13 nov 2012

o parlamento galego e o dereito de autodeterminación




Neste días hai compañeiros/as que están consternados/as polo feito de que, ao parecer, a presenza do nacionalismo no Parlamento Galego é menor que hai catro anos.
Desde o meu punto de visto isto é non decatarse de que se está iniciando unha nova etapa e analizar con vellos esquema as novas realidades. Mais en todo caso, quixera facer un exercicio de practica política virtual.
O único nacionalismo existente ate o momento no Parlamento galego nunca se declarou independentista. A súa proposta estratéxica sempre  foi o recoñecemento do dereito de autodeterminación e o exercicio da soberanía , entendido como un proceso que se vai concretando sobre a marcha. No ano 2006 o BNG fixaba como “obxectivos estratéxicos” a consecución dun estatuto de nación e un estado plurinacional. No 2012 dicía que a  soberanía debe concretarse, a través do exercicio de autodeterminación, remitíndose a que o pobo galego decidira si isto debería  conducir a unha nova articulación do estado ou a independencia. No ultimo programa electoral só se propón o recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte a súa condición de nación.

Pola súa banda AGE, no seu programa electoral indica que, na Galiza, a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico. E engade que dende as institucións, é preciso pular pola liberdade, igualdade e fraternidade para a cidadanía e polo exercicio da soberanía plena para a nosa nación: “liberación nacional e social son indisociábeis nunha nación sen estado”.
Sentadas as bases “escritas” das dúas alternativas hoxe presentes no Parlamento Galego, fagamos un exercicio de política ficción. ¿Qué ocorrería se alguén presentara no Parlamento unha proposta pola independencia de Galiza no ano 2011?. Si nos atemos aos principios programáticos e ao programa electoral, o grupo parlamentar do BNG non tería mandato para votar a favor. Supoñamos en todo caso que deixara liberdade de voto e todos/as os seus deputados/as votaran a favor. Habería todo mais 12 votos pola independencia.
Supoñamos que esta mesma proposta se fai no 2013. O BNG está a mesma situación e o mesmo ocorrería agora en AGE, só que nisto caso dentro dela si hai forzas que son programaticamente independentistas. Supoñamos que deixa liberdade de voto e que os parlamentarios/as de ANOVA votan a favor e os de EU en contra. En total 11 votos a favor como máximo
Fagamos agora unha nova suposición. ¿Qué ocorrería se alguén presentara no Parlamento unha proposta a favor do dereito a decidir dos galegos e galegas no ano 2011?. Neste caso, o grupo parlamentar do BNG sí tería un mandato claro e programático : debería votar a favor. Polo tanto 12 votos. Supoñamos que esa mesma proposta se fai no 2013. O BNG están a mesma situación. Agora tamén AGE no seu conxunto ten un mandato claro a favor. Polo tanto deberían sumar os seus 9 votos. En total 16 votos.
Resumindo. A correlación de forzas a favor da independencia no parlamento galego púidose reducir nun deputado/a ( non se pode asegurar) a respecto da anterior lexislatura , mais a correlación de forzas a favor do dereito a decidir, que representa o programa máximo do nacionalismo galego actuante no parlamento galego ate hoxe,  incrementouse en catro deputados/as. Que cadaquén interprete o que queira.

8 nov 2012

Nun mundo de bos e malos. Hoxe: os medios de comunicación



Pasan os días e observo como existen sectores do nacionalismo que en lugar pararase a realizar unha análise da situación política, enrócanse cada vez mais nas súas posicións. Xa teñen os dous malos oficiais: Beiras e “La voz de Galicia”. Calquera análise pasa por demostrar o malos que son. Non vale a pena falar do malo que é Beiras ( é malo, malo, malo, ... malísimo) pero si dos medios de comunicación.

Os que aprendemos marxismo con Marta Harnecker ( por certo vale a pena ler os seus escritos actuais ) comprobamos co tempo que efectivamente tanto o estado como os medios de comunicación non son neutrais. Diriamos coa terminoloxía daquela que son instrumentos ao servizo dunha clase. Iso non quer dicir que  uns non sexan mellores que outros, mais obxectivos, mais sensíbeis as aspiracións da xente, ..pero non perden a súa natureza básica.

Para evitar asumir os erros seguimos, coma sempre,  desresponsabilizandonos e entón buscamos un culpable. Existen moitos onde elixir. Unha vez atopado, é cando se buscan os argumentos. Sempre hai motivos e argumentos para todo ( mesmo para cuestionar a Darwin). Inevitablemente, para estigmatizar ao culpable previamente definido, é necesario esaxerar o “mal que nos trata” , os defectos e mesmo velos onde non os hai.  E aí xorde o problema, porque como a maioría non ten decidido que o culpable elixido por nos sexa tal, normalmente ten unha visión menos mediatizada . E entón as criticas acaban desacreditando aos criticadores/as. E conseguimos o efecto contrario ao pretendido

¿ Qué sentido ten queixarse do tratamento dos medios de comunicación ?. Iso é como aqueles que lle botaban a culpa de que non houbera boas carreteiras en Galiza a orografía. A orografía está aí ( e os medios de comunicación tamén) e hai que contar con ela e actuar en consecuencia, pero non queixarse. Porque ¿qué queremos dicir cando nos queixamos? ¿qué somos merecedores/as dun mellor tratamento pola súa banda, é dicir, que nos portamos ben? Aínda que dito para outro caso e noutras circunstancias , compre lembrar ao poeta: “xamais virá de fora remedio nin esperanza” . E mentres non comprendamos isto, aviados vamos.

Nos últimos tempos téñense intentado crear medios de comunicación alternativos aos existentes que en xeral fracasaron, desde o meu punto de vista polas mesmas razóns que se fracasa electoralmente. Non pretenden recoller a opinión da maioría social, senón “transmitirlle” a maioría social a opinión da “vangarda” ou no mellor dos casos dun certo sector, mais ou menos ampla. Os sexa que acaban dirixíndose aos seus e ao final acábano lendo os/as mesmos/as, e dicir, hoxe en dia, unha minoría. Con isto non quero dicir que sexan necesario ( moi necesario) medios de comunicación dirixidos a un sector concreto, mais eses cumpren outro papel. Non son alternativa aos grandes medios.
Será preciso busca outras alternativas, se cadra xa as hai  e cumpriría exploralas. Claro que si pensamos que detrás delas están a CIA e os servizos secretos ….. Entón , xa non sei.

comentarios