11 ene 2011

outros marcan os obxectivos, nós debatemos como acadalos


O normal nesta vida é fixar cal son os obxectivos a acadar e tentar facelo. Mesmo se non o conseguimos, o camiño en si xa vale a pena case sempre. En certa maneira o camiño é a meta. Pero todo isto ven a conto de que teño a impresión de que caín, ou mellor caemos, na trampa.
A min paréceme que na nosa vida diaria e colectiva case sempre estamos preocupados/as ou debatendo sobre o xeito de acadar os obxectivos. E tan centrados estamos nisto, que deixamos que sexan outros quen marquen estes obxectivos. Así vexo como a esquerda debate sobre cómo aumentar o PIB e aumentar o desenvolvemento económico. Mais ¿quen inventou o PIB? ¿quen decidiu que aumentar o PIB é o obxectivo?
Na nosa vida diaria pásanos o mesmo. Estamos continuamente preocupados/as polos cartos e por consumir. Pero ¿ quen decidiu que a nosa vida ten como obxectivo consumir e acumular cartos?
O exemplo máis claro témolo na universidade. Agora as políticas universitarias consisten en propoñer o mellor xeito para conseguir a “excelencia”. E dicir en estar mellor situados no ranking de universidades. Máis ¿ Que decidiu que é a excelencia? ¿quen elixiu aos que elaboran os rankings? ¿Quen decidiu os criterios cos que se elaboran? Mesmo  ¿Quen decidiu que hai que ser excelente ou estar mellor clasificados nun ranking é o obxectivo a acadar?
O peor é que mentres nos seguimos pelexando por chegar a os obxectivos que outros marcaron para nós, eles xa están pensando en novos obxectivos, mesmo apropiándose ou desvirtuando as propostas máis lucidas (por exemplo  o abandono do PIB como indicador e guía das políticas económica é xa asumido por Sarkozy e/ou Cameron)
Dicía Antoine de Saint Exupery que para ver claro hai que empezar por cambiar a dirección da mirada. Efectivamente de tanto mirar e centrarnos nos obxectivos que outros marcaron xa vemos todo borroso e non sabemos cara onde ir.
O outro dia vin  na 2 o documental sobre a obsolescencia programada e cada vez estou máis convencido que os/as que defenden o “decrecemento” teñen razón no fundamental.
En todo caso, ¿non será mellor que debatemos sobre os obxectivos que temos que acadar para conseguir un consenso persoal e social neso en lugar de debater cómo facer mellor para acadar os obxectivos que outros marcaron?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentario

comentarios