11 oct 2011

nacionalismo e autoestima


Sentímonos nacionalistas cando nos sentimos humillados/as. O noso nacionalismo disparase cando creemos que nos fan de menos. Mesmo si nos din que non falamos ben o castellano, que ben pensado podía ser un motivo de orgullo. Ou cando se nos di que non nos definimos…. característica do noso carácter que ten aspectos, ao meu entender, moi positivos.
Pero o noso non é un nacionalismo baseado na autoestima. Onde realmente estamos a gusto é cando un Banco deixa de ser galego ou cando os investimentos públicos non son os que queremos ou cando non estamos ben comunicados con Madrid.
Si o pensades ben, o noso nacionalismo non consiste na aspiración a construír unha nación, por nós mesmos/as e cos nosos propios medios. Orgullosos/as do que somos, de cómo somos e do que queremos ser. Reivindicando o estilo de vida e a nosa forma de entender o mundo.
O noso nacionalismo converteuse en localismo. O noso obxectivo é reclamar a Madrid. Vivimos en función de Madrid. Ate o obxectivo declarado do nacionalismo para estas eleccións é sinxelamente : “denunciar en  Madrid …….”
Cando en mais dunha ocasión dixen que o AVE a Madrid non debía ser unha das nosas prioridades senón a comunicación con Asturias e Portugal, sempre se me mirou , digamos que atravesadamente. O AVE a Madrid, para que nos relacionemos mellor coa capital de España é hoxe unha das loitas onde mais fincapé fan os nacionalistas.
Para min un nacionalista debe aspirar sempre a ter un estado propio. Aínda que  non queira separase. Aínda que o seu sexa un proxecto unitario ( tamén o nacionalismo pode ter un proxecto unitario). Por iso , ao meu entender, o que distingue mais claramente o nacionalismo do localismo é a política exterior. Un/ha nacionalista que aspira a ter estado propio ten que ter en mente un proxecto de inserción no mundo, unha determinada política exterior ( con quen relacionarse e como relacionarse).
¿Alguén albisca, aínda que só sexa como unha punta do iceberg, a política exterior do nacionalismo galego? ¿Alguén albisca se o seu proxecto vai máis aló de “reivindicar fronte a Madrid” ? ¿ Por que un Banco ten que ser só galego e non pode ter alianzas exteriores?
Foi esa política localista  e seguidista ( querer ser como os ricos de Catalunya ou Madrid) a que guiou a posición do nacionalismo político maioritario sobre as caixas de aforros, co resultado  tan  nefasto como o que temos. Se cadra non había moito mais que facer, pero ¿por que unha estratexia de alianzas exteriores ia ser peor que esta?
Como outras veces, gustaríame estar equivocado . Que alguén me convenza do contrario …. por favor !

A medias


Teño a impresión de que ultimamente quédannos as ideas, e as frases que as expresan, a medias. E deixar as ideas a medias non é bo. Poñamos por caso, os partidos ( de esquerda que son os que me interesan) din : hai que sacar moitos votos para poder facer as transformación sociais requiridas. Pero ao cabo do tempo a idea e frase queda:”hai que sacar moitos votos”. Ao cabo tempo si seguimos así xa non saberemos para qué.
Outra idea: “os bancos e as empresas deben ter o centro de decisión en Galiza para que os Galegos e as galegas `poidamos incidir e influír nas súas actuacións”. Mais, co tempo, a idea a medias queda:”os bancos teñen que ter o centro de decisión en Galiza” aínda que os/as que decidan nada teñan que ver coas aspiracións e os intereses da maioría dos galegos/as. Outra mais:” e necesario o investimento publico para reducir as desigualdades sociais e  xeralizar os servizos públicos que afectan á maioría”, pero no debate quedou “ e necesario mais investimento público” ( doado de retrucar dicindo : estase despilfarrando)
Ao quedar as ideas a medias o medio convertese en fin. E iso polo xeral non é bo. En matemáticas hai condicións que deben cumprirse para chegar a determinadas conclusións. Pero, en matemáticas, é fundamental distinguir entre as condicións que son necesaria e suficientes, das que son necesarias pero non suficientes. No primeiro caso ao cumprirse a condición a conclusión conséguese. Diriamos que o medio é necesario mais tamén suficiente para acadar o obxectivo.
Sen embargo cando unha condición é necesaria pero non suficiente, cumprila non conduce necesariamente ao obxectivo perseguido. Na nosa vida , na actividade social case todos os medios non cumpren a condición de suficiencia para acadar o obxectivo proposto.
Sen embargo os programas electorais centrase nos medios:”crear unha oficina para …”, “facer un plano para …” Así o debate volvese opaco porque parece que todos/as perseguimos os mesmos obxectivos e só nos diferenciamos nos medios. Maiúsculo erro. O que nos diferenza ideoloxicamente son os obxectivos.
Neso a dereita é máis practica. Sabe cal é o seu obxectivo e emprega o medio mais acaído en cada momento. Como na vida real. Para labrar unha leira, non se pode nin se debe utilizar a mesma maquinaria. Depende do tipo de solo, da pendente. Mais tamén do tempo climatolóxico e mesmo das colleitas anteriores. Grande parte do éxito da colleita consiste en saber empregar a maquinaria axeitada a cada caso. Non hai un único medio para conseguir os obxectivos, hai múltiples e son cambiantes co tempo e o espazo.
Por iso, vexo que un dos grandes problemas de que a dereita estea impoñendo a súa ideoloxía e porque non debatemos sobre os seus obxectivos, senón sobre os seus medios. E aí ábrese paso na xente a idea : “a dereita sabe administrar mellor a economía”. Pero a idea de novo queda a medias. Si nos centraramos nos obxectivos debería ser :”a dereita administra mellor a economía para que se beneficien uns poucos”
E así estamos, debatendo sobre uns retiros millonarios nas caixas de aforros que , non sexamos hipócritas, xa coñeciamos. O que pasa que todos/as estabamos pelexando polas migallas dunha subvención para unha actividade social ou cultural nun concello. E o outro …. Mellor pechar os ollos. Non critico a quen buscaba estas subvencións, só digo que non sexamos hipócritas.
E cal é a razón, pois volvo ao comezo deste barrene, porque “hai que sacar votos” ….para qué ?  Boa pregunta..

comentarios