Nestes días estou a matinar sobre como dar as
clases no próximo curso. Normalmente estudamos o comportamento das trabes
sometidas a cargas. Para facelo as veces representámolas cunha liña, outras
veces cunha sección. Pero as trabes teñen tres dimensións. Os programas de cálculo
de estruturas nas computadoras xa as estudan tridimensionalmente. Mais non é
doado que o alumnado vexa as trabes nas súas tres dimensións. Élles mais doado
interpretar a simplificación das dúas dimensións. Pensaba nisto, cando foron as
eleccións europeas. E pensei: tamén as eleccións se interpretan nunha ou , como
moito , en dúas dimensións. E hai máis. Se cadra podo tratar de explicar a miña
opinión axudándome dos tres eixos do espazo. Vouno intentar.
Na sociedade e na política, como na realidade
, tamén hai varias dimensións. Polo menos tres. O espazo político e social en
Galiza viría definido cando menos por tres eixos. A dimensión nacional ( que
mide o grao de nacionalismo e/ou galeguismo), a dimensión social ( na que se
mede esquerda –dereita) e a dimensión da participación e dos intereses
transversais comúns para o planeta ( na
que se mede o posicionamento respecto das cuestións transversais :grao de
democracia e participación, dentro e fora das organizacións, o ecoloxismo, o
feminismo, etc.), Isto é así porque ningunha das dimensións pode explicar por
si soia a ideoloxía das persoas ou dos colectivos. Hai nacionalismos
liberadores e hai nacionalismos imperialistas. Hai esquerdas pouco democráticas
e dereitas nacionalistas. Hai persoas de esquerdas que non entenden o feminismo e hai persoas de dereitas que son ecoloxistas.
O achegamento a un proxecto político non é
unidireccional. Despois de case corenta anos, teño observado como o achegamento
a unha organización política faise desde posicións ben diferentes dende calquera
das tres dimensións. Si se corta o camiño de entrada por algún lado, o proxecto
político dificilmente será maioritario entre a cidadanía. E hoxe en dia non é posíbel
poñer en marcha ningunha idea ou proxecto que non conte co apoio da maioría da
poboación. Por iso de nada vale derrotar aos/as votantes do adversario/a (
noutros tempos seria o exercito inimigo) , o único camiño é conseguir o seu
apoio.
Pois ben o nacionalismo galego hai varias décadas
constituíu o BNG que se situou no espazo político atendendo as tres dimensións
cun proxecto innovador practicamente en todas elas. Isto levouno a un grande
apoio popular, ate que a confluencia de dous feitos iniciou o seu declive. O
primeiro foi que os poderes fácticos da UPG sentiron a vertixe e iniciaron a
restauración da vella orde ( control) dentro da organización e nos movementos
sindicais e sociais ( tentando convertelos en correas de transmisión). Así o
BNG deixou de moverse no eixo da democracia e a participación. O segundo feito,
foi que, se cadra cegados polo crecente poder institucional, o BNG deixou de
moverse no eixo esquerda-dereita para centrar toda a súa identidade no dimensión
nacionalismo ( ou galeguismo).
O resultado da combinación deste dous feitos
xa se coñece. O retroceso no apoio social e o avance na súa conversión nun partido do sistema. E
nisto chegou a crise económica, e o 15-M e xorden ANOVA e CxG. As tres forzas
nacionalistas resultantes do proceso actúan de xeito diferente.
O BNG opta por tratar de relocalizarse de novo
na dimensión esquerda-dereita e non tanto no eixo da participación e da
democracia. Pero sobre todo marca os limites para a súa localización no eixe
nacionalismo- non nacionalismo ( e tamén,
en menor medida, no eixo esquerda-dereita). E , como todo mundo sabe, cando se
limita a localización nun ou dous eixos, limitase a localización no espazo,
neste caso social e político. E si iso fai con contundencia para controlar as
entradas e saídas no subespazo ocupado, conduce a un illamento do resto da cidadanía
que se traduce en resultados electorais e en incidencia social.
ANOVA pola súa banda volve tratar de situarse nas tres dimensións e por iso ten éxito. Mais
en certa maneira tamén limita o seu subespazo, nomeadamente no eixo esquerda-dereita
e sobre todo non atina moito á hora de localizarse na dimensión da
participación interna e externa, se cadra porque non é doado desprenderse dos
vellos modelos. O subespazo que está determinado por este eixo, no que ANOVA-
polo momento- non se situou axeitadamente, é o que acaba de ocupar agora
PODEMOS.
Finalmente CxG tamén trata de situarse nas
tres dimensións, pero así mesmo nun subespazo
limitado no que agora mesmo non hai apenas xente.
Os poderes económicos ( antes diciamos a burguesía)
poden ter un proxecto nacional mesmo movéndose nunha soa dimensión ( mais ou
menos nacionalismo) porque non necesita das outras dúas para construílo.
Necesita que a maioría da poboación os siga, e iso pode conseguirse
conxunturalmente por motivos moi concretos, pero só a vai ter en conta para acadar os seus
obxectivos. Despois será esquecida ( lembro agora a película de “Queimada” ).
Sen embargo cando un proxecto nacional nace
das clases desfavorecidas, como un xeito de liberación social, non é posíbel construílo
sen o apoio activo e o compromiso da maioría da poboación, continuado no tempo,
e para iso non queda mais remedio que
moverse nas tres dimensións do espazo social e político porque a xente está
dispersa nese espazo e si se achega ao proxecto nacional farao a partir de
calquera delas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario