Na miña opinión é necesario un observatorio permanente do
medio rural galego para analizar como vai evolucionando a situación do mesmo e
como van cambiando os datos que o definen. En consonancia con esta opinión ao
longo dos próximos meses pretendo elaborar unha serie de artigos e documentos
co obxectivo de actualizar as análises que fixen no seu momento.
Neste enlace podedes acceder ao documento completo:
https://drive.google.com/file/d/1Spr9R4TU4qJQvJOarQSaVKnWtBbOOdrM/view?usp=sharing
Empezarei por intentar responder de novo á pregunta: que é o medio rural galego hoxe? É dicir por tratar de cuantificar e caracterizar a poboación rural que temos actualmente no noso país, algo nada doado por certo. Despois farei un percorrido polos debates máis actuais que se están dando a nivel mundial sobre o papel da agricultura.
A continuación analizarei se Galiza ten condicións
edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc. para alcanzar a soberanía
alimentaria ou, en todo caso, achegarse o máximo
posíbel a ela. E tamén analizarei se se podería acadar isto a través do
comercio de proximidade cun sistema produtivo máis respectuoso co medio
ambiente e en concreto no caso da produción de gando herbívoro máis extensivo
que o actual.
Se existise esta posibilidade, unhas
medidas políticas, sociais e económicas adecuadas talvez conseguirían o xurdimento
un novo sistema agrario, transformando o actual modelo agrogandeiro. Un sistema
agrario que fora o orgullo das galegas e dos galegos. Un sistema agrario
que fora un referente para quen considera que a agricultura debe estar ao
servizo da humanidade e non en función dos mercados, dos beneficios
empresariais e dos intereses das multinacionais do agronegocio.
Ademais abordarei o papel que cumpren a agroecoloxía e a
agricultura tradicional neste contexto e valorarei a importancia cualitativa e
cuantitativa do autoconsumo.
Agardo que no seu conxunto esta serie de artigos e
documentos contribúan a unha nova e necesaria chuvia de ideas sobre o rural e o
sistema agrario de Galiza.