de anos. Non sei se tantos mais uns centos si os ten
Nas ultimas semanas falando con persoas coñecidas sobre un tema “pouco” actual, o referendo catalán, acostumaba dicirlles: “o Estado Español acabará mandando a Guarda Civil, a policía e quen sabe se o exército para impedir pola forza que se celebre o referendo”. Para a miña sorpresa, ninguén compartía esta reflexión. É mais, dicíanme que iso era case imposíbel e , desde logo, moi improbábel. E digo que me sorprendía porque había que pechar os ollos á realidade para non ver nin escoitar como as/os comunicadoras/es desde a practica totalidade dos medios ( agás nunha parte dos cataláns e vascos e algunha excepción galega ) estaban preparando a opinión pública española para que apoiara ou cando menos xustificara unha medida de forza contra Catalunya. Facíano os da dereita mais extrema de maneira descarada e fanática, pero tamén os supostos”progres” de maneira hipócrita e mesmo cínica, aínda que nos ultimos dias xa todos/as se quitaron a careta de demócratas e pasaron a defender con agresividade que as leis están por riba da moral, da xustiza, da democracia e dos dereitos. E algunha persoa das que coñezo aínda lles seguía o xogo. Podo entendelo na xente nova a quen por desgraza non fomos capaces de explicarlles que o aparato do Estado está dominado por unhas clases sociais que llo impoñen ás outras. Como consecuencia, a democracia non é unha categoría absoluta, é dicir que non se trata de saber si unha sociedade é democrática ou non o é, porque inevitabelmente todas teñen parte de democracia e parte de ditadura. Do que se trata é de saber que grao de democracia e que grao de ditadura existe nunha sociedade . E na nosa, o grao de democracia non é moi grande por moitos motivos. Entre eles o feito de que nunca se rompeu de facto co franquismo porque, entre outras cousas, algunhas forzas que se chaman de esquerdas pactaron cos franquistas e os seus herdeiros.
O que pasou o domingo en Catalunya non é unha excepción, senón a verdadeira esencia deste sistema político que nos tocou vivir. Afortunadamente quen dirixiu o operativo do referendo semella que actuou como si estivera na clandestinidade e utilizou os métodos que utilizaban as/os demócratas daquela para facer chegar urnas e papeletas aos centros de votación e para defendelos.
Pero o que me preocupa, desde a perspectiva dun galego con ideoloxía nacionalista , é que tampouco nos decatemos de tres evidencias mais que, ao meu entender, nos deixa o que pasou o dia 1 de outubro en Catalunya.
A primeira é desmitificar a vía do referendo como o ideal para acadar a independencia, ou calquera outro obxectivo. O poder e aqueles/as que se resisten ao cambio só van deixar facer un referendo en condicións se teñen bastantes garantías de gañar ( aínda que as veces lles saia mal). Se non teñen estas garantías non o deixaran facer e recorreran á represión na medida en que o precisen e coa brutalidade que crean necesaria.
A segunda é que os obxectivos sociais e políticos que signifiquen cambios substanciais nunha sociedade non se conseguen con actos puntuais, aínda que poden ser moi necesarios. Conséguense mediante un proceso , como ben o definiron en Catalunya, mais curto ou mais longo. Posibelmente no caso galego sexa longo, aínda que nunca se sabe os aceleróns que da historia. Pero longo ou curto non chegaremos nunca se non temos unha meta e se non definimos os obxectivos parciais do noso propio proceso. Malo será que non consigamos abrir camiño neste terreo. Pero haberá que poñerse a elo algún dia.
A terceira é que seria un erro imitar cada proceso. Euzkadi e Escocia seguen cada un o seu, Catalunya tamén se marca un camiño propio que vai adaptando en función das circunstancias. En Galiza teremos que marcar unha vía propia, pero non coñezo ningunha “folla de ruta” que se teña formulado desde ningunha instancia, sexa nacionalista ou non ( neste caso era de agardar), sexa independentista ou non. Tamén neste caso, malo será que non consigamos abrir camiño neste terreo.
Lugo 2 de Outubro de 2017
Xoan Carlos Carreira Pérez
|
2 oct 2017
Referendo catalán: o que sabíamos e as reflexións que nos trae.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
comentario