21 nov 2011

"magnifico" resultado...., mais tras dos tempos veñen tempos... e outros tempos han de vir

Hai quen di que os partidos de fútbol substitúen ás guerras ( afortunadamente ) . As equipas son os "exércitos” que pelexan por nos. Asi se entenden moitas cousas. Coas  eleccións pasa algo parecido. Para a xente que fomos criados/as na ideoloxía da esquerda, cada elección vémola como unha “toma do poder” , como unha revolución que se gaña ou se perde para sempre. Eu vivín así moitas eleccións , mais xa pasei unha chea delas, 25 ou 30, e agora xa me parece que teñen mais similitude co fútbol. E dicir cada parido é decisivo, é o partido do século, mais ao pouco hai outro partido mesmo outro campionato. Iso non que dicir que non haxa eleccións que son decisivas para moito tempo. E estas son desas.
Pero hai outras similitudes. Nos últimos tempo cada vez me preocupa mais esta concepción de que as eleccións son confrontacións que gañan ou perden os partidos políticos. As eleccións non as gañan ou perden os partidos políticos. Nas eleccións decidimos cómo nos vai ir no futuro a nós. E dicir votamos por nós e para nós. Polo tanto as alegrías ou tristuras dos partidos non teñen sentido e menos olladas individualmente para cada un deles. As que teñen sentido son as nosas alegrías ou tristuras. Nos votamos onte por nós mesmos/as e decidimos que nos interesa ir a peor ( desde o meu punto de vista) , se cadra coa esperanza de que hai que pasalo mal de momento para despois mellorar.
En todo caso a min ocorrésenme varias reflexións sobre os resultados:

1.- Parece evidente que unha maioría dos/as votantes do PSOE decidiu absterse. A vitoria de PP ven mais dos catro millóns de votos que perdeu o PSOE que dos cincocentos mil que gañou. Si o PSOE mantivera o mesmo numero de votos que no 2008, gañaría as eleccións ( a suba do PP seria insuficiente para gañar)

2.- Así pois, o”revulsivo” do 15-M aireado desde os medios de comunicación que podemos situar no centro-esquerda, parece que non serviu para evitar o poder absoluto do PP ( non me atreverei a dicir si axudou a elo). O que sí me atrevo a dicir, porque hai tempo que o penso, é que Zapatero foi tombado, non só pola crise económica, senón polos seus supostos apoios, dentro e fora do partido, sobre todo por certos grupos de comunicación “afíns” ( grupo PRISA por exemplo) que dese hai anos viñan cuestionando ( aberta ou solapadamente ) a Zapatero  por razóns ( se cadra económicas ) que ,desde logo, que non teñen nada que ver coas miñas.

3.- As forzas que se sitúan á esquerda do PSOE e fixeron da defensa  “dramática” do estado do benestar fronte aos recortes “sen precedentes” do PSOE, a penas conseguiron captar a cuarta parte dos votos desencantados do PSOE. Nun barrene anterior deste blog  (25/08/2011)  tratei de explicar que, desde o meu punto de vista, a esquerda estaba enfocando moi mal este debate e deixando que a dereita impuxese a súa vision ideolóxica. Pode ser que tivera razón. EU apenas recuperou o seu nivel de 1979 ( PCE) ou do 1989 , pero lonxe aínda dos resultado de 1996. Da a impresión de que mais que captar votantes do PSOE “recupera” algúns dos seus. O BNG, mesmo perde trinta mil  (o 14% )dos seus votos e salva os deputados pola debacle do PSOE.

4.- Hai tempo que creo que para que se produza un cambio no voto, non só fai falla que o partido a quen se votou estea desacreditado, é necesario que a xente perciba noutro partido unha alternativa viábel. E iso non se deu. En plena crise económica sistémica cando tiñamos que estar formulando proposta nova de cara ao futuro, que de verdade foran ao fondo do problema ( decrecemento, esgotamento recursos naturais, distribución  xusta da riqueza, universalidade do estado do benestar a traveso de rendas básicas ou similares, solucións que dependan de nós mesmos/as, . ..) os programas dos partidos a esquerda do PSOE , en xeral e agás excepcións, eran coma as cancións que as orquestras repetían nas festas ( “dálle á mesma pero máis cargada de bombo” ). E dicir máis ou menos as mesmas receitas ... máis cargadas de bombo
Estes partidos ( EU, BNG, ERC, .) xogaron a aproveitarse do “moribundo” e desacreditado ( PSOE ), tratando de captar o voto do cabreo. Mais o voto do cabreo non da moito de si. Erich Fromm distingue entre as persoas rebeldes e as persoas revolucionarias. Para el , ser rebelde é opoñerse ao establecido e non necesariamente é unha virtude positiva. En todo caso  cando é positiva non vai máis aló do enfrontamento a algo malo. Pola contra as persoas revolucionarias son persoas transformadas que crean novas  e mellores alternativas. El chama a non confundirse e a ser revolucionario/a e non só rebelde. Mais, neste últimos tempos,.os partidos á esquerda do PSOE ( EU mesmo o levaba de consigna) fixeron un chamamento á rebeldía mais non á revolución ( e dicir á transformación do que hai)

En fin, segundo lle escoitei onte aos “lideres”,  “magnifico” resultado para o PP , “magnifico” resultado para EU e “magnifico” resultado para o BNG . Neste ultimo caso non vou ser eu quen cuestione esta estratexia de comunicación  mais propia dos militares en tempos de guerra , porque xa sei o que lle pasa a quen a cuestiona ( traidor!!!). Só agardo que non se cumpra o vaticinio de Groucho Marx : “vamos de vitoria en vitoria ... ate a derrota final”.

O partido foi transcendente, e non nos foi ben, pero dentro de pouco haberá outro partido do século e , agardemos, mesmo outro campionato. Hai que empezar a prepararase.
 

comentarios