11 ene 2011

outros marcan os obxectivos, nós debatemos como acadalos


O normal nesta vida é fixar cal son os obxectivos a acadar e tentar facelo. Mesmo se non o conseguimos, o camiño en si xa vale a pena case sempre. En certa maneira o camiño é a meta. Pero todo isto ven a conto de que teño a impresión de que caín, ou mellor caemos, na trampa.
A min paréceme que na nosa vida diaria e colectiva case sempre estamos preocupados/as ou debatendo sobre o xeito de acadar os obxectivos. E tan centrados estamos nisto, que deixamos que sexan outros quen marquen estes obxectivos. Así vexo como a esquerda debate sobre cómo aumentar o PIB e aumentar o desenvolvemento económico. Mais ¿quen inventou o PIB? ¿quen decidiu que aumentar o PIB é o obxectivo?
Na nosa vida diaria pásanos o mesmo. Estamos continuamente preocupados/as polos cartos e por consumir. Pero ¿ quen decidiu que a nosa vida ten como obxectivo consumir e acumular cartos?
O exemplo máis claro témolo na universidade. Agora as políticas universitarias consisten en propoñer o mellor xeito para conseguir a “excelencia”. E dicir en estar mellor situados no ranking de universidades. Máis ¿ Que decidiu que é a excelencia? ¿quen elixiu aos que elaboran os rankings? ¿Quen decidiu os criterios cos que se elaboran? Mesmo  ¿Quen decidiu que hai que ser excelente ou estar mellor clasificados nun ranking é o obxectivo a acadar?
O peor é que mentres nos seguimos pelexando por chegar a os obxectivos que outros marcaron para nós, eles xa están pensando en novos obxectivos, mesmo apropiándose ou desvirtuando as propostas máis lucidas (por exemplo  o abandono do PIB como indicador e guía das políticas económica é xa asumido por Sarkozy e/ou Cameron)
Dicía Antoine de Saint Exupery que para ver claro hai que empezar por cambiar a dirección da mirada. Efectivamente de tanto mirar e centrarnos nos obxectivos que outros marcaron xa vemos todo borroso e non sabemos cara onde ir.
O outro dia vin  na 2 o documental sobre a obsolescencia programada e cada vez estou máis convencido que os/as que defenden o “decrecemento” teñen razón no fundamental.
En todo caso, ¿non será mellor que debatemos sobre os obxectivos que temos que acadar para conseguir un consenso persoal e social neso en lugar de debater cómo facer mellor para acadar os obxectivos que outros marcaron?

6 ene 2011

Algunhas preguntas sobre o tabaco


 ¿Por qué denunciar a un home que maltrata é un servizo á sociedade e denunciar que nun local non se cumpre a lei antitabaco e  unha delación mal vista tanto polos comentaristas de extrema dereita como por persoas a quen teño por progresistas e de esquerdas?
¿Por qué denunciar o incumprimento dos horarios do transporte publico é unha reivindicación, aínda que prexudique ao conductor/a mentras que denunciar que nun local se está atentando contra a saúde publica é propio dun estado policial?
¿ Por qué todos/as nos lanzamos a criticar algo que ninguén dixo só porque os medios de comunicación digan que o dixo?
¿ Por qué cando algo nos prexudica persoalmente sempre buscamos unha xustificación teórica ou ideolóxica para defendernos en lugar de admitir simplemente que non nos gusta porque nos prexudica?
¿ Por qué cando se fai algo mais ou menos correcto que nos prexudica sempre buscamos o argumento de que hai outras cousas que facer antes?
¿ Por qué os fumadores/as que se sinten acosados/as non lembran cando eles nos acosaban aos non fumadores e nos decian de xeito prepotente aquelo de  "si che molesta o fume, sal para fora"? 

comentarios