20 sept 2011

sen saida ( ai vai un longo barrene)

Escoitei o outro dia a Iñaki Gabilondo dicir que aqueles que queremos algo diferente do que hai estamos nunha ruela sen saída e que máis vale que o recoñezamos. Concordo totalmente con el. A esquerda, sufriu un colapso cando se constatou o fracaso do “socialismo real”. Desde aquela algunhas persoas e organizacións se pasaron á teoría chamémoslle socialdemócrata, e dicir, tratar de modificar mais ou menos radicalmente o sistema capitalista, pero admitindo as regras de xogo existentes. Outras non o fixeron, pero practicárono. Todas practicaron unha política mais ou menos socialdemócrata e nunca se formularon ir máis aló neste tempo histórico. Iso xerou unha esquizofrenia mental nalgunhas delas. Radicais nas formas e nas palabras, moderadas no fondo. Facendo na realidade unha política da que renegaban na teoría. Mais iso é outro cantar.
O caso é que agora, todos e todas descubrimos que este camiño seguido con ou sen convicción teórica, tamén fracasou. Daquela quedamos efectivamente nunha ruela sen saída. Eu diría máis, topeneando coa cabeza contra a parede.
Ao mais que chegan algúns/as é a dicir aquelo de :”xa o diciamos, este sistema é inxusto”. E a continuación insisten nas propostas “clásicas” : Que paguen os ricos (¿como?), hai que manter o estado do benestar (¿con que diñeiro?), etc., etc. E dicir topeneando contra a parede. E mentres a dereita segue cautivando a xente coas súas propostas.
Hai dias dicía que o debate sobre o déficit estábase dando dunha maneira moi equivocada. O outro dia escoitei unha enquisa da cadea ser que parece darme a razón. Hai unha maioría de xente que prefire recortar en servizos sociais que pagar máis impostos. E desta volta non podemos botarlle a culpa ao inimigo ao man para estes casos ( sempre temos un culpábel a man....... que non sexamos nos claro). O manual di que o inimigo causante de que a xente opina de distinta maneira a nos é ............... a prensa. Mais neste caso non a podemos culpar, se aplicamos un mínimo de rigor. As radios, xornais e TV maioritarias non defenden un recorte de servizos sociais, senón o contrario. Sendo xenerosos podiamos dicir que os medios estan divididos.
Cal pode ser a razón desta situación. Pois ao meu entender varias:

1.- A desresponsabilización masiva ( da que fala Mia Couto) e a concepción ( alentada continuamente dende esquerda e dereita ) dun estado paternalista que nos debe todo e co que nada nos temos que comprometer
2.- O descrédito da “clase política” de maneira xeneralizada incentivada por unha xente nova rebelde ( 15 M e similares ) que a critica indiscriminadamente.
3.- Centrar as nosas reivindicación só e exclusivamente nos cartos. Parece que o noso obxectivo é só ter mais cartos. Xa sei que fan falla, mais nuns casos que noutros. Pero hai mais cousas nesta vida que ter mais cartos. Por exemplo seguridade de ser ben atendidos na sanidade e no ensino, por exemplo o coidado da natureza, as liberdades sociais...Ademais por riba de 40.000 ou 50.000 euros anuais a felicidade das persoas non aumenta ( segundo din os estudos, mais en Galiza seguro que o listón é mais baixo).
4.- Asimilar déficit publico a gasto publico. Non pode haber mais déficit, pero si máis gasto publico. Só hai que conseguir mais ingresos, e dicir, aumentar os impostos e xestionar mellor. Asimilar limite de déficit a limite de gasto publico significa admitir que se vai renunciar a recadar máis impostos. Polo tanto é deixar só unha alternativa: ou débeda ou recorte. E fronte a isto, o sentido común elixe claramente.
5.- Non admitir que parte da critica da dereita ten razón. O despilfarro de cartos públicos é bastante notable e a ineficacia da administración tamén. E certo que hai outras mais ineficaces, pero iso é o mesmo que queixarse porque á esquerda se lle esixe unha honestidade que non se lle esixe á dereita. Para ser iguais que os outros .... pensamos a maioria.
6.- Non lembrar que o estado é un aparello ao servizo dunha clase social. Bueno, si isto é moi antigo, decideo doutra maneira. Isto siñifica que o publico non é intrinsecamente bon...nen malo. Que o debate non está entre publico e privado, senon entre ricos e pobres, poderosos e trabaladores, explotadores e explotados ( como queirades expresalo). O publico está ao servizo duns ou doutros, mais raramente ao servizo de todos/as. A dereita segue con ese discurso explicita ou implicitamente. Mais a esquerda xa o abandonou

Eu creo que deberiamos centrar o debate nos impostos e na maneira de conseguir mais recadación. Pero sen esquecer dúas cousas: primeiro que os impostos non o solucionan todo e segundo que as criticas da dereita a certos impostos teñen unha parte de razón. Estamos nun camiño sen saída mais é posible atopar novos carreiros. Posiblemente haxa que transitar algo polos vellos, desbrozar nalgunhas partes e mesmo abrir de novo noutras. Mais é posíbel. Pero é posíbel si recoñecemos onde estamos ( sen saída) e analizamos o terreo de novo como si fora a primeira vez. E dicir se non seguimos a Marx (Groucho) de vitoria en vitoria ate a derrota final e facemos nosa a máxima preferida de Marx ( Carlos): dubida sempre de todo. E si aplicamos o escepticismo, base do desenvolvemento científico e das novas ideas. Permitídeme practicar un pouco deste escepticismo e poñer en cuestión algunhas das bases do noso pensamento “tradicional”.

Iguais en porcentaxe non siñifica iguais

Fagámoslle caso a Obama.... e falemos de Matemáticas. ¿Por que admitimos que igualdade se mide pola igualdade en porcentaxe? . Estamos adoptando unha base teórica totalmente enganosa. A estadística, as porcentaxes, disimuladas agora coa neopalabra :”punto” ou “punto básico”, poden servir para distorsionar a realidade se non andamos con coidado.
Xa sabemos os perigos de usar as medias. Así podemos crer que unha persoa come un bisté ao dia, aínda que non cate a carne en todo o ano, só porque outra come dous. As porcentaxes, compre lembralo, son froito dunha división entre dous números. Non serven polo tanto para comparar nada e por si mesmos nada nos din. Así a pregunta ¿que é maior o 25% ou o 45 %? a contestación é moi galega ......... depende. Porque a porcentaxe nada nos di si non é sabendo os números que serven para calculala. A referencia é a clave e normalmente a súa elección responde a unha intencionalidade ideolóxica ou política.
Parece unha estupidez lembrar todo isto porque supoño que xa o sabedes. Mais , xa que logo, ¿por que todos/as decindo que os ricos pagan o mesmo que os traballadores? Ou que o IVA grava por igual ao todo o mundo?
Empecemos por describir os feitos obxectivos: aínda que ricos e pobres paguen a mesma porcentaxe do seu patrimonio ou ingresos, os ricos pagan máis porque esta porcentaxe se aplica sobre maior cantidade. Isto é sinxelamente incuestionable. Outra cousa é que aínda deberan pagar moito máis, pero este é outro tema.
Mais implicacións ten o tema do imposto ao consumo. Gravar coa mesma porcentaxe os artigos de consumo non significa que ricos e pobres paguen o mesmo. Tampouco é verdade. Quen mais consume mais paga. Aquí non só hai que ter en conta a cantidade que se consume, senón o tipo de artigos que se consumen, Os ricos normalmente consumen artigos gravados cun IVA maior.
O dicir estas cousas non estou defendendo nin atacando nada. Estou describindo a realidade, porque ser conscientes dela é o primeiro que se debe facer para buscar alternativas.
Curiosamente a mesma esquerda e os sindicatos que consideran inxusto que todos paguemos a mesma porcentaxe nos impostos directos ou no consumo, negocian a inmensa maioría dos convenios con subas iguais en porcentaxe para todo o mundo o que leva ao cabo do anos a incrementar as diferencias entre quen cobra mais e quen cobra menos, é dicir, os sindicatos negocian convenios que aumentan as desigualdades. ¿Por que o que consideramos inxusto nun caso non o é no outro?
Finalmente outro erro monumental e contar o diñeiro en bruto. Comparamos a nosa capacidade económica en función do que cobramos en valor absoluto. Mais todos sabemos que o que importa en calquera operación económica non é o que ingresas, senón a diferencia entre o que ingresas e precisas gastar inevitablemente. Isto son as dispoñibilidades económicas que tes para vivir. Non é o mesmo cobrar 1200 euros en Xenebra que 1000 en Lugo. Probablemente as dispoñibilidades económicas e, polo tanto, o nivel de vida sexa maior en Lugo. Sen embargo ninguén fala dos salarios en relación ao custe da vida. Neste caso a porcentaxe podía ter unha interese comparativa. Pero aquí, precisamente, nunca a usamos.

Impostos para qué

Que quede claro que eu creo que os impostos son moi importantes. Xa o dixen. Nalgúns países do norte de Europa mesmo conseguen corrixir a inxustiza do sistema de xeito moi importante. Pero teñen uns limites para acadar esta corrección. Lenin tiña razón cando buscaba outros xeitos de crear un sistema social máis xusto . Inda que se equivocara nas solucións, non se equivocaba ,en grande medida, no diagnostico. Pero, no outro extremo, o mesmo podemos dicir da dereita. Gran parte das súas criticas non están faltas de razón. Cando din que os impostos aos ricos poden produción desercións nos investimentos, teñen razón. Non é unha simple análise. É unha amenza e seguramente están dispostos a cumprila.
Tratase de aplicar o sentido común. Se dicimos que quen mandan son os bancos. ¿creemos que quen manda se vai deixar poñer un imposto moi prexudicial par os seus intereses, así polas boas? Poden ceder ate un certo nivel, pero nada mais. Ou se lles quita o mando ou non se lles vai poder poñer algo efectivo. E si se lles quita o mando, ao mellor xa non se necesita poñerlles impostos.
Con isto non estou cuestionando a necesidade de poñer un imposto aos ricos. O que digo é que non nos enganemos. Esa non é “a solución”. Haberá que ir pensando en outras medidas que corrixan ou eliminen a inxustiza do sistema.
E non pretendo falar de revolución. Só de sentido común. Porque parodiando ao poeta, a nosa esperanza e o noso remedio non pode estar posta nos ricos ( fora) , senón en nós mesmos/as.
Sendo conscientes disto, deixando os prexuízos e sendo algo imaxinativo/a, seguro que se atopan alternativas. A min ocorrésenme algunhas cousas. Un falar por falar (tormenta de ideas dirían nunha reunión de executivos/as):
  • ¿Por que non pensamos doutro xeito o imposto ao consumo? ¿xogando cun IVA diferenciado, mesmo recuperando impostos especiais e o imposto de artigos de luxo, non conseguimos unha redistribución máis equitativa da carga fiscal? E mais doada de controlar porque todo diñeiro que se gasta acaba pagando, se nun é nun artigo é no outro. Un pode aforrar cen euros por non pedir unha factura ao fontaneiro,mais se con eses cen euros merca dou pantalóns, acaba pagando o IVA. So o diñeiro que non se gasta non o paga.
  • ¿Por que non é posible actuar directamente sobre os salarios para corrixir desigualdades? O primeiro empezando por negociar subas lineais nos convenios. Ou con porcentaxes decrecentes a medida que aumenta o salario. E despois poñendo un salario máximo, en valor absoluto ou en porcentaxe do mínimo.
  • Por que, en lugar, de permitir a acumulación de riqueza e despois tratar de que se pague por ela non se actúa antes. Por exemplo poñendo condicións ao reparto de beneficios das empresas. Que non se poda facer sen antes corrixir os baixos salarios dos empregados/as ( polo menos ate un certo nivel). Por exemplo obrigando a que unha parte do patrimonio que supere o razoable, se poña ao servizo da sociedade ( aínda que non se perda a propiedade da mesma) a traveso de investimentos de carácter social.
  • Por que non se crean nos impostos porcentaxes concretos con destinos concretos. Igual que as cotas da seguridade social que só poden adicarse a iso. Así podería haber porcentaxes fixos para sanidade, educación, medio ambiente, dependencia,... E con capacidade de decisión por parte da cidadanía na súa cuantia e no seu destino. Un paso adiante nos orzamentos participativos, para min algo obsoletos xa ( aínda que neste pais non se chegaran a poñer en practica).
  • Fundamentalmente o que fai mais igualitaria unha sociedade non é a progresividade dos impostos ( que axuda, iso si) senón a extensión e universalización dos servizos públicos:
    : a sanidade, ensino, dependencia, protección social, .... Polo tanto, ¿por que non destinamos máis cartos a estes aínda que sexa a costa dunha redución do consumo? Os postos de traballo que se perden nun lado seguro que se crearían noutro
  • da a impresión de que o noso modelo social é o modelo de vida dos ricos e as nosas reivindicacións son conseguir cartos para imitalos. Mais ¿Por que non ensaiamos o decrecemento, a redución do consumo e a creación de postos de traballo vencellados aos servizos xerais universalizados
    E ¿por que non recuperamos o servizo publico como servizo á cidadanía e non como un posto de traballo fixo sen mais?

Seguro que estas ideas son moi criticábeis. Seguro que as hai moito mellores . Podemos contribuír a atopalas. Porque o que si está claro é que estamos nunha ruela sen saída e que de nada nos vale reaccionar como nenos/as:”non quero, non quero, non quero, ...buahhhhhhhhh

comentarios