapa político, en Galiza todo indicaba que iamos seguir impasíbeis se cadra para darlle a razón aos que pensan que somos conservadores, incluso na esquerda. So a irrupción da Alternativa Galega de esquerdas abre un novo escenario e chama a iniciar unha nova etapa que pode ilusionar de novo.

comentarios