22 mar 2011

Cada un anda ao seu … menos eu que ando ao meu ( ou as aparencias enganan)

Hai anos recorrín algunhas parroquias do rural facendo asembleas sindicais. Aprendín moito, sobre todo xeografía. Mais tamén aprendín que as aparencias enganan. Cando había unha asemblea para chamar a xente a calquera mobilización, sempre aparecía unha persoa que , ao pouco dicía: “Non somos unidos”. Inicialmente parecíanme persoas que realmente estaban chamando á unidade. Qué grave erro!. A persoa en cuestión ( case sempre de ideoloxía de dereitas e mesmo militante político ) o que quería era fomentar o desanimo. Enfrontabamos, como podiamos, esta primeira andanada. Axiña, outra persoa saia de novo  “o tema é moi importante “ . Ben !, pensaba eu, un que esta apoiando. Mais axiña me decataba do erro, cando a persoa en cuestión continuaba: “debiamos ir todos, pero total imos ir só uns poucos”. Si a asemblea seguía e o animo era bo ( mais por sentido común dos/as asistentes que pola capacidade de convencemento de un), outra persoa ( as veces a mesma) cambiaba de terzo: “Este goberno é “malo” .Este si que é dos nosos- pensaba eu- mais entón soltaba o argumento definitivo: “pero non vai ceder, non imos conseguir nada”. Chegado a este punto, a min non me era doado manter o animo, mais afortunadamente a xente tiña mais experiencia ca min e xa sabia o que había detrás de cada un destes argumentos. O obxectivo era o contrario do que se manifestaba cara fora.
Lembrei isto asistindo o domingo a manifestación pola derrogación da lei de Augas. Vin alí algúns cargos públicos que parecían facer visible o apoio da súa organización política á manifestación. Mais non vin aos afiliados/as desta organización. As aparencias enganan. Eu creo que a manifestación realmente non tivo o apoio das organización política e sindical nacionalista ( so dalgún colectivo da mesma), nin sequera das organizacións ecoloxistas. E isto non o digo para criticar ( bo,  é unha critica á hipocrisía), senón para facer unha pregunta ¿Por qué ?  ( eu non acabo de entendelo)
Pero non só neste caso enganan as aparencias. O mesmo domingo unha enquisa sobre a enerxía nuclear amosaba o mesmo. Resulta que mais do 50% da xente cree ( ao parecer ) que a enerxía nuclear é segura. Pero mais do 70% desa mesma xente non a quere preto da súa casa. Ou sexa que a realidade parece ser así: “quero manter o meu nivel de vida e consumo, para iso din que é necesario a enerxía nuclear.... pero que a soporten outros”.
Enganan as aparencias en moitas loitas que se fan ultimamente. Detrás dunhas  reivindicacións supostamente  para o conxunto da poboación ocultase a defensa do status particular. Non vos fixades que , agora, calquera medida que se queira tomar choca co mesmo argumento : “pérdense postos de traballo”. A min este argumento lémbrame o que utilizaban as persoas das que falei nas asembleas labregas. Non se pode prohibir o tabaco porque se perden postos de traballo ( é igual que morra a xente, iso non importa); non se pode deixar de queimar carbón porque se perden postos de traballo ( aínda que sigamos contaminando), etc. etc. Pero ¿ realmente son os postos de traballo o que importa?
Tamén as aparencias enganan en canto as razóns da guerra en Libia, pero diso xa nos damos conta todos/as, aínda que nos fagamos os parvos.

15 mar 2011

Xapón ... e nós.

Todos e todas estamos atentos ao que pasa en Xapón. E penso que nos fai pensar. Hai tempo que veño explicando aos meus alumnos e alumnas que é necesario ter “coeficientes de seguridade” porque nunca sabemos como vai respostar a natureza. Alguén dixo unha vez. “Pero si isto ocorre unha vez cada cincocentos anos, daquela non necesitamos preocuparnos”. “Claro- contesteille- ¿pero ti sabes cando empezaron a contar eses cincocentos anos?. Ao mellor estamos xa no 493”. Iso parece que o esquezamos. Parecenos que a vida da terra e os fenómenos naturais redúcense á nosa experiencia vital, e , todo mais, á dos nosos antepasados recentes. Mais non é así
O que ocorre en Xapón tamen é moi importante para o futuro enerxético do mundo. En concreto para o futuro da enerxía nuclear. Somos moitos e moitas os que estamos en contra diste tipo de enerxía. O que esta ocorrendo debería “darnos a razón”. Mais é patético ver como os defensores /as da enerxía nuclear, aínda, hoxe mesmo, teñen argumentos para dicir que é segura.
Nesta primeira década do século XXI, teñen acontecido feitos que deberían cuestionar a nosa forma de vida, o noso sistema político e económico. Mais, tamén en plena crise económica que cuestiona o propio sistema, vemos como a maioría da xente pensa continuar igual. Todo mais , metese a cuberto, esperando que pase a treboada. Mais pode ser que o rio medre , mentres tanto, e nos leve por diante. Espero que non, eu non son pesimista. O que me preocupa é a actitude da xente que nos consideramos de “esquerda” ou que parece que queremos un mundo “mellor”.
Porque, con todo o que está caendo, crise económica, crise nuclear, crise ambiental, crise enerxética, ... as organizacións de esquerda ou progresista parecen incapaces de atraer a xente ao seu carón. Ao contrario parece que medra a extrema dereita. ¿Cal pode ser a razón?
Para min son varias. Unha delas é desde logo á que fai referencia Mia Couto: “estamos sendo vítimas de um longo processo de desresponsabilização ”.
Exprésao tamén Chika A. Onyeani ( citado por Mia Couto) Queixamo-nos até à náusea sobre o que os outros nos fizeram e continuam a fazer. E pensamos que o mundo nos deve qualquer coisa. Lamento dizer-vos que isto não passa de uma ilusão. Ninguém nos deve nada. Ninguém está disposto a abdicar daquilo que tem, com a justificação que nós também queremos o mesmo. Se quisermos algo temos que o saber conquistar. Não podemos continuar a mendigar, meus irmãos e minhas irmãs.
Un destes dias EL PAIS publicaba un inquerito. Preguntaba sobre si a xente estaba a favor ou en contra de determinadas medidas para reducir o consumo enerxético. Pois ben. A xente estaba esmagadoramente a favor das medidas que tiñan que tomar outros ( reducir iluminacion en edificios publicos, reducir coche oficiais, ..), mais a porcentaxe equilibrabase e mesmo pasaba a ser maioritaria a porcentaxe de persoas que estaban en contra das medidas, cando estas lles afectaban directamente ( utilizar os coche só en dias alternos nas cidades, limitar a velocidade, por exemplo).
Por qué actuamos así. Como dicia alguen pola radio, a nosa xeración fumos bos mozos/as ( fillos, literalmente) pero moi malos adultos ( pais , literalmente). E verdade . Entre todos e todas creamos unha sociedade onde a xente cree que alguen lle debe algo. Seran os “politicos”, seran os “bancos”, seran “os ricos” serán “os catalans” ou “os alemans”.
E aceptamos que nos dividiran. Conscente ou inconscentemente, sabemos que moitos traballadores/as vivimos ben a contra de outros/as traballadores/as. Non por qué os explotemos., senon porque nos beneficiamos da distribución da riqueza que fan os que dominan o sistema. E fano de xeito que permiten que unhos vivan mellor para ter  "controlado“ as sociedades do centro a conta das da periferia. Hai anos lendo ao sudafricano Hosea Jaffe, soupen da sua teoria de que, no appartheid, os traballadores brancos mesmo non xeraban plusvalia para os seus empresarios. A plusvalia xerada polos traballadores/as negros/as era tan brutal que o empresariado podia permitirse pagar aos traballadores/as brancos/as por riba do valor do que producian.
E nós no fundo somos conscentes deso. Creemos que o noso "nivel de vida“ depende mais "dos que mandan“ que dos nosos compañeiros/as. E por iso autoconvencémonos que nos deben algo e que a nosa loita consiste en pedirllo.
E asi seguimos agardando a que pasen as crises coa esperanza de que nos afecten. o menos posible.  Mais , supoño, outro mundo é posible e tamen outra forma de facer as cousas. Mais iso esixe poñer en custion o nosos sistema de vida e o noso modelo de desenvolvemento economico. Ou sexa que , se hai crise enerxetica, afrontala desde nós mesmos/as e non agardando a que "aforren outros“ ou que as centrais nucleares se poñan na India.

1 mar 2011

Os orzamentos participativos e a miña experiencia persoal


Nos cargos de responsabilidade que tiven ate o momento, apliquei por norma os orzamentos participativos nas miñas áreas de responsabilidade. Os orzamentos participativos son unha especie de bandeira para sectores da esquerda, (fundamentalmente a altermundista ,dáme a impresión aínda que podo estar equivocado) . En todo caso, as referencias históricas din que naceu  en 1989, en Porto Alegre, Brasil, coa chegada ao poder do Partido dos Traballadores (PT).
No meu ámbito de actuación vímolos aplicando desde un pouco antes,  se cadra,   aínda que non lle chamamos orzamentos participativos.  Por norma, abríase un prazo para que a xente fixera propostas de gasto e en función das peticións ordenábase por prioridades e despois debatíase na Xunta de Centro para ser aprobado. O noso labor era pois o de dar forma as peticións da xente e tratar de cumprilas con criterios de equidade e xustiza.
Mais tarde aplicámolo na Dirección e na Vicerreitoría. Sendo un modelo de orzamento participativo nunca tiven interese en dicirlle á xente que a nosa forma de actuar se encadraba neste modelo da esquerda latinoamericana. O que mais importa e que sempre foi ben recibido a dereita e a esquerda e creo que funcionou correctamente ( se ben eu faría varias críticas- autocríticas- ao mesmo).  De feito, normalmente continuouse facendo cos novos responsábeis agás que, conscientemente, alguén quixera desmantelar o procedemento ( habitualmente en contra da opinión maioritaria da xente).
Fago estas consideracións porque creo que cada un debe contar as cousas que viviu.  Se non se fai pode ser que as versións interesadas acaben por terxiversar a historia. Estouno comprobando , por exemplo, coas Comisións Labregas que, ao caer en desgraza en determinados ambientes, acabase , neses mesmos ambientes, por falsear ate a historia.
Pero tamén o digo para lembrar que non aprendín a facer orzamentos participativos de ningunha esquerda latinoamericana, senón de un Director do meu Centro que pouco ou nada tiña que ver con ela e que me propuxo ser secretario hai xa mais de vinte anos. Isto, para min, quer dicir que en Galiza temos vida propia e ideas propias. Necesitamos un pouco de autoestima ...e se cadra ver con perspectiva mais ampla a nosa estrutura social e política, mesmo ( vou dicir unha barbaridade ) o caciquismo. Mais que nada para non caer no caciquismo de novo cuño que nin sequera ten algúns mínimos aspectos positivos que tiña o vello.
Non coñezo experiencias de orzamentos participativos nos concellos galego. Non sei si existen. Si as hai son poucas e pouco significativas. En todo caso, non as hai nin as houbo no meu concello, a pesares de que na ultima década ( algo mais) os orzamentos estiveron estivo baixo a dirección do PSOE e do BNG. 
Sen embargo si coñezo experiencias de gobernos da dereita que, ao meu modo de ver, se achegan ao modelo de orzamentos participativos. Hai anos chamoume a atención un feito. Unha das maiores criticas ao sr. Cacharro Pardo, cando era presidente da Deputación de Lugo,  era o a plan de cooperación coas comunidade veciñais que, ao noso entender,  constituía unha dos exemplos mais salientábeis de caciquismo. Sen embargo eu sempre crin  ( e así o dixen  nalgunha ocasión) que ese plano non era senón unha variante dos orzamentos participativos que, curiosamente, sempre favorecía aos do PP, iso si.  ¿ Por qué?. Se cadra porque estaba pervertido e... tamén, recoñezámolo, porque o PP tiña ( e ten) unha amplísima base social e súa xente é moi activa.
E dicir que ate os orzamentos participativos poden perverterse. Por iso, convén analizar estas experiencias sen prexuízos, se cadra para non reproducir actuacións semellantes nas institucións ( ou peores porque a veces practicase o caciquismo sen participación).
En resumidas contas para que unha cousa funcione hai que ter un bo método de traballo.... e unhas persoas que o interpreten con intelixencia e honestidade. Nas matemáticas falase a miúdo das condicións necesarias pero non suficientes. Este é un concepto moi útil e interesante na actuación social. Os orzamentos participativos por exemplo son unha condición necesaria mais non suficiente para que a participación conduza a resultados xustos para o conxunto da sociedade e para non caer en caciquismos de novo cuño. Mais, se cadra, a condición de suficiencia é proporcionada pola ausencia de caciques ( sexan de dereitas ou de esquerdas) na súa xestión e pola presenza dunha base social que mire un pouquiño máis aló do seu interese inmediato

comentarios