19 abr 2011

Auga

Hai unhas semanas, na manifestación en contra da lei de augas de Galiza botei en falla ás organizacións ecoloxistas. Ao dia seguinte , sen embargo, publicaron un manifesto sobre a auga . onde atopei a explicación . Inda que no manifesto se pronuncian en contra desta lei, as organizacións ecoloxistas galegas parece que son partidarias da existencia do canon da auga. Isto, claro está, choca coas reivindicacións dos/as convocadores/as da manifestación.
O debate é importante.Partamos do que teñen en común, ao meu entender, ámbalas dúas posicións: A auga é un ben público e o seu uso debe ser racionalizado. Hai moita xente que está convencida e defende de boa fe que esta racionalización se vai conseguir facendo que a auga teña un prezo.Para as organizacións convocadoras da manifestación , o mais negativo desta lei é precisamente isto. Poñer prezo a auga, significa convertela nunha mercadoría, ou sexa, obxecto de negocio.
Desde o meu punto de vista, incrementar o prezo de mercadorías e servizos, pode servir para racionalizar o seu uso. Son partidario dilo, nalgúns casos. Mais cando se trata de bens fundamentais para a vida ou cando afecta a servizos básicos, hai que ser moi prudentes porque isto sempre é perigoso.
Na actualidade xa hai servizos básicos que teñen un prezo ou nos que xa funciona o co-pago. Seria interesante analizar si supoñen unha racionalización do uso dos mesmos. Por exemplo, o subministro eléctrico, o ensino universitario, etc. Axiña estaremos diante doutra proposta no mesmo sentido: a implantación de un co-pago na sanidade co obxectivo de racionalizar o seu uso.
Desde o meu punto de vista, a política tarifaria podía ser útil na racionalización do uso dun ben ou servizo básico si se fixeran incrementos moi importantes. Mais iso, non o soportaría a sociedade e mesmo podería rematar co negocio en si mesmo que se basea na existencia dun consumo moi xeneralizado. Mais a racionalización tamén se pode conseguir con medidas non estritamente impositivas ou tarifarias. Por exemplo, a separación selectiva do lixo, vai avanzando en todas as cidades sen necesidade de medidas económicas que graven a quen incumpra coa reciclaxe.
Na miña opinión, é dubidoso que se poida conseguir unha racionalización do uso da auga a base dunha política impositiva e tarifaria, inda que estou disposto a admitir que ao mellor é posible. Sen embargo para conseguir este obxectivo, o perigo que se corre é moi grande. Si para racionalizar o consumo de auga hai que convertela nunha mercadoría abrindo a porta a que “os mercados” poidan especular con un ben básico para a vida, mellor é buscar outras alternativas. Sen que ninguén me entenda mal, isto é como o caso da enerxía nuclear. Si para evitar o cambio climático temos que utilizar unha enerxía potencialmente tan perigosa, mellor será buscar antes outras alternativas ( ou intentalo).
En todo caso, o que mais me chama a atención, é esa , chamémoslle manía, que teñen as organizacións ecoloxistas en considerar que a solución pasa sempre por poñer en practicas servizos medioambientais ao marxe da propia actividade económica ou para paliar os efectos negativos desta. Sen embargo, ao meu entender, unha boa política en defensa do medio ambiente pasa moitas veces por promover determinadas actividades económicas, por exemplo determinados modelos de agricultura.
Como di Eduardo Ramos algunhas achegas da agricultura , poden ter un prezo porque poden ser valoradas polo mercado. Este é o caso da produción de alimentos e fibras, turismo rural, transformación de produtos, etc. Con todo, outras achegas da agricultura dificilmente poden ser valoradas polo mercado e polo tanto non teñen un prezo. Este é o caso da conservación da paisaxe, dos chans e a biodiversidade, da conservación da modo de vida rural e das tradicións, a seguridade alimentaria e a saúde, etc. Dito, ao meu xeito, determinadas formas de produción agraria xeran beneficios ao medio ambiente con-substancialmente co seu proceso produtivo e inseparablemente del. Por exemplo. un uso racional da auga.
Calquera pode decatarse de que é , precisamente, a destrución do mundo rural, a que provoca que se estean desfacendo todas as infraestruturas hidráulicas que inzaban o medio rural, como as “pozas” que recollían a auga das escorrentias e a utilizaban para o rego.
Non creo que o canon da auga contribúa a reverter esta situación, senón mais ben ao contrario.Neste pais, as comunidades rurais fixeron unha xestión moi eficaz da auga durante centos de anos sen necesidade de que este ben deixara de ser gratuito e foi porque na cultura galega, a lo menos do rural galego, está inscrita a importancia fundamental da auga e a necesidade de usala racionalmente.
En resumidas contas o mellor sería evitar que a auga se converta nunha mercadoría obxecto de negocio e buscar ( ou a lo menos intentalo ) outras formas para conseguir a necesaria racionalización do seu uso.

7 abr 2011

contra corrente ( outra "verdade" na que non creo)

Esta semana  unha estudante de xornalismo envioume unha serie de preguntas sobre a situación económica da universidade en función da miña condición de membro do Consello de Goberno. Moitas delas, levaban, explicitas afirmacións tópicas. E normal nunha estudante,mais preocúpame que se lle este transmitindo estes tópicos. Sigo dicindo que non estamos reflexionando nada sobre esta crise económica. Onte mesmo a Ministra de Economía veu dicirnos que isto vai para largo, para bastante largo. E días antes o de Traballo dixo que a moderación salarial duraría “lustros”. En Portugal levan dez anos en crise económica e agora agárdenlle cando menos outros tantos. Toda unha vida. De Xapón nin falamos. E dos países pobres …..Mais da a impresión que seguimos agardando a que pase a tormenta ( que sempre son curtas aínda que duren) para saír á rúa e seguir facendo o mesmo que faciamos antes de que estoupara. Pero as tormentas , din  as vellas, veñen por quendas de nove días ( o novenario) e iso é moito.
Todo isto ben a conto de que un deses tópicos explícitos nunha pregunta era: “as universidades deben ser o  motor do novo modelo económico”. Mais ¿quen dixo que iso era verdade?
Isto esta relacionado con outro tópico: "o novo modelo económico debe basearse no investimento en educación e … sobre todo en I+D+i”. O do gasto en educación en educación como investimento produtivo xa foi cuestionado por Paul Krugman nun artigo de EL PAIS ( titulaciones e dolares) . Alégrome de coincidir con el. Hai anos que me “cabreaba” con quen dicía que a universidade era “a primeira industria de Lugo”. Sempre cuestionei esta afirmación e tratei de rebatela.
Mais o peor de todo é esa manía que lles entrou a todos/as co I+D+i. Pois ben a min me parece que isto é un molotof ( a sobremesa portuguesa só chea de aire). Non creo que isto sexa o modelo económico a seguir. En primeiro lugar, ¿por qué hai que innovar? ¿Para substituír os electrodomésticos cada dous anos? ¿Para cambiar de auto cada tres? ¿Para cambiar de vestiario cada seis meses?. Para min detrás da idea de que é preciso innovar, agochase a segunda etapa da “obsolescencia programada", e dicir dunha estratexia capitalista para que consumamos sen necesitalo porque o capitalismo necesita vender moito ( sexa o que sexa). E aí eu non estou de acordo. Claro que hai innovacións que son boas: novas fontes de enerxía renovábeis, novos medicamentos que podan utilizar a xente pobre, … Mais a innovación pola innovación é simplemente unha estratexia capitalista para o consumo irresponsable.
E qué dicir do desenvolvemento polo desenvolvemento, que esgota os recursos do planeta. Eu mais ben póñome á beira  dos/as que defenden o decrecemento.
E por fin… a investigación. Claro que defendo a investigación, mais para min moito do que hoxe chamamos investigación é unha actividade rotinaria de “experimentación” moi pouco creativa e intelectualmente pobre polo xeral. Investigación consiste en crear novas formas de pensar e ver o mundo, non en repetir milleiros de accións nunha maquina. Non lle quito valor a esta “experimentación”, só creo que é outra actividade diferente. E si por riba se converte nun fin en si mesmo, realizado para o medre persoal, burocratizado e sometido ás normas “científicas” ditadas por xente que se autoproclama garante e xuíz da calidade científica da investigación. Pois xa estamos.
Ou sexa que , xa vedes, isto si que é ir contracorrente mais creo que nin as universidades, nin a educación, nin o I+D+i son as bases de un novo modelo económico. O decrecemento , o uso racional dos recursos e o consumo responsable , si.

comentarios