A mediados dos anos
setenta do pasado século, a palabra de orde nas mobilizacións agrarias era “nos
non somos empresarios, fora a cota empresarial”, unha reivindicación da
condición de labrego ( ou campesiño).
Hoxe, un terzo de século mais tarde, parece que xa non existen os
labregos/as, preferimos chamalos/as ( e chamarse a si mesmos/as ): gandeiros/as,
viticultores/as,...
Evitamos falar da
pequena explotación labrega familiar e minifundista. Só temos en consideración
ás explotacións profesionais porque aquela, centro dos ataques de quen a vía como
exemplo do noso atraso, foi arrombada e pouco a pouco fíxose invisíbel. Mais aínda
existe. A miña intención neste artigo é contribuír a facer visíbel esta outra
agricultura, a das labregas e labregos resilientes, que semellan non existir
aos ollos da maioría. Tento contribuír a demostrar a importancia tanto do seu
papel social como da súa produción agraria desprezada pola a maioría dos/as
economistas pero fundamental para alimentar á poboación galega. Non pretendo
facelo en contraposición ás explotacións profesionais ( os/as gandeiros/as
sobre todo) nin esquezo a súa importancia, pero estas si son visíbeis… e seria necesario outro artigo para analizar a
situación na que se atopan e un modelo produtivo con evidentes síntomas de
esgotamento.
Como indica o profesor Oliveira Baptista, a pequena explotación
familiar é moi versátil. As persoas que traballan nelas fano por motivos moi
diversos. Para unhas pode ser fundamental o rendemento económico que poidan
obter da explotación mais para outras pode selo o feito de que lle proporcionan
vivenda e alimento. Pero ademais hai moitas outras razóns para estar
interesado/a neste tipo de explotación agraria: identidade persoal,
posibilidade de vivir nun medio que se coñece e/ou que gusta, expectativa de herdanza, etc.
En Galiza a produción agraria depende, en grande medida, destas pequenas
explotacións familiares, de labregos/as que son considerados/as marxinais ou
ben que non son “profesionais” nin aparecen nas estatísticas como activos/as
agrarios. Unha análise moi sinxela
indícanos que a practica totalidade das persoas que se dedican á
agricultura viven en parroquias con menos de 2000 habitantes ( con núcleos de
menos de 300 ) . Pero nestas mesmas parroquias viven preto do sesenta por cento
dos/as xubilados/as e dos/as traballadores da construción de Galiza, case a
metade dos/as da industria e das persoas que se dedican á pesca e a terceira
parte dos/as empregados/as do sector servizos. Como consecuencia, nos núcleos
rurais, as persoas que oficialmente traballan na agricultura representan pouco
máis da quinta parte.
Podiamos dicir pois
que a inmensa maioría das persoas que traballan no sector agrario viven nos
núcleos rurais , pero que a maioría das
persoas que viven nos núcleos rurais non se dedican “oficialmente” á actividade
agraria. Sen embargo non son alleas á mesma. Desde o noso punto de vista, aínda
que estea localizada no medio rural, a agricultura practicada por estas
persoas, se a entendemos en sentido amplo, ten unhas características
especificas que nos permiten cualificala como o que hoxe en dia se denomina agricultura
periurbana ( e/ou urbana), unha agricultura aínda descoñecida tanto a nivel
local como global, a pesares de que é un sector en rápido crecemento que,
segundo a FAO, proporciona alimentos aproximadamente á cuarta parte da
poboación urbana mundial ( 700-800
millóns de persoas). Da súa
importancia en Galiza pode dar idea o feito de que, segundo as nosas
estimacións, os/as labregos/as a tempo parcial, achegan aproximadamente a
metade da unidades de traballo agrario (UTAs) a pesares de que semellan non existir nin para as políticas nin para a
opinión pública,
Unha parte importante da produción das labregas e labregos das pequenas
explotacións, uns marxinais outras invisíbeis, ten como destino o consumo
propio ( da familia e parentes) ou a
venta en mercados locais. Este tipo de produción en grande medida non se
incorpora á estrutura comercial hoxe dominante. Por esta razón, desde o punto
de vista económico, ou ben simplemente non se valora ou ben non se fai
axeitadamente. Sen embargo outra sinxela análise das características e destino deste
tipo de produción, permítenos afirmar que é unha produción diversificada que se
destina a alimentar aos galegos/as, en contraposición coas características da
produción das medianas e grandes explotacións profesionais, nas que
habitualmente centramos a nosa atención, que se pode definir como de monocultivo
gandeiro ( fundamentalmente leite) con
destino á exportación.
O balance agroalimentario de Galiza é negativo. Este dato incuestionábel
pódese complementar, segundo as nosas estimacións, con outro:
a agricultura profesional cubre pouco mais da terceira parte do noso
consumo de produtos agrícolas. Sen embargo, si comparamos os datos da produción
das arredor de 20.000 Has de hortas familiares ( para consumo propio e local) e
o consumo medio por habitante, podemos concluír que esta produción ( que non
contribúe ao PIB ) está satisfacendo as necesidades de centos de milleiros de
persoas. Por exemplo a produción de hortalizas para autoconsumo en Galiza esta
entre 100-135 mil toneladas ( Xunta de Galiza) e o consumo per cápita entre 50-
70 Kg (
Ministerio Agricultura). Así pois esa produción agraria non contabilizada que
non chega as grandes areas comerciais nin a maioría das tendas podería estar
alimentando como mínimo a un millón e medio de persoas ( mesmo considero que as estimacións son
conservadoras). É dicir, non só á xente que vive no medio rural senón tamén a
unha parte substancial da poboación vilega e urbana, evitando, deste xeito, que
a situación da Galiza deste o punto de vista da soberanía e/ou a suficiencia
alimentaria chegue a ser catastrófica.
Si alguén se está preguntando como é posible isto, teño
que lembrarlle que, aínda que a relación entre o tamaño das explotacións agrarias
e a produtividade é un vello debate,
hoxe en dia a maioría dos datos evidencian que as explotacións máis pequenas producen moito máis por unidade de área
que as grandes explotacións. A maior eficiencia da produción agrícola a pequena escala
pódese considerar xeral en todo o mundo e as nosas estimacións
indican que en Galiza tamén se confirma a existencia dunha relación inversa
entre tamaño da explotación e rendemento económico por Ha. Algúns autores
apuntan que, en todo caso, as grandes explotacións son mais eficientes por
unidade de traballo ( para eles o mais importante) aínda que non o sexan por
unidade de superficie. Pola nosa banda non atopamos unha correlación significativamente
positiva entre tamaño da explotación e rendemento económico por unidade de
traballo para o caso galego, pero isto é o de menos, porque, desde o noso punto
de vista o obxectivo a conseguir non debería ser tanto a maximización do
beneficio individual das explotacións concentrando o traballo a renda nunhas
poucas delas, senón mais ben o maior numero de postos de traballo ( e de
explotacións) posíbel cun nivel de renda digno.
Seguramente que hai
moitas persoas ás que lles pode sorprender que falemos da eficiencia económica
das pequenas explotacións familiares que sempre foron consideradas atrasadas.
Sen embargo compre lembrar que xa son varias as investigacións que cuestionan
este mito demostrando que historicamente a agricultura galega non se pode cualificar
como atrasada, nin moito menos. Como se ten descrito, tradicionalmente o noso sistema minifundista pretendía, desde o
punto de vista produtivo, optimizar os rendementos dos cultivos tendo en conta
a variabilidade do ecosistema, establecendo estratexias para usar os insumos
necesarios na cantidade requirida, no sitio adecuado e no momento oportuno.
Curiosamente esta é a definición, mais ou menos textual, para a chamada “agricultura de precisión”, a
mais moderna das agriculturas convencionais, que, na súa forma actual, apareceu
en Estados Unidos nos anos oitenta. Xa que logo
¿Non era o minifundio en Galiza unha agricultura de precisión e afortunadamente
aínda o é en certa medida ?
Mais a importancia das
pequenas explotacións labregas familiares non se pode reducir á economía xa que
cumpren
outras funcións de grande transcendencia para a sociedade. As pequenas explotacións labregas familiares acollen como mínimo
oito de cada dez persoas que traballan na agricultura e achegan a metade das
unidades de traballo. Podemos estimar que xestionan entre un 65% e 80% da SAU e mesmo
entre un 15 % e un 20% da superficie de monte, incluída a forestal ( as explotacións agrarias profesionais por
exemplo a penas xestionan o 2% do monte) ). As pequenas explotacións labregas
familiares son pois indispensábeis para ocupar e xestionar o territorio con todo
o que isto supón. Pero ademais prestan importantes servizos ambientais e
sociais ( conservación da biodiversidade, do patrimonio material e inmaterial,
etc.). En resumidas contas teñen enormes vantaxes comparativas para encaixar
nos novos paradigmas mundiais que conciben a agricultura do século XXI como
unha actividade que non só debe producir alimentos, fibras e materia prima para
a industria, senón tamén servizos á sociedade.
Concluíndo pois, non só hai gandeiros/as en Galiza. A
pesares de todo tamén hai labregos/as que resistiron baixos diversas formas. Esta
agricultura invisíbel e desprezada non só segue a ser unha das nosas sinais de
identidade senón que, hoxe en dia, ten
unha grande importancia económica e social pero, sobre todo, podería ter mais
no futuro desde a perspectiva dos novos paradigmas agrarios que se abren paso a
nivel mundial... si lle prestaramos un pouco de atención.