Señoras e
señores comunicadoras/es, tertulianos/as e comentadores/as da SER,
Cuatro, La Sexta, e demais medios e xornais “progres” que están
na mesma onda :
Non son catalán
aínda que nestes momentos non me importaría ter a dobre
nacionalidade ( dígoo por si acaso). Fun un ouvinte e lector destes
medios ( aínda que non só, por suposto) desde hai medio século a
pesares de non estar de acordo en moitas cousas, a pesares de ser os
teóricos do deporte como “opio do pobo” (“analxésico” dicía
De la Morena) e, sobre todo, a pesares da súa visión
madrileñocéntrica que, desde o meu punto de vista, chega a ser
case imperialista. Digo que fun, porque hai semanas que xa me é case
imposíbel seguir escoitándoos, véndoos ou léndoos pola forma
tramposa coa que difunden as súas posicións políticas.
Alá
vostedes e
a súa conciencia, no
caso de que non a
teñan vendida.
Vostedes, que
tanto demandan transparencia aos demais,
¿Por que non
comezan cada
programa dicindo
as/os ouvintes, a
soldo de quen
están e que
intereses teñen os
propietarios dos seus
medios - empresas, grandes bancos, fondos voitres
e outros-?
Así poderíamos
ter una opinión sobre si cumpren
coa súa
función social de informar ou
defenden determinados intereses. Supoño
que saberán como
se lle chama
ás persoas que
perciben unha
paga por estes
servizos ou
que realizan calquera tipo de actividade só por diñeiro,
pero prefiro evitar a
definición. Non
se preocupen, somos persoas adultas que, con estes
datos, podemos formarnos a nosa propia
opinión
Non teñan medo
de ser consideradas “buenistas”, como lle escoitei a certa
comunicadora da SER un día destes, porque evidentemente no o son.
Levan meses aleccionando á opinión pública para que se enfronte ás
lexítimas demandas catalás dun xeito que admite moitos
cualificativos, o mais suave, o de “hipócrita”. Non importan os
argumentos para elo: vostedes non os necesitan. A súa táctica é a
de aparecer como “dialogantes” mentres connotan negativamente,
de xeito repetitivo, aquelo que lles interesa. Así, si falan do
referendo de autodeterminación sempre irá unido a cualificativos
negativos como “simulacro”, “ilegal”ou similares, sen
necesidade de demostrar nada que xustifique a súa utilización. Si
falan do proceso aberto en Catalunya irá acompañado de expresións
como “desafío”, “deriva”, “desvarío” ou similares. E
tampouco dedican ningún tempo a demostrar ningunha destas
afirmacións. Finalmente, para no alongarme, as escasas veces que lle
dan voz a representantes de posicións políticas diferentes á súa
(favorábeis á celebración do referendo ou independentistas por
exemplo) as entrevistas serán agresivas (as veces semellan case
interrogatorios policiais) mais tamén tramposas onde as
entrevistadoras e entrevistadores opinan mediante a elección e a
formulación das preguntas. Isto colócaas/os en situación de
superioridade reforzada pola práctica, relativamente frecuente, de
cerrar a pregunta ou entrevista cunha opinión en forma de afirmación
indiscutíbel, que contradí á persoa entrevistada pero sen dar
ocasión a que esta exprese a súa. Si queren debater con quen non
opina igual que vostedes, debatan, pero de igual a igual e non de
maneira tramposa. E despois no aproveiten o feito de que xa non están
en antena ( as persoas entrevistadas ) para machacalas nas tertulias
sen darlles opción de defenderse.
Polo contrario,
cando as persoas entrevistadas son de súa corda, a entrevista
volvese amigábel, e moitas veces da a impresión de que case lle
están facendo a pelota. Un día desta mesma semana unha
eurodiputada, si non me equivoco do PSOE, atreveuse a dicir mais ou
menos o seguinte: na transición, franquistas e exiliados puxéronse
a dialogar aínda que cada un tería moito que reprochar aos outros.
É dicir puxo ao mesmo nivel a quen deu un golpe de estado e nos tivo
décadas baixo unha ditadura que a quen a sufriu. Podo entendelo
(aínda que non compartilo) en xente do PSOE, un partido que pactou
cos franquistas e permitiu que nesta sociedade, en grande medida e
transversalmente, siga pervivindo a ideoloxía franquista no seu
subconsciente e, polo que se ve nestes días, cando se ve
cuestionada, tamén no consciente. Pero non me é tan doado entender
por que a “progresista” condutora do programa no lle recriminou a
súa posición como fai sen pudor cando entrevista a
independentistas. Se cadra non o fixo porque a comparte, algo que se
pode entender, mais nese caso debe aclaralo (e o digo de novo para
reclamarlles a vostedes a transparencia e claridade que vostedes
demandan aos demais)
Por favor, deixen
de utilizar os argumentos retorcéndoos e empregándoos segundo lles
convén, ou mesmo, cambiándoos si fai falta para xustificar as súas
posicións. Por exemplo, insisten en falar de un referendo sen
garantías, despois de que todo o mundo puido comprobar como foi o
poder (que inclúe ao conxunto do aparato do sistema : goberno,
xudicatura, policía e medios de comunicación, entre outros, agás
excepcións) quen evitou que houbese garantías, censurando e
requisando calquera elemento que servira para que existisen esas
mesmas garantías. E cando viron que non podían impedir a votación
porque a sociedade catalá tivo a intelixencia de actuar como si
estivera na clandestinidade (onde de facto a situaron), o goberno
decidiu impedilo a paus e dando un “pucherazo” (¿no é así como
se chama cando se levan pola forza as urnas cheas de votos e, polo
tanto, se altera o resultado do escrutinio ?)
Por exemplo
vostedes nunca contaron os votos en relación ao censo senón ao
número de votantes. Ate de agora , en que para quitarlle valor ao
referendo, cambiaron a forma de contar porque lles convén para
transmitir a idea de que os independentistas non teñen votos
suficientes e posicionar á opinión pública en contra deles. No
sei si me fallan os números (si é así fáganos vostedes ), pero
segundo os meus cálculos o Referéndum sobre a permanencia de España
na OTAN foi aprobado polo 31% do censo electoral e o Referéndum
sobre a Constitución Europea polo 32%. Nunca lles lin nin lles
escoitei a vostedes cuestionar a lexitimidade democrática destes
procesos. O referéndum catalán realizado en condiciones propias dun
estado de excepción conseguiu un 38% de votos afirmativos sobre o
censo electoral, sen contar os votos incautados e as persoas ás que
se lles impediu votar. E, sen embargo, este si que o cuestionan.
Vostedes no fan
mais que dicir que non é suficiente sacar mais votos “si” que
“non” para tomar unha decisión tan importante como a
independencia. É unha opinión que merece respecto. Pero deberían
aplicala en todos os casos. Sempre poñen como exemplo de aceptación
democrática o Referéndum para a ratificación da Constitución
española. Mais, como ben saben, esta decisión tan transcendental
que nos mantivo polo menos corenta anos inmóbeis porque a converteu
en dogma intocábel , só acadou o voto afirmativo do 59% do censo
electoral. No referendo catalán o voto afirmativo oscila entre o 38%
e o 50% do censo electoral ( A cifra mais alta é unha estimación no
suposto de que a xente á que lles roubaron os votos ou lle impediron
exercelo, votaría na mesma liña que as persoas que votaron
realmente, suposto bastante probábel xa que a mostraxe -votos
contabilizados- é moi ampla). Para vostedes este porcentaxe , sen
embargo, non é suficiente ¿Quen lles deu a facultade para decidir
onde está a liña vermella? Cando menos dean os datos de xeito
comparado como veño de facer
E finalmente
¿como se poden considerar demócratas unhas persoas que , como
vostedes, entenden que a lei está por riba da xustiza, da moral, da
democracia ou dos dereitos individuais e/ou colectivos? ¿Coñecen
vostedes algún dereito que se conseguira sen que houbera persoas e
organizacións que incumpriran as leis que os prohibían? A pouca
democracia que temos non chegou aquí por obra do espírito santo nin
polas conspiracións de catro “persoeiros/as” senón porque moita
xente se arriscou a ir á cadea ou a cousas peores (e as sufriu)
incumprindo leis que negaban dereitos. Si todos/as nos pregaramos a
cumprir as súas leis, seguiríamos na ditadura
Supoño que a
vostedes pouco lles importa o que eu diga, pero dito queda.