7 sept 2015



Mais aló das xustas reivindicacións destes días, o actual modelo do sector lácteo é dificilmente sustentábel e dificilmente defendible


Xa sei que o que vou dicir non vai gustar a moita xente. Supoño que é unha herexía e xa sabemos o que se fai cos herexes. Mais haberá que arriscarse a dicilo. Pero vaia por diante que non me empeño en ter  a razón. Si non estades de acordo co que digo, con non facerme caso, todo amañado. Procurarei non insistir nin retrucar.

Empezo por dicir que creo que os chamados/as gandeiros/as do sector lácteo teñen razón neste momento ao pretender un prezo mais alto para o leite. E tamén a teñen os sindicatos en defender esta posición e en mobilizarse. E a súa función. Pero a continuación digo que non entendo nin comparto a posición das persoas e das organizacións políticas ( sobre todo se son nacionalistas ) , agás honrosas excepcións, que sen mais saen en “defensa do sector lácteo” ao que consideran un sector fundamental para o pais. E por qué digo esta herexía ?  Pois polo seguinte:

1.- Quen está saíndo estes días cos tractores ás carreteras, na maioría dos casos,  non son labregos/as ( ou campesiños) como eran os/as que saian nos anos setenta do século pasado. Nin eles/as mesmos/as se consideran tais. Non queren chamarse labregos/as, senón gandeiros/as. Son pequenos e medianos empresarios do leite que conciben a súa actividade como un negocio. E como en todos os negocios, igual que agora sofren prezos baixos, non hai moito pasaron tempadas de prezos moi rendíbeis. As explotacións de leite hoxe en dia son na súa maioría, fabricas que utilizan seres vivos, nas que entran os insumos e saen os produtos, como en calquera fabrica. Moi lonxe da concepción da vida e da actividade campesiña e bastante mais preto do modelo de integración capitalista que implantou COREN neste pais. Analizado baixo esta perspectiva veredes que certos comportamentos “expontaneos” das tractoradas encaixan perfectamente no comportamento desta clase social ( ou sector da sociedade se é máis moderno dicilo así).

2.- O actual modelo do sector lácteo é dificilmente sustentábel e dificilmente defendible desde unha perspectiva de pais e desde unha perspectiva medio ambiental e agroecoloxica.
Non é defendible desde a perspectiva ambiental porque é un modelo produtivo de gandería industrial  con grande impacto ambiental, que consume demasiada enerxía, xera enorme cantidades de gases de efecto invernadoiro e está inzando o pais de cultivos transxénicos, contaminado o solo con herbicidas, etc..
Non é defendible desde a perspectiva de pais, porque é un sector económico de monocultivo con destino á exportación. O típico exemplo da dependencia económica ( colonial diriamos hai anos) . Mentres producimos leite para 30 millos de persoas, temos que importar mais da metade dos alimentos que consumimos. Así que semella ridículo os chamamentos a consumir leite galego.

3.- Está ben que se pida a intervención da administración para garantir os prezos. Iso significa utilizar os cartos de todos/as nos para elo. Por iso , se cadra, convén saber que , igual que os cartos do rescate de Grecia acaban maioritariamente nos bancos alemáns, os cartos que se lle dean ao sector lácteo acabaran nas multinacionais e nas empresas de penso, de maquinaria, de semente e nos bancos. Porque alí acaban máis do 70% dos ingresos do leite dunha explotación de leite. E si se controlan os prezos de venta dos produtos e non os prezos de compra de insumos , xa sabedes o que ocorre ¿non si? E con isto non digo que non haxa que facelo nesta situación, só que convén saber que estamos facendo.

4.- Non acabo de entender, xa que logo, que se mida o nacionalismo poñendo liñas vermellas no pacto ou non pacto con partidos estatais, mentres se defende un modelo de produción como o lácteo. Seica queremos soberanía para afondar na nosa dependencia económica, para avanzar na destrución ambiental do pais? Pois para iso, mellor deixalo. Se o noso proxecto nacional vai consistir en imitar aos demais, en percorrer os camiños do capitalismo dependente que outros percorreron antes, empezo a pensar que mais que nacionalismo o que temos neste pais non pasa dun rexionalismo que ao carecer de proxecto nacional propio ten que buscar a diferenciación no secundario.
Dito isto, o meu apoio aos pequenos e medianos empresarios/as do sector lácteo porque ao fin eles/as non fixeron mais que seguir o modelo que lles impuxeron, mais este apoio non debe impedir que lles lembre que mentres outros/as se baixaron do modelo ou non quixeron seguilo, unha grande parte deles/as afondaron cada vez mais nel con  prepotencia, porque só ollaron para o seu interese económico e moitas veces mesmo se burlaron de quen se resistiu a seguir este camiño ou emprendeu outro con menos “brillo” económico.
E tampouco me pode facer esquecer que só representan arredor do 20% dos persoas que traballan no sector agrario e que a maioría do outro 80% segue a ser invisíbel para a ciencia, a economía e a política ( mesmo da esquerda e do nacionalismo, agás honrosas excepcións), a pesar de que, en xeral, seguen un modelo menos dependente, mais preto do agroecoloxicamente ideal e que producen, non para exportar, senón, sobre todo, para cubrir as necesidades de alimento da poboación galega. Estes labregos/as, que a maioría non están na tractorada, si que son un sector fundamental para o pais desde a perspectiva económica, social, identitaria e ambiental.

comentarios