19 dic 2023

 

Na miña opinión é necesario un observatorio permanente do medio rural galego para analizar como vai evolucionando a situación do mesmo e como van cambiando os datos que o definen. En consonancia con esta opinión ao longo dos próximos meses pretendo elaborar unha serie de artigos e documentos co obxectivo de actualizar as análises que fixen no seu momento.

Neste enlace podedes acceder ao documento completo:

https://drive.google.com/file/d/1Spr9R4TU4qJQvJOarQSaVKnWtBbOOdrM/view?usp=sharing

Empezarei por intentar responder de novo á pregunta: que é o medio rural galego hoxe? É dicir por tratar de cuantificar e caracterizar a poboación rural que temos actualmente no noso país, algo nada doado por certo. Despois farei  un percorrido polos debates máis actuais que se están dando a nivel mundial sobre o papel da agricultura.

A continuación analizarei se Galiza ten condicións edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc. para alcanzar a soberanía alimentaria ou, en todo caso, achegarse o máximo posíbel a ela. E tamén analizarei se se podería acadar isto a través do comercio de proximidade cun sistema produtivo máis respectuoso co medio ambiente e en concreto no caso da produción de gando herbívoro máis extensivo que o actual.  

Se existise esta posibilidade, unhas medidas políticas, sociais e económicas adecuadas talvez conseguirían o xurdimento un novo sistema agrario, transformando o actual modelo agrogandeiro. Un sistema agrario que fora o orgullo das galegas e dos galegos. Un sistema agrario que fora un referente para quen considera que a agricultura debe estar ao servizo da humanidade e non en función dos mercados, dos beneficios empresariais e dos intereses das multinacionais do agronegocio.

Ademais abordarei o papel que cumpren a agroecoloxía e a agricultura tradicional neste contexto e valorarei a importancia cualitativa e cuantitativa do autoconsumo.

Agardo que no seu conxunto esta serie de artigos e documentos contribúan a unha nova e necesaria chuvia de ideas sobre o rural e o sistema agrario de Galiza.



comentarios